Heroes e semideuses

Heroes

Presentan unha serie de trazos comúns:

Odiseo

Odiseo ou Ulises (Ὀδυσσεὺς en grego, Vlixes en latín) foi un dos heroes máis lexendarios da mitoloxía grega que aparece como personaxe da Ilíada, e, ademais, é o protagonista e dá nome á Odisea de Homero.

Segundo a versión homérica, era fillo de Laertes e Anticlea na Odisea e naceu en Ítaca. Casou con Penélope, e tiveron un fillo, Telémaco. Todos eles agardárono durante vinte longos anos, xa que dez deles os pasara loitando na guerra de Troia, e, os outros dez, intentando regresar a Ítaca cunha serie de problemas e obstáculos que tuvo que afrontar, os cales se relatan na Odisea.

Este heroe destaca pola súa brillantez, astucia e versatilidade. De feito, na Odisea  o seu nome aparece frecuentemente acompañado dos epítetos "astuto" (πολύμητις en grego) ou "de moitas mañas" (πολύτροπος en grego, tamén traducido como "de moitos sendeiros"). Ao igual que Aquiles, foi instruído polo centauro Quirón.

Imaxe obtida de Wikimedia Commons. Trátase dun cadro de Léon Belly titulado Ulysses And The Sirens (1867). Nel observamos a Odiseo atado ao mastro do seu barco tratando de vencer a atracción do canto das sereas.

Ao chegar á idade viril, o seu pai Laertes entregoulle o reino con tódalas súas riquezas. Rico en terras e en gando, adquiriu fama pola súa hospitalidade e polo seu respecto aos deuses, especialmente a Zeus e Atenea. De feito, esta deusa seríalle favorable en moitas ocasións. Atraído pola beleza de Helena, acudira como un pretendente máis ao seu palacio, pero, ao percatarse das escasas posibilidades que tiña de conseguila, decidiu solicitar a man de Penélope.

Diomedes

Diomedes (Διομήδης en grego) é un heroe aqueo fillo de Tideo, rei de Etolia, e de Deípile, filla de Adrasto, o cal era o rei de Argos, cidade na que naceu e creceu o propio Diomedes. Casou coa súa tía Exialea (noutras versións, a súa curmá).

O propio Diomedes chegou a ser rei de Argos e un dos heroes gregos máis temidos da Guerra de Troia. O seu pai Tideo (aliado de Polinices, fillo de Edipo) caera na batalla ante a cidade de Tebas. Máis tarde, Diomedes e os seus outros fillos dos sete guerreiros que sitiaran Tebas concentraron as súas forzas contra a cidade

Despois, Diomedes foi tamén un dos numerosos monarcas que pretenderon a man de Helena. Ao igual que os demais e a petición de Odiseo, xurou a Menelao que o asistiría en caso de ter problemas con ela. Deste xeito, viaxou cara a Troia, e, durante os dez anos de asedio á cidade chegou a ser o máis forte de todos os combatentes gregos, en tanto que foi responsable de maiores temores que o propio Aquiles.

A miúdo colaboraba con Odiseo, facendo de perfecto compañeiro de fatigas seu. Ademais, Diomedes tamén era un dos favoritos da deusa Atenea, ao igual que Odiseo.

Imaxe obtida de Wikimedia Commons. Estamos perante a estatua Diomedes de Múnich, copia romana dun orixinal gregoatribuído a Cresilas (ca. 440-430 a.C) (Gliptoteca de Múnich).

Durante a Guerra de Troia enfrontouse a Apolo, provocou a fuxida de Ares e ata cravou a súa lanza nun dos brazos de Afrodita, que non era das máis expertas na arte da guerra.

Trala guerra, Diomedes regresou a casa, aínda que tivo que renunciar ao trono de Argos forzado por Afrodita, quen non esquecera a ferida de guerra.

Agamenón

Agamenón (do grego Ἀγαμέμνων, ‘moi resolto’, ‘obstinado’) é un dos heroes máis sobranceiros da mitoloxía grega. As súas aventuras, xunto coas doutros heroes, nárranse na Ilíada de Homero. É fillo do rei Atreo de Micenas e da raíña Aérope, e irmán de Menelao. Por mor da antigüidade das fontes non está claro se é un personaxe histórico ou puramente mítico.

Trala captura de Troia (ao final da Guerra de Troia), Agamenón recibiu como parte do botín a Casandra, filla do rei Príamo e profetisa condenada a que ninguén crese nas súas palabras. Cando Agamenón chegou á súa terra, Argólide, esta atopábase rexida por Existo, o home que seducira a Clitemnestra (muller do heroe) durante a ausencia de Agamenón. Existo invitouno a un banquete, e, durante o seu transcurso, el e mailos seus compañeiros matárono a traizón, á vez que Clitemnestra mataba a Casandra. Despois, Odiseo atopouse coa súa sombra no inframundo (isto descríbese na Odisea).

