O foro era o corazón da cidade, o verdadeiro centro da vida pública. Nel tiñan lugar os xogos públicos, as reunións do senado e as Asembleas populares.
Alí encontrábanse fronte a fronte os maxistrados e o pobo. Era dende o rostra, a tribuna de oradores, onde pronunciaron os seus discursos políticos tan famosos como Cicerón.
Tamén aquí tiñan lugar as Cerimonias relixiosas e políticas ou os procesos xudiciais (había dúas basílicas, a Aemilia e a Xulia)
Tamén se publicaban as leis, os calendarios ou as listas de proscritos (como fixo o dictador Sila).
Era unha zona chea de comercios, onde acudía a xente en busca de novas e cotilleo. Un bo sitio para avogados, banqueiros, buscavidas, etc...
Polo medio do Foro pasaba a Via sacra, arteria principal que ía dende o Coliseo ata o Capitolio, por onde discurrían os Desfiles Triunfais dos xenerais victoriosos ou as Cerimonias da toma da Toga Virilis).
As oito columnas de granito gris detrás do Rostra son parte do templo de Saturno. Construído durante a monarquía e inaugurado na República foi completamente reconstruído no ano 42 a.C. Era a sé do tesouro público, polo que tamén foi chamado "Aerarium Saturni".
As tres columnas situadas detrás do rostra pertencen a este templo (na imaxe, á dereita das seis columnas do templo de Saturno). Os emperadores da dinastía Flavia (Vespasiano, Tito e Domiciano, s.I d.C.) deixaron tras eles gran número de monumentos, como o Coliseo ou os palacios do Palatino. Na parte inferior da imaxe podemos observar o Clivus Capitolinus, un camiño en costa que subía ata o templo de Xúpiter no Capitolio.
Nas ladeiras do Capitolio, pechando o recinto do foro, están os restos deste monumento, construído na turbulenta época de Sila (80 a.C.). Podemos apreciar dúas construccións diferentes: a parte baixa e máis antiga é o Tabularium, sé dos arquivos estatais; a parte máis alta está ocupada agora polas estancias do Concello de Roma, tendo a súa entrada pola Piazza del Campidoglio. En 1º plano, as columnas do templo de Vespasiano e Tito.
Ó carón do Rostra estaba o o Umbilicus urbis Romae, "embigo da cidade", que representaba o centro da mesma, polo que era tamén considerado o centro do mundo. Estaba tamén o Miliareum aureum, unha columna que marcaba as distancias entre Roma e outras cidades (co seus nomes gravados nela).
Situado nunha esquina do Foro, preto do templo de Vespasiano e Tito, hoxe só conservamos a base. Fundado no 367 a.C. para celebrar a fin das loitas entre patricios e plebeios foi engalanado máis tarde polo emperador Tiberio (s. I d.C.) cos espolios das súas victorias contra os xermanos (estatuas, mármores e obxectos preciosos), convertíndose así nunha especie de museo de arte. Á dereita está o Clivus Capitolinus, costa que leva ó Capitolio.
Construída por Xulio César e completada por Augusto no 29 d.C. Foi convertida en igrexa no século VII d.C. Aquí tiña as súas sesións o senado. A sala estaba dividia en dúas partes por un corredor central. Os senadores non tiñan sitio fixo; os cónsules e pretores ocupaban as cadeiras curules; os tribunos, o seu banco; os demáis maxistrados sentábanse cos senadores.
Foi o centro de toda actividade política na República romana. O senado reuníase na Curia, que era parte do Comitium, e os cónsules e outros maxistrados falábanlle ó pobo dende o Rostra, a tribuna dos oradores. Case nada dos restos do Comitium son visibles no Foro hoxe. O seu emprazamento era o espacio aberto entre o arco de Septimio Severo e a Curia, pero a maioría dos monumentos foron demolidos cando no s. I a.C. cando Xulio César e Augusto reorganizaron todo o Foro.
