Os rituais fúnebres dependían da clase social dos propios defuntos.
Cando un romano estaba a piques de morrer, o parente máis próximo presente procuraba coller o último alento da súa respiración coa boca. Quitábanselle os aneis ao defunto e o familiar pecháballe os ollos e a boca. Lavábase entón o cadáver e untábase con aceite e perfumes polos escravos, chamados Pollinctores, que pertencían aos Libitinarii, ou enterradores.
Os Libitinarii estaban asociados ao templo de Venus Libitina (as expresións vitare Libitinam e evadere Libitinam eran utilizadas no sentido de escapar da morte). Dende este templo servían ao pobo romano proporcionando os servicios funerarios, levando a cabo os ritos e rexistrando todas as mortes con fins estatístiticos. Ningún destes servicios era gratuíto, e variaban segundo a súa complexidade e pompa, baseándose nuns prezos establecidos, chamados arbitria.
Moitos dos romanos máis pobres pertencían ás sociedades fúnebres, chamadas Collegia funeraticia, para procurarse un enterro apropiado. Eran asociacións funerarias nas que se pagaban cotas regulares, que serían utilizadas para cubrir o custo dos enterros dos seus membros. Os membros dos colexios tiñan garantido un lugar nos Columbaria, onde eran colocados os restos incinerados dentro de pequenos nichos nas paredes, marcados a miúdo con placas conmemorativas e retratos esculpidos. Os Collegia e Columbaria eran un xeito barato de garantir unha transición apropiada á vida no máis alá para todas as clases da sociedade romana.
Os romanos consideraban un corpo morto como un obxecto impuro, capaz de contaminar o espírito. Aos Libitinarii, como serventes de Libitina, estáballes permitido manexar un cadáver sen temor a seren contaminados. Normalmente eran os responsables de quitar todas as xoias, pechar os ollos e da limpeza do cadáver, tanto física como espiritual. Por unha tarifa extra os Libitinarii untaban e perfumaban o corpo con aceites e perfumes.
Despois diso se lle poñía unha pequena moeda na boca, para pagarlle a Caronte por transportar ao morto a través da lagoa Estixia. Entoábanse ao son das frautas lamentos, cancións ou poemas que expresaban pena, mentres que se preparaba o corpo para a procesión fúnebre.
No ritual funerario dos ricos, primeiro realizábase a conclamatio, que consistía en chamar ao defunto tres veces para comprobar que realmente estaba morto mentres soaban as trompas anunciando a súa morte e, ao verificar esto, a familia dáballe o extremum vale, é dicir, o último adeus.
Despois da noite de velatorio, marchábase nunha procesión chamada pompa funebris dende a casa do falecido ata a necrópole. Nela os músicos abrían paso mentres as praeficae (plañideiras; mulleres ás que se lles pagaba para que chorasen) cantaban naeniae (pregarias fúnebres).
A continuación, ía o corpo coa cara cuberta e a familia e os amigos vestidos de loito. Se o defunto era unha figura prominente, a procesión paraba no foro para a oración fúnebre, laudatio funebris, pronunciada polo fillo máis vello do defunto ou por outro parente próximo, mentres que o corpo era exhibido posto de pé. A laudatio funebris constaba de dúas partes: a primeira, dedicada ao defunto, e a segunda, ás fazañas dos antepasados deste.
Para rematar, ou ben se incineraba o corpo en necrópoles fóra da cidade ou se enterraban en fosas individuais e tiñan epitafios nos que se indicaba a identidade do falecido (nome, idade, condición social, etc.), a persoa que dedica o epitafio, cun ton solemne ou con toques humorísticos.
Exemplos de epitafios contemporáneos
"Desculpe que non me levante señora" (Grouxo Marx)
''Aquí descansa el e na casa descansamos todos.'' (Popular)
"Chame forte, como para despertar a un morto" (Jean Eustache)
"Se queredes os maiores eloxios, morrede." (Enrique Jardiel Poncela)
Os que estaban de loito exhibían a súa pena vestindo os vestes pullae (roupa de la basta) e rexeitando lavarse, peitearse o pelo, cortar as uñas, ou cambiar as súas roupas. Segundo o declarado pola lei, podíase gardar loito durante un ano polos pais e os nenos maiores de seis anos, durante un mes polos nenos menores de seis anos, dez meses por un marido, e oito meses polo parentes de sangue máis achegados.
"Os Nove días de loito" comezaban co día da cremación ou da inhumación. Durante este período, secábanse as cinzas e colocábanse en urnas. Nove días despois de que o corpo fose enterrado ou incinerado, os membros da familia terminaban o funeral co sacrificio do novendiale, o sacrificio do noveno día. Entón, participaban noutro gran banquete na casa chamado a cena novendialis. Ofrecíaselle tamén comida ao morto porque pensaban que lle sería requirido na vida do máis alá. Neste día, os herdeiros tamén recibían formalmente a súa herdanza.
Había dous tipos de celebracións: Parentalia e Violaria, Rosaria.
Parentalia:
Dábase do 13 ao 21 de febreiro. Son festas á memoria dos mortos. O último día denomínase feralia.
Violaria, Rosaria:
Celébrase a finais de maio. Repartíanse violetas e rosas entre os parentes e se colocaban flores nos sepulcros e urnas.