Imaxe obtida de Wikipedia. Estamos perante un cadro de Pierre-Narcisse Guérin de 1817 titulado Clytemnestre hésitant avant de frapper Agamemnon endormi. Nela vemos a Clitemnestra, que dubida se matar a Agamenón mentres durme, e a Existo, que a incita a acometer o cirme.

Os poetas tráxicos teñen modificado amplamente a historia da morte de Agamenón. Por exemplo, Esquilo facía que fose soamente Clitemnestra quen matase a Agamenón. Os seus motivos eran, por unha banda, os ciumes por Casandra, e, doutra banda, a súa relación adúltera con Existo. Eurípides e Sófocles, por outra parte, contan que o motivo do asasinato fora o sacrificio de Ifixenia.

Menelao

Menelao (Μενέλαος en grego) foi un lexendario rei da Esparta micénica, esposo de Helena, así como unha figura central na Guerra de Troia. Era irmán de Agamenón. Destacada figura na Ilíada e a Odisea, Menelao tamén foi un personaxe popular na traxedia grega. 

Menelao converteuse en rei de Esparta tras casar con Helena, quen sería raptada por Paris, fillo de Príamo, o cal desencadearía a guerra de Troia. Baixo o mando do seu irmán Agamenón, Menelao e os demais reis gregos partiron cara a Troia para rescatar a Helena. Ao final da guerra, Menelao escondeuse, xunto con outros gregos, no cabalo de Troia e reconciliouse coa súa muller. Ámbolos dous trataron de regresar a Grecia, pero víronse na obriga de facer unha travesía que durou oito anos. Finalmente, Menelao e Helena conseguiron regresar a Esparta.

Imaxe obtida de Wikipedia. Aquí observamos un busto de Menelao (Museo Pushkin).

Teseo

Teseo (Θησεύς en grego, que significa "o que funda") foi un rei de Atenas, fillo de Etra e Exeo, se ben existe outra tradición que afirma que o seu pai é Poseidón. 

Exeo, temeroso de que os seus sobriños, os Palántidas (os cincuenta fillos de Palante), soubesen da existencia do seu fillo, futuro herdeiro do trono de Atenas, mandou á súa esposa que tanto ela como Teseo se mantivesen afastados del. Agochou unhas sandalias e unha espada baixo unha rocha, e díxolle a Etra que cando Teseo fose quen de levantar a rocha, que se dirixise cara a Atenas coa espada e as sandalias, para que el puidese recoñecelo.

Cando Teseo contaba con dezaseis anos, a súa nai Etra levouno cara o lugar onde se atopaba esa rocha e o rapaz puido levantala con facilidade. Así pois, partiu cara a Atenas. Cando chegou ata o palacio do seu pai, foi recoñecido pola feiticeira Medea, a cal intentou envenenalo cunha copa de viño. Porén, Exeo recoñeceu a espada que levaba Teseo e adiviñou as intencións de Medea, polo cal empuxou a man da feiticeira e a copa caeu ao chan. Tras isto, recoñeceu a Teseo como herdeiro e desterrou a Medea.

Imaxe obtida de Wikimedia Commons. Aquí observamos a Teseo loitando contra o Minotauro. Obra de Étienne-Jules Ramey (s. XIX). Jardin des Tuileries, París.

Viaxe de Teseo a Creta

Por aqueles tempos, Atenas estaba obrigada a entregar cada ano un tributo de sete rapaces e sete rapazas ao rei Minos. Debíase este tributo a Creta  tralo asasinato de Andróxeno, fillo do rei Minos, a mans dos Palántidas (curmáns de Teseo).

Estes rapaces e rapazas eran devorados polo temible Minotauro, unha criatura que era metade home e metade touro e que vivía nun labirinto construído por Dédalo, un hábil arquitecto que deseñara esta estrutura da cal era imposible saír unha vez que se entraba nela. 

Teseo quixo ir no lugar dalgún rapaz para así poder derrotar ao Minotauro, pero, ante a negativa do seu pai Exeo, fixo trampa no sorteo que decidía que rapaces e rapazas irían cara a Creta. O navío que os transportaba levaba velas negras en sinal de luto. Exeo pediulle ao seu fillo que se regresaba con vida que trocase as velas negras brancas.

