Post date: Apr 3, 2017 4:36:58 PM
Na escavación levada a cabo en Tiel, ao sur de Holanda, foron descubertos numerosos obxectos de orixe romana. Entre eles destacan dúas estatuas de pedra, unha lápida coa inscrición deae ("deusa") e miles de pequenas pezas de bronce que aínda se están investigando. Unha das estatuas de pedra, un material inusual na zona de Holanda durante o Imperio, representa ao deus Xúpiter. Ademais, tamén destaca o achado dun gran anel cun centauro branco sobre fondo negro.
A zona do achado representaba a fronteira norte do Imperio Romano e foi habitada por agricultores bátavos antes da chegada dos romanos, que modificaron a forma de vida bátava.
Os arqueólogos propoñen dúas teorías para a existencia deste asentamento: que o lugar fora unha residencia luxosa dun distinguido bátavo que quixo recrear parte de Roma ou que se trate dos restos dun antigo templo.
As escavacións comezaron a finais de 2016 e rematarán no outono de 2017. Mentres, as pezas localizadas expoñeranse na cidade de Tiel a partir do 8 de abril.
Outro achado interesante na zona, de orixe moi posterior á romana, foi o de 90 moedas de prata da época na que gobernaba o rei español Filipe II.
Fonte | ABC
Imaxe | EFE