Pop-Art

O Pop Art é un movemento artístico que nace a mediados dos anos 50 no Reino Unido (David Hockney) e nos Estados Unidos (Warhol, Lichtenstein, Wasselmann) e que acada moita forza nos anos 60. Ten o seu antecedente directo na obra de Eduardo Paolozzi na obra I was a Rich Man's Plaything (1947), un collage no que mestura obxectos da vida de acotío como representación da sociedade da época. É a primeira vez que aparece a palabra Pop.

Inician un proceso de renovación plástica que trata de responder á excesiva intelectualización da arte e ó seu conseguinte afastamento do público, como sucedía coas elitistas mostras do Expresionismo Abstracto ou do Minimal. Dun xeito irónico, cínico e provocador, os artistas pop cuestionan a sociedade de consumo e poñen en dúbida o lugar da obra de arte, agora un obxecto máis de consumo, efémero e reproducible. Reivindican a arte para a masa, unha arte popular (de aí o termo) que se serva dunha linguaxe que poida chegar a todo o mundo. Non se trataba de indagar no folclore ou na tradición senón de representar as subculturas propias das economías avanzadas eliminando as fronteiras entre a alta e a baixa cultura.

Retoman a figuración, unha figuración obxectiva e simplificada coa que rexuvenecer os contidos agora cheos de espírito xuvenil e divertido. Se viven nunha sociedade de benestar e fortemente consumista, a arte ha representar esa sociedade centrada na vida fácil, sen preocupacións de tipo político ou existencial. Utilizarán todos os recursos que os medios de comunicación de masas poñen á súa disposición: o cómic, a fotografía, o cartel publicitario, a fotonovela, a moda, a música, a televisión; deles extraen as imaxes icónicas da sociedade de consumo e do novo estilo de vida que está nacendo (as estrelas de cine, os produtos comerciais, as piscinas das vivendas burguesas); e repetirán en series os seus produtos de tal modo que a man do artista vai perdendo importancia no canto da produción por medios mecánicos e semimecánicos, como é o caso das serigrafías de Warhol.

Os obxectos de acotío acadan agora un status artístico que non se entendería sen Duchamp (object trouvé ou obxectos atopados), nin sen os collages e fotomontaxes das primeiras vangardas. É por iso que as obras pop reflicten unha frialdade en consonancia coa simplicidade de contidos, unha superficialidade consciente que Warhol expresaría deste xeito:

Se queredes saber todo o relacionado co suxeito Warhol, mirade simplemente a superficie dos meus lenzos e dos meus filmes e de min mesmo; aí estou! Non hai nada mais detrás.

Aínda sen efectuar unha crítica implícita, algunhas obras pop amosan certa crítica á sociedade de consumo ó presentala fora do seu contexto para que a relación do espectador co produto sorprenda e motive a reflexión sobre a alienación do individuo. O Pop finaliza coa idea de sacralización da obra de arte que xa empezara co Dadaísmo, e expande a arte ao mundo cotián.