A "pedra negra" descuberta en fronte do arco de Septimio Severo é un bloque de pedra cunha vella inscrición que portaba unha maldición sobre aquel que profanase o lugar onde se atopaba, unha especie de santuario ou lugar sagrado baixo o pavimento. Son as inscricións latinas máis antigas, do s. VI a.C. e fálannos dun rei, polo que se pensou que este santuario podería estar dedicado a Rómulo, primer rei de Roma.
Xulio César mandou construír esta nova tribuna, diante da cal empezaron a celebrarse as asembleas populares. O orador pronunciaba o seu discurso e a multitude escoitaba abaixo. O nome de Rostra provén dos espolóns (rostra) das naves inimigas capturadas, que decoraban a tribuna pola parte frontal. Hoxe podemos ver os buratos onde se fixaban estes adornos no muro.
Esta praza situada diante do Rostra era o verdadeiro punto de encontro dos cidadáns romanos. Chea agora de turistas, tamén nos tempos antigos debeu estar ateigada de xente: avogados, maxistrados, banqueiros, pero tamén oradores ambulantes, parásitos, buscavidas, etc. Estaba adornada con columnas honoríficas, das que destaca a columna de Focas. Tamén hoxe como na antigüidade conta con tres árbores sagradas para os romanos: unha figueira, unha vide e unha oliveira.
Estas tres grandes columnas pertencían ó templo de Cástor e Pólux. Construído no 484 a.C. conmemoraba a victoria dos romanos contra os latinos na batalla do lago Regilo, anunciada por estes dous heroes divinizados. En cada aniversario desta data, cinco mil cabaleiros ían en procesión ata ese lugar.
Despois de seren asasinado nos idus de marzo do 44 a.C. o corpo de Xulio César foi levado ata o Foro para ser incinerado nunha pira funeraria. Nese mesmo punto construíuse un altar e máis tarde un templo. Augusto, o seu fillo adoptivo, honrou ó seu pai como se fose un deus, algo despois normal entre os seguintes emperadores. Aínda hoxe a xente deposita flores no interior dos restos do templo no aniversario da súa morte (esquerda).
Esta área de forma triangular situada xusto entre o templo de Antonino e Faustina e o templo de Vesta contén os restos da antiga Regia, residencia do rei e máis tarde do Pontifex Maximus. Lugar sagrado onde se gardaban obxectos relixiosos e arquivos, annales e rexistros dos pontífices.
Este pequeno templo circular estaba dedicado á Vesta, a deusa do fogar. Gardaba no seu interior un lume que debía manterse sempre prendido, lume sagrado simbólico do fogar do Estado, que foi causa de incendios que destruíron o templo varias veces. Este cometido era desempeñado na monarquía polas fillas do rei, mentres que na República foron as Vestales, sacerdotisas da deusa, as encargadas de facelo.
Situada xusto detrás do templo de Vesta, o seu aspecto actual data da reconstrucción feita na época de Traxano e máis tarde na de Septimio Severo. Consta dun patio central, con estatuas das vestales, dende onde podemos ver restos de pequenas habitacións. Elixidas entre as mellores familias o seu sacerdocio duraba 30 anos, durante os cales debían manter a súa castidade baixo pena de morte. Ricas e respectadas, cos mellores sitios reservados nos espectáculos, podían mesmo salvarlle a vida a un condenado a morte se este se atopaba con elas por casualidade.
Construido polo emperador Antonino cando morreu a súa muller, Faustina. Despois da súa morte o templo tamén lle foi dedicado a el. No arquitrabe podemos ler unha inscrición: DIVO ANTONINO ET DIVAE FAUSTINA EX SC, é dicir, en honor do divino Antonino e Faustina por decisión do senado (ex senatu consulto).
