1. Referentes históricos

O Imperio Romano de Occidente desapareceu no ano 476 cando Odoacro, xefe xermánico, venceu a Rómulo Augústulo, o último emperador romano. A partir de entón, o epicentro da política romana desprazouse cara a Constantinopla e o Imperio Romano de Oriente constituíuse en herdeiro da cultura antiga. Logo, coas invasións dos pobos xermánicos, creáronse novos estados en Europa occidental.

O mapa da etapa prerrománica abrangue toda Europa, desde os países escandinavos ás penínsulas Itálica e Ibérica, incluíndo tamén a Galia, os países centroeuropeos e as illas Británicas.

Cronoloxicamente, as manifestacións artísticas do Prerrománico sitúanse entre a caída do Imperio Romano de Occidente, (século V) coa conseguinte invasión dos pobos xermánicos, e o século XI, momento no que estes pobos se consolidan como nacións independentes.