Jan Van Eyck

Van Eyck, dende os Países Baixos, renovou a pintura sobre táboa. Jan Van Eyck está universalmente considerado como o inventor da técnica da pin­tura ao óleo, aínda que esta xa se utilizara con anterioridade, por exem­plo no mundo bizantino. Porén, foi el quen a recuperou e a actualizou, en substitución da pintura á témpera (pigmentos mesturados con cola e clara de ovo), que era a que se empregaba preferentemente para a pintura sobre táboa.

As innovacións introducidas por Van Eyck concernían tanto á aplicación das diferentes capas de pintura (que se van facendo máis transparentes a medida que aumenta o seu número), como á preparación do soporte, que, a base de colas e xeso, adquire unha brancura que permite unha ca­lidade excepcional de cor aplicada sobre el.

O resultado final foron tábo­as cunha variedade cromática espléndida que, grazas á aplicación sucesi­va das capas, presentaban unha riqueza no detalle moi acusada e poucas veces igualada ao longo da historia da pintura.

É conveniente lembrar tamén cal era a rea­lidade económico-social dos Países Baixos na época. Todas as súas cidades presentaban un fecundo desenvolvemento económico, froito do co­mercio realizado tanto coas cidades da Hansa, como coas cidades do nor­te de Italia. Contaban cunha burguesía forte, formada case integramente por comerciantes e artesáns téxtiles coriecidos en todo o territorio euro­peo pola calidade dos seus panos (os célebres panos de Flandes). Esta si­tuación económica foi outra das características intimamente ligada á obra de Van Eyck, pois condicionou o tipo de cliente que encargaba as súas obras.

Se a maior parte dos clientes de Giotto eran ordes relixiosas e nobres que querían decorar o interior dos seus oratorios, os encargos de Van Eyck proveñen tanto da nobreza como da florecente burguesía dos Países Baixos.