O rei Minos e a súa muller, a raíña Pasífae, tiñan dúas fillas: Ariadna e Fedra. Ariadna, que estaba namorada de Teseo, pediu axuda a Dédalo para que puidese atopar o saída do labirinto. Dédalo entregoulle un fío máxico que o heroe debía suxeitar á porta do labirinto. Teseo non debía xirar nin á esquerda nin á dereita: tan só cara adiante seguindo o fío. Ariadna tamén lle revelou a Teseo como matar ao Minotauro: só podería morrer se lle cravaba un dos seus propios cornos na fronte. Deste xeito, Teseo puido atopar e matar ao Minotauro. 

A continuación, levou canda el, rumbo a Atenas, a Ariadna e aos rapaces e rapazas que foran ata Creta. Porén, durante o regreso houbo unha grande tempestade e tiveron que parar na illa de Naxos. Inexplicablemente, o día da partida Teseo esquecera a Ariadna, que quedara durmida na praia. O deus Dioniso atopouna e namorou dela, polo cal a levou consigo.

Por outra banda, cando Teseo estaba chegando a Atenas non cambiara aínda as velas negras polas brancas, polo cal Exeo, ao divisar o barco, creu que o seu fillo perecera a mans do Minotauro, e, cheo de dor, precipitouse no mar que a día de hoxe leva o seu nome: o mar Exeo.

Semideuses

Os semideuses son os descendentes dun deus ou deusa e dun mortal, o cal provocaba que posuísen calidades divinas, como a fortaleza ou enerxía extraordinarias, poder cruzar o umbral da vida e da morte e regresar sen dano, ou facer de intermediarios trala morte entre deuses e homes.

A maioría deles son heroes, por iso moitas veces é difícil establecer diferenzas entre ámbolos dous termos. Con todo, eran mortais.

Heracles

Heracles (en grego Ἡρακλῆς, que provén do nome da deusa Hera e "kleós", 'gloria', é dicir: 'gloria de Hera') é o máis célebre de tódolos heroes da mitoloxía grega. É fillo do deus Zeus e da mortal Alcmena, ademais de fillo adoptivo de Anfitrión e bisneto de Perseo por liña materna. 

Ao nacer, déuselle o nome de Alceo ou Alcides, en honor ao seu avó Alceo ou aludindo á idea de fortaleza (άλκή en grego). Foi durante a súa idade adulta cando recibiu o nome co que se lle coñece a día de hoxe, Heracles. Este nome foille imposto por Apolo e foille revelado a través da Pitia, e con el se indicaba a súa condición de servidor da deusa Hera.

Os seus principais atributos son a forza, a coraxe, o orgullo, trazos que se ven nas súas inumerables fazañas, e o vigor sexual, o cal se desprende dos numerosos amantes que tivo, tanto homes como mulleres.

Imaxe obtida de Wikipedia. Estamos perante o Hércules Farnesio, unha copia romana en mármore do século III dun orixinal de Lisipo do século IV a. C. É unha das representacións máis famosas deste heroe.

É considerado como o antergo dos reis de Esparta, e foi a influencia desta polis en toda a Grecia arcaica a que propiciou a difusión da súa lenda e culto. Existen numerosos relatos mitolóxicos sobre el, e os máis famosos son os Doce Traballos. As historias protagonizadas por Heracles forman un ciclo que se desenvolveu constantemente durante toda a Antigüidade. Isto dificulta en grande medida ordenalas de forma cronolóxica ou medianamente coherente. 

O historiador francés Pierre Grimal, no seu Dicionario de mitoloxía grega e romana, propón clasificalas en tres categorías:

1. Matar ao León de Nemea e despoxalo da súa pel.

2. Matar á Hidra de Lerna.

3. Capturar á Cerva de Cerinia.

4. Capturar ao Xabarín de Erimanto.

5. Limpar os Establos de Auxías nun só día.

6. Matar ás aves do Estínfalo.

7. Capturar ao Touro de Creta.

8. Roubar as eguas de Diomedes.

9. Roubar o Cinto de Hipólita.

10. Roubar o Gando de Xerión.

11. Roubar as Mazás do Xardín das Hespérides.

12. Capturar a Cerbero e sacalo do Inframundo.

Como marco dos tres ciclos aparecen os relatos do seu nacemento, morte e apoteose, relativamente invariables nas diversas fontes.

Aquiles

Aquiles (nome grego:  Ἀχιλλεύς) É fillo da deusa Tetis e do mortal Peleo.

