A Virxe do do Xílgaro e a Virxe do Prado (Rafael)

Catalogación

Título: A Virxe do Xígaro

Autor: Rafael Sanzio (1483-1520)

Cronoloxía: primeiros anos do século XVI

Estilo: Renacemento (Cinquecento)

Técnica: Óleo

Soporte: Táboa

Localización: Galería Uffizi (Florencia)

Tema: Representa a Virxe có Neno Xesús e san Xoán Bautista nunha pasaxe puramente anecdótica, cando os dous nenos están a xogar cun xílgaro, pero que simboliza a paixón de Cristo.

Rafael Sanzio de Urbino comezou a súa aprendizaxe no taller de Perugino, un pintor do Quattrocento. O seu traslado a Florencia abriulle os ollos a novas influencias, especialmente a de Leonardo de quen asimilou as composicións piramidais e o esfumato. Pasa a Roma chamado por Xulio II para pintar as estancias do Vaticano (A escola de Atenas), traballo que continuará para León X. Aquí observase un cambio de estilo baixo a influencia de Miguel Anxo que estaba a pintar a Sixtina. Á morte de Bramante foi nomeado arquitecto pontificio, ó tempo que seguiu traballando cun importante taller cheo de aprendices en obras para o Vaticano e moitos outros clientes (especial interese, os retratos de gran penetración psicolóxica).

Na súa curta vida realizou grande cantidade de obras exemplo dun estilo amable, en composicións claras e simétricas, disposicións elegantes, idealizadas belezas, luminosidade diáfana e colorista. Chamado o Divino, é considerado un artista cuia maior virtude foi asimilar as ensinanzas dos grandes mestres, pero tamén é certo que logrou configurar un estilo persoal e diferenciados dos outros pintores.

Análise

As tres figuras sitúanse no marco dunha ampla paisaxe coa liña de horizonte notablemente alta. Por detrás discorre un río, atravesado por unha ponte á esquerda, mentres a dereita se adiviña un castelo no alto e un mosteiro. A cada lado unhas arboriñas, características da escola de Umbría, flanquean as personaxes.

Moito hai de Leonardo na obra: a interrelación psicolóxica, a composición, o esfumato que evocan directamente o grupo de Santa Ana, a Virxe e o Neno ou a Virxe das Rochas.

As miradas e os xestos entrelazan as tres figuras. María, sentada sobre unha rocha, repousa o libro sobre as pernas mentres se xira e dirixe a mirada ó tempo que o acolle coa man esquerda a Xoán, que vestido con pel de camelo -alusión á súa vida no deserto- mostra o paxaro ó Neno. Xesús, apoiado entre as pernas da nai, xira a cabeza cara ó seu primo e achega a man ó xílgaro.

O esquema compositivo segue o modelo piramidal de Leonardo, forma pechada e centrípeta, do mesmo modo que a acumulación de azuis no fondo e a luz esvaecida. A figura de María actúa como eixe central de simetría con dúas partes laterais ben compensadas: os nenos, as árbores, as montañas.

Pola contra, o modelado das figuras ten que ver directamente con Miguel Anxo como se constata especialmente no xeonllo dereito de María, disposto en escorzo e traballado cun volume e unha prominencia que o fai superar o plano-límite do cadro.

Anatomicamente as formas son redondeadas, cos nenos espidos como símbolo de pureza.

Sobre os ocres e verdes da paisaxe do primeiro plano, con flores tratadas minuciosamente, e os azuis do fondo, a figura de María destaca polo contraste clasicista de azul e vermello da súa vestimenta -típica cor nas Virxes de Rafael- como fórmula de temperar por medio das cores complementarias: as cores frías, azul, e as cores cálidas, vermello. A luz cenital, simbolicamente identificada co divino, ilumina paisaxe e figuras sen provocar fortes sombras

Certamente Rafael é un artista sincrético, pero o seu estilo máis persoal está na doce serenidade da escena, con pequenos detalles anecdóticos como o pe de Xesús que pisa o de María, con esa beleza idealizada ben visible no ovalado rostro da Virxe, coa luminosidade xeral, clara e alegre que inunda a composición

A obra exemplifica os ideais do clasicismo: equilibrio formal, claridade compositiva, poucas figuras sobre un fondo que non distraia a atención, xogo de cores complementarias, luminosidade diáfana, beleza idealizada, visión humanista e amable con tratamento moi natural.

Virxe do Prado