O mundo grego deixounos numerosos termos relacionados coa morte. Entre eles atopamos:
Tumba: provén da palabra τὺμβος “túmulo”. Esta a súa vez sábese que deriva do protoindoeuropeo *teuk
Tanatorio: formada pola palabra θάνατος “morte” + o sufixo latino arius que indica lugar
Necrópole: da unión de νεκρός “morto, cadáver” + πόλις “cidade”. É unha especie de cemiterio ou lugar destinado para os enterramentos.
Sarcófago: σαρξ σαρκός “carne” + φαγεῖν “comer”. Este nome débese a que os gregos construían os sarcófagos cun tipo de pedra calcárea procedente da Tróade que descompoñÍa a carne humana depositada.
Pompa: vén de πομπή “procesión, desfile”. As pompas fúnebres son as cerimonias e o enterro en honor ao defunto.
Epitafio: ἐπι “sobre” + ταφός “tumba”. É a inscrición que aparece na tumba.
Tamén temos palabras cuxa etimoloxía é latina:
Cadáver: é o acrónimo de caro data vermibus que significa carne entregada aos mortos. É unha inscrición que os romanos poñían nas tumbas. Outras fontes afirman que a palabra latina cadavere deriva do verbo cadere que significa caer, no sentido figurado da morte como caída definitiva.
Defunto: vén do latín defunctus, participio do verbo defungi “pagar unha débeda, acabar con”, prefixado sobre o verbo fungi “cumprir, rematar”.
Incinerar: do verbo incinerare “reducir a cinzas” da unión do prefixo in + a palabra latina cinis, eris“cinza”.
Inhumar e exhumar: en principio parece que tiveran que ver algo co fume pero en realidade veñen do latín, in “dentro” e humus, i “terra”. En latín tamén existe a palabra terra, ae pero refírese a “todo o planeta” mentres que humus, i é o solo que pisamos.
Enterrar: a palabra está composta polo prefixo in, a palabra latina terra, ae e o sufixo ar que forma infinitivos.
Sepelio: deriva do verbo latino sepelio, is, sepelire, sepultum. Este verbo significa enterrar a un morto pero tamén se refire aos ritos e cerimonias relixiosas correspondentes. En latín adquiriu o significado de facer desaparecer unha dor. Do supino deste verbo, sepultum, deriva o verbo sepultare, do que derivan sepultar e sepulcro.
Exequias: son as cerimonias relixiosas que se celebran por un defunto. Vén do latín exsequiae, arum“honras fúnebres”. A palabra componse de prefixo ex e o verbo exsequor “seguir”. Unha das partes máis destacadas do funeral era o momento no que os familiares e amigos seguían o cadáver para sacalo fóra do recinto urbano.
Funeral: deriva do latín funeralis que a súa vez deriva de funus, eris “cortexo fúnebre”.
Columbario: na Antigua Roma era un monumento funerario con ocos nas paredes para colocar as urnas. Deriva de columba,ae “pomba” e o sufixo latino arius “lugar” . Chamábase pomba a estas urnas de incineración devido ao seu parecido cós niños destes paxaros.
Osario: da unión de os,ossis “óso” e o sufixo arius “lugar”. É o lugar dun cemiterio onde se enterran os ósos que se sacan da sepultura.
Lápida: provén de lapis, idis “pedra”
Os latinismos máis comúns en canto ao tema da morte son os seguintes:
R.I.P: é a abreviatura de requiescat in pace. É un epitafio latino que significa descanse en paz (por iso en moitas lápidas aparece escrito D.E.P). Algunhas das súas variantes son:
A.E.R.I.P: Anima eius requiescat in pace (a súa alma descanse en paz)
R.I.P.A: Requiescat in pace in aeternum (descanse en paz para sempre)
A.E.R.I.P.A: Anima eius requiescat in pace in aeternum (a súa alma descanse en paz para sempre)
I.N.R.I: sigla da frase latina IESVS NAZARENVS REX IVDAEORVM que se traduce ao español como “Xesús de Nazaret, rei dos xudíos”.
In articulo mortis: significa “a punto de morrer”. Emprégase para falar das últimas accións ou decisións do defunto, por exemplo unha voda ou un testamento in articulo mortis. Este latinismo é moi empregado en Dereito e Teoloxía. Antigamente era unha condición necesaria para recibir o sacramento da Unción dos Enfermos ou Extrema Unción. Na actualidade dito sacramento pódese administrar máis dunha vez, sempre que sexa en caso de enfermidade grave.
In memoriam: locución latina que significa “en memoria, en recordo". Refírese a algo feito para lembrar a alguén que faleceu.
Rigor mortis: tamén o podemos atopar españolizado como rígor mortis. Siginifica literalmente “rixidez da morte”. É a rixidez que aparece nos cadáveres entre as 3 e as 36 horas posteriores á morte e que se debe a unha serie de reaccións bioquímicas que se producen nos músculos.
Post mortem: expresión que significa “despois da morte”. Por exemplo unha autopse ou exame post mortem. Soe empregarse na linguaxe médica ou xurídica.
Corpore insepulto: tamén se di corpore praesente ou praesente cadavere. Literalmente é “estando o corpo sen sepultar”. Adoita empregarse para falar do funeral que se celebra co defunto sobre un catafalco (zona elevada na que se colocan os restos do falecido xa sexa directamente sobre el ou dentro dun ataúde que se deixa aberto para que ditos restos sexan visibles durante a cerimonia).
Requiem (aeternam dona eis): é a misa de defuntos. O seu nome provén das primeiras palabras do salmo “Requiem æternam dona eis, Domine, et lux perpetua luceat eis” que significa “Concédelles o descanso eterno, Señor, e que brile para eles a luz perpetua”.