Post date: 11-abr-2015 10:59:20
No subsolo de Roma seguen atopándose marabillas. A Cidade Eterna está aínda en condicións de desvelar antigos mármores, mosaicos, moedas e frescos que sobreviviron milagrosamente. Con eses tesouros do pasado acábase de abrir un novo museo, o Antiquarium de Lucrezia Romana. A asociación Roma Sotterranea, investiga os segredos desa Roma cargada de historias, misterios e lendas.
Nunca se poderán descubrir de maneira total eses tesouros sepultados co pasar dos séculos. En calquera lugar de Roma onde se excava atópase un pedazo da súa arte e da súa historia, restos dunha vida precedente. Os romanos eran grandes enxeñeiros e estaban dotados dun gran sentido práctico. Así, cando había que construír algo, facíase sobre o que se derrubaba, dada a dificultade que existía para desfacerse dos escombros. Cando Traxano construíu as suas termas, fíxoo sobre un dos palacios máis grandiosos xamais levantados, a celebérrima Domus Aurea de Nerón.
Imaxe subterránea de Roma
Algúns dos máis antigos vestixios de Roma son as obras públicas construídas baixo a dinastía dos Tarquinios, os últimos tres reis da Roma etrusca que reinaron desde o 616 ao 509 a. C. Son desta época inmensos templos, murallas, acuedutos e sistema de alcantarillado como a Cloaca Maxima, unha obra mestra que aínda funciona perfectamente.
Ata o século XV, a Roma antiga considerábase unha especie de mina inmensa da que se extraía todo tipo de materiais para reciclalos, incluíndo as súas estatuas e mármores. Un exemplo singular dánolo precisamente a Domus Aurea, que foi descuberta accidentalmente cando un mozo romano caeu nela ao abrirse unha espazo no outeiro Oppio a finais do século XV. Comezaron a explorala e atoparon frescos e decoracións da grandiosa e imponente residencia de Nerón.
Hoxe a Roma subterránea ofrécenos un panorama case infinito de ambientes e de escenarios. Por exemplo, entre os amplos arcos do estadio de Domiciano, mandado construído por este emperador e destinado fundamentalmente ao atletismo, podía albergar a 30.000 espectadores. Hoxe pódese respirar a atmosfera antiga dos xogos da capital.
Na Roma subterránea ocupan un lugar destacado as súas catacumbas, que son unha trintena. As máis accesibles están compostas duns 150 kilómetros de túneles. Nos comezos instaláronse en cavidades xa existentes, ata en columbarios paganos, os cales ofrecen ás veces sorprendentes arquitecturas funerarias onde se colocaban as urnas cincenarias.
Neste mundo subterráneo abundan os misterios e lendas. A máis común e popular conta que en moitas igrexas antigas de Roma hai, no subsolo, un túnel que conduce ao Vaticano. Falsa lenda. Pero a Roma non lle será nunca fácil liberarse das súas pantasmas e misterios, e da súa relación coa historia e a arte. Por iso é fascinante.
Imaxe e información: ABC