O Dies Lustricus é o equivalente ao que nós chamariamos bautizo.
Aos oito días, se o bebé era nena, aos nove se era neno, celebrábase o Dies Lustricus, no que o neno era purificado (lustratus) no altar familiar, tras o cal se lle colgaba ao pescozo un amuleto de ouro ou de coiro chamado bulla e se lle daba o nome.
Neste día o recén nacido era lexitimado polo seu pai ante o fogar doméstico; isto realizábase mediante a cerimonia de alzar ao recén nacido do solo (tollere filium) e tomalo en brazos (en caso contrario o neno era exposto na columna lactaria e o seu destino dependía de que alguén se apiadara del e o acollera, xeralmente como escravo).
Ademais desta función, a Columna lactaria tamén era un lugar onde os pais pobres podían conseguir leite para alimentar aos seus fillos, e os máis ricos podían atopar a unha nodriza.
Era un colgante ou medallón que se poñía aos nenos varóns nove días despois do seu nacemento.
Levábase ao redor do pescozo, como amuleto para protexer ao seu portador contra os malos espíritos. As nenas levaban outro tipo de amuleto ata a véspera do seu matrimonio, cando llo retiraban, ao mesmo tempo que os seus xoguetes infantís. Entón, deixaban de usar roupa de nena e empezaban a usar vestidos romanos de muller.
Os nenos romanos nados libres seguirían levando a bulla, xunto coa toga praetexta, ata a idade de portar a toga viril, aos 16 anos.
Cando pasaban á idade da adolescencia e chegaban a ser cidadáns romanos, gardábase entón con coidado, consagrándoa aos deuses Lares.
Podíana volver sacar en ocasións especiais, para que os protexera contra as forzas do mal e as envexas dos homes.
Podían facerse de diferentes materiais, como é o caso de chumbo cuberto con láminas de ouro dos ricos ou de coiro ou tea para os máis pobres.
Normalmente redonda (tamén en forma de corazón ou saquiño), usualmente colgábase ao pescozo e podía conter diferentes amuletos protectores, símbolos fálicos polo xeral, en metal ou pedras preciosas, pero tamén plantas ou sustancias con propiedades supersticiosas.
No dies lustricus tras purificar (lustrare) aos nenos dábaselles o nome.
Os cidadáns (cives) romanos libres tiñan tres nomes:
PRAENOMEN: equivalente ao "nome de pila" actual (eran moi poucos, podes ver unha listaxe na imaxe da dereita). Os praenomina eran un catálogo reducido de nomes de maneira que se identificaban fácilmente polas súas abreviaturas. Era unha maneira moi íntima de dirixirse a alguén, e o seu uso restrinxíase ao ámbito familiar ou ás amizades máis cercanas. Algúns praenomina eran utilizados unicamente dentro dunha gens: Appius era usado pola Gens Claudia, Mamercus pola Gens Aemilia, etc.
NOMEN: (distintivo da gens, levado con orgullo, implicaba comportamentos estereotipados, ou sexa, que os rasgos de carácter tamén eran transmitidos aos descendentes, e polo tanto esperábase que os membros dunha mesma gens tivesen temperamentos semellantes). Fai referenza ao primeiro antepasado común e no caso dalgunhas familias patricias, remontábase aos primeiros poboadores de Roma, como a gens Iulia, que descendía de Xulo Ascanio, o fillo de Eneas. Este nome de familia era o máis usado en todos os ámbitos, porque era o único que posuían as mulleres e porque a maior parte dos cidadáns non contaban cun terceiro nome.
COGNOMEN: especie de sobrenome ou "mote", xeralmente basado en características físicas: Scipio significaba "bastón", Nasica "nariz grande", Cicero "gran", Caecus "cego"... Era o segundo nome familiar que indicaba a rama concreta á que se pertencía dentro da gens.
Os patricios eran case os únicos que posuían os tria nomina, se ben cando un plebeo se enriquecía ou destacaba no ámbito militar, podía obter un cognomen adoptivo (por exemplo, Caius Marius tomou o cognomen de Caesar ao casar coa tía de Xulio César).
