Domingo de Andrade: Torre do reloxo da catedral de Santiago

Catalogación

Título: Torre do reloxo da catedral de Santiago

Autor: Domingo de Andrade

Cronoloxía: finais do século XVII

Estilo: barroco compostelán

Material: granito

Continuando co plan de embelecemento da Catedral pola parte da Quintana o cabildo encarga ao arquitecto galego Domingo de Andrade a remodelación dunha antiga torre gótica situada no ángulo sureste da catedral, entre as prazas de Platerías e a Quintana. Andrade realizouna entre 1667-80, cando só contaba con 30 anos, sendo malia iso unha obra de gran madurez.

Con 72 metros de altura levántase sobre un corpo cuadrangular prexistente ao que Andrade engadiu unhas bandas verticais simulando contrafuertes que chegan ata o entablamento que engadiu para soster a cornisa e balaustrada, onde se inicia o seguinte corpo que vai construír. En torno ao primeiro corpo unha balaustrada que nos catro ángulos abraza uns templetes circulares, cubertos por un cupulín con historiado pináculo, e oito vans rectangulares entre pilastras con decoración vexetal. En cada unha das caras do corpo da torre e super-postas á balaustrada as enormes esferas do reloxo, caladas e encadradas por unha decoración onde se aúna o fantástico e o vexetal. Apóiase cada esfera nunha enorme carantamaula da que arrinca unha ampla decoración vexetal con enormes volutas recortadas. Froitas turxentes e carnosas repítense nas xambas, mentres que as zonas entre as pilastras están percorridas por un repertorio de trofeos militares e épicos entrelazados.

No corpo superior, unha cúpula lixerísimamente bulbosa e ornamentación vexetal serve de asento a unha suxestiva lanterna con pilastras recubiertas de froitos que enmarcan oito vans. Na cima un belo e estilizado pináculo con bóla e cruz.

As sartas de froitas son un dos motivos decorativos predilectos do barroco galego, aparecen xa no Tabernáculo de Veiga e Verdugo e nas fiestras de Frei Tomás Alonso na fachada do Hospital Real de Santiago, pero Andrade imprímelles un carácter máis realista. As súas froitas son xugosas, carnosas e frescas, quizá por tomar como modelo as que aparecen na portada da versión castelá do Tratado de Arquitectura de Serlio, do cal Andrade posuía un exemplar.

En canto á súa orixe, crese que está no barroco hispanoamericano que as introduciu na decoración de retablos imitando aos altares decorados con flores e froitas que facían os indígenas centroamericanos.

Polo que respecta aos trofeos militares (lanzas, cascos, espadas, escudos, corazas etc.) foron moi utilizados na arquitectura renacentista francesa e italiana e Andrade debeu de coñecelos a través de debuxos ou gravados.

A Torre do Reloxo é coñecida popularmente en Santiago como A Berenguela o mesmo que a campá que acolle, xa que a torre primitiva sobre a que se levanta foi construída polo arzobispo de orixe francesa Berenguel de Landoria no século XIV.