Post date: Apr 20, 2015 3:19:36 PM
O ministro de Cultura italiano, Dario Franceschini, confirmou o venres que se reconstruirá a area do Coliseo de Roma, onde se celebraban os espectaculares combates de gladiadores, para facer o monumento máis accesible e comprensible ao público. Reconstruír a area do Coliseo como estaba a finais do século XIX é un modo de conservar o monumento, e farémolo, afirmou Franceschini en declaracións recolleitas polos medios locais.
O ministro confirmou deste xeito que o Goberno de Matteo Renzi fará realidade a proposta lanzada polo propio ministro o pasado 2 de novembro, cando escribiu unha mensaxe na rede social de Twitter no que se mostraba a favor de que o Anfiteatro Flavio recuperase a súa area orixinal, tal e como propoñía o arqueólogo Daniele Manacorda.
O proxecto do arqueólogo prevé a construción en madeira do chan do Coliseo, para que poida instalarse de novo a area, e a edificación dun museo nos subterráneos que actualmente están ao descuberto. O Coliseo foi xa utilizado en varias ocasións para eventos e concertos, polo que algúns expertos creen que non sería un problema a reconstrución da area, e ata daría mellor idea de como foi o monumento aos cinco millóns de persoas que o visitan cada ano.
O anfiteatro foi construído no século I en honor á Dinastía Flavia, pero pasou a ser chamado Colosseum por unha gran estatua de Nerón situada xunto a el. Actualmente está sendo restaurado grazas ao financiamento de 25 millóns de euros doados polo grupo de moda e calzado, chamada Tod's, da familia italiana Della Val.
Imaxe e información: EL PAÍS