Jan Van Eyck
Van Eyck, dende os Países Baixos, renovou a pintura sobre táboa. Jan Van Eyck está universalmente considerado como o inventor da técnica da pintura ao óleo, aínda que esta xa se utilizara con anterioridade, por exemplo no mundo bizantino. Porén, foi el quen a recuperou e a actualizou, en substitución da pintura á témpera (pigmentos mesturados con cola e clara de ovo), que era a que se empregaba preferentemente para a pintura sobre táboa.
As innovacións introducidas por Van Eyck concernían tanto á aplicación das diferentes capas de pintura (que se van facendo máis transparentes a medida que aumenta o seu número), como á preparación do soporte, que, a base de colas e xeso, adquire unha brancura que permite unha calidade excepcional de cor aplicada sobre el.
O resultado final foron táboas cunha variedade cromática espléndida que, grazas á aplicación sucesiva das capas, presentaban unha riqueza no detalle moi acusada e poucas veces igualada ao longo da historia da pintura.
É conveniente lembrar tamén cal era a realidade económico-social dos Países Baixos na época. Todas as súas cidades presentaban un fecundo desenvolvemento económico, froito do comercio realizado tanto coas cidades da Hansa, como coas cidades do norte de Italia. Contaban cunha burguesía forte, formada case integramente por comerciantes e artesáns téxtiles coriecidos en todo o territorio europeo pola calidade dos seus panos (os célebres panos de Flandes). Esta situación económica foi outra das características intimamente ligada á obra de Van Eyck, pois condicionou o tipo de cliente que encargaba as súas obras.
Se a maior parte dos clientes de Giotto eran ordes relixiosas e nobres que querían decorar o interior dos seus oratorios, os encargos de Van Eyck proveñen tanto da nobreza como da florecente burguesía dos Países Baixos.