O nome deste templo refírese ó fillo do emperador Maxencio (non ó fundador de Roma), morto na súa xuventude e a quen o seu pai dedicou esta obra. Outros estudiosos pensan pola contra que este templo estaba dedicado a Iuppiter Stator e ós deuses Penates, protectores da familia e do fogar. A porta de bronce é a orixinal, ten case 1.700 anos e a pechadura aínda funciona !
Foi fundada no 179 a.C. por Aemilius Lepidus e Fulvius Nobilior e construída no lugar dunha basílica máis antiga. Os romanos usaban as basílicas para a administración de xustiza, pero tamén como lugar de reunión e negocios, cando o tempo non permitía facelo na praza principal do foro. Situada entre o templo de Antonino e Faustina (dereita) e a Curia (esquerda), podemos observar os restos das columnas. Exponse tamén unha copia dun dos relevos de mármore que adornaban as paredes (coa escena do rapto das sabinas).
Empezada por Xulio César foi completada por Augusto e restaurada dúas veces despois de sufrir sendos incendios (9 e 283 d.C). Ocupa o lugar dunha basílica anterior, a Basilica Sempronia, construída no 170 a.C. por Tiberio Sempronio Graco. De grandes dimensións, podía albergar varios procesos xudiciais ó mesmo tempo. Se a causa era importante a xente ateigaba a nave central. Nas escaleiras que dan á via nova podemos observar taboleiros de xogos (para combater as longas esperas) gravados na pedra.
Foi un dos edificios máis grandes da Roma Imperial. O emperador Maxencio mandouna construír (306 d.C.) e Constantino foi o que a rematou (312 d.C.). De enormes dimensións, a nave central elévase a 35 m. de altura. Un terremoto en 1.349 foi a causa de que se derrubasen as marabillosas bóvedas. A parte do teito artesonado da basílica foi unha importante fonte de inspiración para moitos arquitectos do renacemento. Dende a Idade Media sufriu un saqueo constante de material utilizado para outras construccións. En 1.613 o papa Pablo V levou a única das columnas que quedou en pé tras un terremoto á Piazza di S. María Maggiore, nun carro tirado por 60 cabalos. Os elementos arquitectónicos do interior orientábanse cara unha estatua colosal de Constantino colocada nunha ábsida (conservamos a súa cabeza, atopada en 1.487, de 2,6 m. de alto).
Construído no ano 203 d.C. en honor do emperador Septimio Severo e os seus fillos Caracalla e Geta para celebrar a victoria sobre os partos. Cando Septimio Severo morreu Caracalla asesinou ó seu irmán para ser emperador en mandou borrar o nome de Geta de todos os monumentos para que a xente se esquecese del.
Construído probablemente no ano 80 d.C. por Domiciano, irmán de Tito. Representa a conquista de Xerusalén por parte de Vespasiano e o seu fillo Tito no ano 71 d.C. Na súa volta a Roma celebraron un gran triunfo para conmemorala. Neste detalle dun relevo podemos ver ó emperador Tito celebrando o seu triunfo nunha cuádriga, acompañado das deusas Roma e Victoria. O home togado da dereita representa ó Senado de Roma; o que o acompaña (sen cabeza e a peito descuberto) encarna ó Populus Romanus.
O templo máis grande de Roma foi inaugurado polo emperador Adriano no 135 d.C. A súa arquitectura ten un peculiar deseño, como se fosen dous templos unidos pero cada un orientado en dirección oposta: un, que albergaba a estatua de Roma, cara ó Foro, e outro, coa de Venus, cara ó Coliseo. Algunhas fontes falan de que foi o propio emperador o autor do proxecto e quen non recibiu moi ben as críticas que lle fixo o famoso arquitecto Apolodoro de Damasco, que tivo que pagar coa súa propia vida. (na imaxe corte lonxitudinal realizado no s. XIX).
Vai dende o Coliseo ata o Capitolio, pasando polo Foro. A parte final, en costa, era denominada clivus capitolinus. Nela tiñan lugar actos moi destacados como desfiles, triunfos militares ou cerimonias da toma da toga virilis.