Andy Warhol (1928- 1987)

Foi a figura máis influínte do movemento Pop. Despois dunha etapa de ilustrador en revistas, Warhol retomou a pintura reproducindo primeiro personaxes das tiras cómicas, para logo centrarse na realización de imaxes de obxectos cotiáns, así como numerosos retratos das personaxes máis famosas da súa época, utilizando principalmente a técnica da serigrafía.

Ademaís da pintura, durante a década de 1960 e inicios de 1970, Warhol tamén dirixiu numerosas películas de estética under ground.


Catalogación

Título: Marilyn

Cronoloxía:1960

Estilo: Pop-Art

Técnica: serigrafía e pintura acrílica sobre lenzo.

Tema: retrato de Marilyn Monroe


A serigrafía de Marilyn Monroe é unha das obras mais coñecidas de Warhol que reproduce unha fotografía da diva do cine americano e sex-simbol da época. Foi realizada por Warhol cando a actriz xa desaparecera e á que a fama que lle precedería, para o cal Warhol tamén contribuíu coa súa obra, sería moito maior ca que tivera en vida.

Está feita sen prestar atención ao detalle e con cores planas de vivos contrastes cromáticos. A configuración da obra en dous planos, sen profundidade nin perspectiva, remite á linguaxe do mundo do cómic e da publicidade, ao mundo xuvenil e da cultura de masas propias dos anos 60.

Esta obra encádrase nunha serie de cadros que o artista realiza a inicios dos anos 60 de personaxes famosos como James Dean ou Marlon Brando, obxectos do mundo cotián como as botellas de Coca Cola ou os botes de sopas Campbell. Todos eles símbolos da sociedade do momento que mostran a súa superficialidade, a banalidade sen ningún tipo de subxectividade ou reflexión persoal.

A obra pertence a unha serie na que remite o mesmo motivo ata a saciedade, algo que lle permite a técnica da serigrafía que se convertería no seu selo persoal. A Warhol gustáballe a impersonalidade froito deste tipo de traballo semiautomático, pois el chegou a afirmar que o que mais lle gustaría sería acabar convertido nunha máquina. A cara de Marilyn, reproducida infinidade de veces, resaltaba a superficialidade e a banalidade da fama como algo pasaxeiro e no fondo, tráxico. Warhol, que buscaba obsesivamente a fama e que chegaría a ser toda unha estrela en vida no ambiente de Nova York, adoraba todo o que tiña que ver coa fama e a súa fugacidade. Chegaría a afirmar que toda persoa ten dereito a quince minutos de fama.

Así pois, partindo dunha imaxe popular, modificando as cores, acada un resultado visiblemente distinto pero obxectivamente igual.

Catalogación

Título: Sopa Campbell' s

Cronoloxía: 1965

Estilo: Pop- Art

Técnica: acrílico e serigrafía sobre tea.

Tema: bodegón contemporáneo

Temática

A obra mostra unha simple lata de sopa Campbell's, alimento de compra común en calquera supermercado norteamericano, que grazas á intervención artística de Warhol, se converteu nunha das principais iconas da arte do século XX. O motivo principal polo cal Warhol escolleu esta imaxe como temática da súa obra foi porque, tal e como afirmou, comía nela todos os días.

Coa reprodución desta lata, Warhol achegou a expresión artística á clase popular, que recoñecía claramente o tema que estaba representando, algo que non sucedera durante a época do Expresionismo abstracto. Ao mesmo tempo, demostrou que un obxecto calquera podía chegar a transformarse en obra de arte, concepto que escandalizou a uns, e deu pé a reflexión a outros, como por exemplo ao teórico Arthur Danto, a quen debemos a publicación do texto A transfiguración do banal.

A súa idea de reproducir unha mesma imaxe de maneira seriada, fixo que se rompese o concepto da obra de arte única e irrepetible presente desde o Romanticismo.

Descrición formal

Nesta obra, Warhol representa, en primeiro plano e centrada, unha lata de sopa sobre un fondo neutro de tonalidade clara. Esta disposición permítelle ao artista que, mediante unha delgada liña negra, resalte o contorno da figura con nitidez, logrando así unha certa dose de profundidade espacial.

O obxecto é presentado nunha lixeira perspectiva aérea que permite apreciar con claridade a parte superior do envase. Así e todo, prevalece a visión frontal, onde destaca o nome do produto.

Hai dous cores que destacan, o vermello e o branco. Sobre eses cores as letras anunciando o produto: sobre o vermello as letras son brancas e sobre o blanco as letras son vermellas. Todas estas cores son aplicadas sobre o lenzo sen ningún tipo de mestura -é dicir, puras -, e totalmente planas, sen claroscuros, aspectos estes que enlazan a súa obra cos parámetros dos anuncios publicitarios que tan ben coñecía o artista.

Modelos e influencias

A obra de Warhol estivo moi influenciada polo seu traballo como ilustrador publicitario. Isto afectou á súa iconografía, extraída na súa maioría de revistas e xornais, ao seu estilo, descaradamente frio e deshumanizado, e tamén á súa reprodución, empregando técnicas comerciais como a produción en serie.

Importante foi tamén a influencia do pintor norteamericano Robert Rausechenberg, que incluía nos seus collages recortes de imaxes, así coma os traballos de Jasper Johns, cuxa obra se centrou na reprodución de obxectos banais, como a bandeira norteamericana, as letras do alfabeto ou as dianas.

A iconografía de Warhol non só se limitou a produtos comerciais, como retratos de personaxes famosos da súa época. Con esta temática, o artista retomou a figura propia da arte norteamericana da primeria metade o século XX, e en certa maneira a súa obra pode verse como punto de referencia para o movemento hiperrealista que xurdiu a finais dos sesenta do que Richard Estes é un dos pintores máis importantes.

Richard Estes: Cafetería (1972)