O regreso de Orfeo e Cerbeiro ao centro de Madrid

Post date: Feb 27, 2018 7:03:22 AM

Segundo este mito grego Orfeo, fillo de Apolo e da musa Calíope, posuía o don da música e da poesía. Estaba casado coa ninfa Eurídice, que un día foi mordida por unha serpe mentres fuxía de Aristeo. Como consecuencia morreu, e a Orfeo invadiuno unha pena enorme e só tocaba cancións tristes. Entón, Hades permitiulle levarse a súa amada do Inframundo, coa condición de que Orfeo tiña que camiñar sempre cara adiante e non mirala ata que chegasen arriba. Porén, deixouse levar pola impaciencia e mirou cara atrás provocando que a súa esposa desaparecese entre a néboa do reino dos mortos.

Esta lenda ten a súa propia fonte a carón da Praza Maior, en fronte do Palacio de Santa Cruz (sede do Ministerio de Asuntos Exteriores). Na fonte ademais de Orfeo tamén aparece un can que podería ser o seu ou Cerbeiro, o encargado de vixiar o Hades e que foi encantado por Orfeo co son da súa lira.

Este monumento foi inaugurado na fin do reinado de Filipe III, seguindo un proxecto de 1617 supervisado por Juan Gómez de Mora. A obra foi encargada o 9 de maio dese ano por Gaspar Ordóñez, que lle prometera a Gómez de Mora 1.550 ducados se a remataba en tres meses. O prazo cumpriuse grazas a axuda dos mestres de obras Juan de Chapitel e Alduayn e Martín Azpillaga. A fonte tiña catro escudos de armas reais e outros catro de armas da Villa.

Fonte e imaxe | La Vanguardia