Descobren as cinzas dun lexionario romano nunha ola en Israel

Post date: Jan 23, 2018 9:13:46 PM

Durante as escavacións dun antigo campamento militar romano no norte de Israel, os arqueólogos atoparon varios edificios de pedra. Tamén acharon unha cova artificial onde había unha ola cos restos dunha persoa incinerada. Probablemente fose un soldado, xa que o enterro das cinzas en potas de cociña era costume entre os militares. Durante os séculos II e III d.C estableceuse neste campamento a Legio VI.A Legio VI Ferrata formouse durante a República Romana. Os seus lexionarios participaron na Guerra das Galias e na toma de Xerusalén. No 132 colaboraron na represión da rebelión xudía liderada por Bar Kojba. Máis tarde instaláronse en Galilea, preto da ruta comercial que conectaba Siria e Exipto. O lugar onde construíron o seu forte comezou a chamarse Legio. Daquela as lexións tiñan entre 4000 e 6000 homes. A última referencia coñecida da Legio VI está nunha moeda co seu número e que tamén se atopou en Israel. A lexión desapareceu no século IV.As escavacións en Legio realizáronse no 2002 e no 2013. O equipo dirixido por Yotam Tepper encontrou as ruinas do pretorio. En 2017 os investigadores descubriron os restos da antiga sede da lexión. No campamento, ademais da cova xa mencionada, había 200 moedas romanas, fragmentos de cerámica, trozos de vidro e ósos de animais. Recentemente tamén se revelou o sitio exacto onde as tropas romanas asaltaron Xerusalén para posteriormente destruír a cidade.

Fonte e imaxe | Ekaterina Rusakova