Post date: Apr 8, 2015 3:17:22 PM
Descubríronse 25 fosas, con ósos de adultos e nenos, que datan do ano 320 d. C. na estrada que une Granxa de Torrehermosa e Peraleda del Zaucejo. A aparición de restos humanos deixou ao descuberto unha necrópole romana da primeira metade do século IV, aproximadamente do ano 320 D.C.
O doutor en historia e arqueólogo Marcos Hunt, que está a traballar na zona, di que as fosas están cubertas con tégula e con abundantes enxovais funerarios, depositados como ofrendas.
Agora cinco arqueólogos, dous deles especializados en épocas romanas, e un equipo de antropólogos físicos escavan e traballan na área que quedou ao descuberto tras as obras de ensanche e reforma da estrada. A necrópole está relacionada cun asentamento que se atoparía máis ao leste, entre a estrada e o río Zújar, e que aínda está por escavar e descubrir. Trataríase dun asentamento romano de certa relevancia arqueolóxica que só se pode coñecer de momento a través dos restos que hai en superficie.
«Son varias hectáreas que teñen unha ocupación ao longo de moitos séculos: hai cerámicas e elementos que se poden adscribir a épocas romanas republicanas e a fase final pódese prolongar até o século VI ou VII, o que ten unha perduración de bastantes séculos», segundo o arqueólogo.
Ao final da intervención, realizarase un informe técnico que se remitirá á dirección de Patrimonio Cultural para que se establezan as medidas oportunas de protección para este novo xacemento.
Fonte: Hoy/José Miguel Amaya