Cando un pater familias non tiña descendencia masculina, podía adoptar un fillo, que tomaría os tria nomina do novo pai máis un cuarto nome, o seu antigo nomen, transformado en adxectivo (por exemplo, Augusto pasou a chamarse Caius Iulius Caesar Octavianus tras ser adoptado por Xulio César, cando o seu nome anterior era Caius Octavius Thurinus).
Cando alguén destacaba por algunha acción podíaselle impoñer un sobrenome honorífico, o AGNOMEN ou cognomen ex virtute. O agnomen (ás veces escrito adnomen) pode facer referencia, por exemplo, a unha victoria sobre un determinado pobo inimigo (Britannicus, "victorioso sobre os Britanos"; Gallaicus, "victorioso sobre os Galaicos"); ou nun determinado lugar (Africanus, "victorioso en África"). Xeralmente era intransferible, pero se as fazañas do personaxe eran espectaculares, podía conservarse o agnomen durante algunhas xeracións.
A orde na que van os nomes é:
PRAENOMEN NOMEN COGNOMEN AGNOMEN
PUBLIUS CORNELIUS SCIPIO AFRICANUS
O nome das mulleres
Nos primeiros tempos, as mulleres xeralmente só recibían o nome da gens á que pertencían, que era a versión feminina do nomen paterno. Deste modo, as nenas das gens Iulia (Xulia) chamábanse todas Xulia, e Cornelia as das gens Cornelia, mesmo con posterioridade ao seu matrimonio.
Únicamente se lles podía engadir un cognomen que correspondía a un numeral para distinguir a súa posición no nacemento: Prima, Secunda, Tertia, ..., Minor, Maior.
Posteriormente, pasaron a herdar o cognomen paterno pero en versión feminina. Por exemplo, a muller de Augusto, Livia Drusilla, era filla de Marcus Livius Drusus e herdou o seu nomen e o seu cognomen en versión feminina. Tamén en época imperial, se unha muller fora filla ou neta dun home ilustre, non cambiaba o seu nomen polo da gens do marido ao casar, a non ser que con iso gañase en posición social.
O nome dos escravos e dos libertos
Un escravo podía ter un nome dado polo seu dono ou conservar o seu antigo nome, se fora capturado. En caso de converterse en liberto, tomaría o praenomen e o nomen do seu dono ou o do pai ou marido da súa dona, deixando o seu antigo nome como cognomen. Por exemplo, Livio Andrónico foi pedagogo dos fillos da gens Livia, pero ao converterse en liberto adoptou o nomen de Livio conservando como cognomen o seu antigo nome de escravo, Andrónico.
A polionimia (ter moitos nomes) xeneralizouse por unha nova práctica durante a época imperial, a obriga que impoñían moitos testadores aos seus herdeiros para que adoptasen o seu nome se querían poder herdar.
Os nomes adquiridos despois da adopción do sucesivo tendían a ocupar a posición principal. Pero non había límites establecidos para os nomes obtidos deste xeito, polo que íanse sumando dunha xeración a outra. Chegou un momento no que moitos nobres romanos tiñan unha enorme serie de nomes.
A culminación da polionimia atópase no cónsul do ano 169 d.C. Quinto Pompeu Seneción Sosio Prisco, que tiña un nome composto por nada menos que 38 elementos, que comprenden 14 conxuntos de nomes diferentes, froito das relacións familiares e sociais acumuladas ao longo de tres xeracións.
O seu nome completo, no orixinal en latín, era:
Quintus Pompeius Senecio Roscius Murena Coelius Sextus Iulius Frontinus Silius Decianus Gaius Iulius Eurycles Herculaneus Lucius Vibullius Pius Augustanus Alpinus Bellicius Sollers Iulius Aper Ducenius Proculus Rutilianus Rufinus Valerius Silius Saudiens Furius Sollers.
Na película Gladiator cométese un gazapo respecto ó tria nomina cando o xeneral-gladiador espétalle desafiante ao emperador que o seu nome é Máximo Décimo Meridio.
En realidade ningún romano se podería chamar así. O primeiro dos tres nomes, o praenomen, tiña que ser escollido dunha lista moi reducida, onde non aparece o de Máximo.
Curiosamente, o segundo nome utilizado na película, o nomen, en realidad é un praenomen desa curta lista.
Podemos ver este gazapo e máis na seguinte noticia | El País