A súa incrible fortaleza, crueldade, arrogancia e beleza convertíronse no prototipo de todo aquel que quixese asumir as consecuencias de querer levar unha vida ilustre e perigosa a calquer prezo, xa que este tipo de vida sempre conleva unha morte prematura, ao igual que lle acontecería a Alexandre Magno (gran admirador de Aquiles, por outra banda).

Aínda que Tetis sabía que o seu fillo non chegaría a alcanzar a madurez, fixo todo canto estivo na súa man para intentar cambiar  seu destino, incluso bañalo nas augas da lagoa Estixia para facelo inmortal. Case o conseguiu, pero cando sumerxiu ao seu fillo na auga, o talón polo que o suxeitaba quedou fóra da auga, e foi este feito o que provocou que seguise sendo mortal.

Aquiles foi educado polo centauro Quirón, quen foi o responsable de que o heroe recibise unha formación intensiva na carreira, o cal lle sería de grande utilidade no campo de batalla. De feito, un dos epítetos máis coñecidos de Aquiles, e un dos que máis veces aparecen na Ilíada, éo dos pés lixeiros” (πόδας ὠκύς).

Durante a Guerra de Troia aceptou que o seu mellor amigo Patroclo se fixese pasar por el vestíndose coa súa mesma armadura; porén, foi ferido de morte polo guerreiro troiano Héctor.

Imaxe obtida de Wikimedia Commons. É unha obra de Benouville (s. XIX) titulada A furia de Aquiles. Consiste nun retrato deste heroe, que se atopa no seu campamento cheo de ira por ter que cederlle a súa escrava Briseida a Agamenón.

En canto Aquiles soubo do falecemento do seu mellor amigo, buscou por tódolos medios a maneira de vingar a súa morte, e, unha vez que deu atopado a Héctor, matouno e co seu cuadriga arrastrou o seu cadáver durante días, ata que o rei troiano Príamo, pai de Héctor, chegou ata Aquiles para presentarlle os seus respectos. Ao ver ao apenado rei, Aquiles compadeceuse del e decidiu entregarlle o corpo do seu fillo.

Pouco despois, Aquiles resultou ferido cunha frecha lanzada coa arma de Paris, o irmán de Héctor, en tanto que nese momento era o deus Apolo quen lle confiriu o acerto, xa que este deus non amosaba moita simpatía para con Aquiles.

Trala cremación deste heroe, as súas cinzas foron depositadas nunha furna que foi situada na mesma tumba na que fora enterrado Patroclo.

Perseo

Perseo (Περσεύς en grego) é un semideus fillo de Zeus e a mortal Dánae. A tradición atribuíalle a fundación de Micenas. Acrisio, pai de Dánae e, polo tanto, avó del, quixo desfacerse deles dous por mor dunha profecía que vaticinaba a súa morte a mans de Perseo cando crecese, e, así, meteunos nun cofre que lanzou ao mar. Porén, Poseidón calmou as augas porque Zeus llo pedira, co cal nai e fillo saíron ilesos e foron a parar á illa de Séfiros, governada polo rei Polidectes.

O rei Polidectes, co cal Perseo se criou, namorara da súa nai Dánae e, dado que consideraba ao xove como un estorbo para os seus plans, intentou librarse del mediante un plan: fixo crer a todo o mundo que pretendía conquistar á princesa Hipodamía e pediu que lle fosen entregados moitos agasallos para que el mesmo puidese ofrecerllo á súa vez á princesa. Polidectes aceptou os agasallos dos outros habitantes da illa, pero non os de Perseo, senón que a este lle ordenou que trouxese a cabeza de Medusa, un monstro que convirtía en pedra a todo aquel que a mirase. Durante esta aventura, Perseo contou coa axuda de Hermes e Atenea, os cales foron cruciais para o seu éxito. 

Imaxe obtida de Wikimedia Commons. Estamos perante unha escultura de Benvenuto Cellini (1500-1571). Aquí observamos a Perseo sostendo coa súa man esquerda a cabeza de Medusa (Loggia dei Lanzi, Florencia). 

Outras das súas fazañas consistiron no rescate da princesa Andrómeda, que fora atada a unha pedra polos seus pais para que fose devorada por un monstro mariño, pois un oráculo lles vaticinara que só se poderían librar dese monstro se ofrecían á súa filla como alimento. Perseo quedou prendado dela nada máis vela, e, tras matar a ese monstro mariño coa súa espada, casou con ela.

Despois, Perseo presentouse ante Polidectes e ante toda a súa corte e sacou a cabeza de Medusa, quedando petrificados todos eles. A continuación, devolveulla a Atenea, que a poría no seu escudo a partir de entón.

Finalmente, cumpriuse esa profecía que tanto temía Acrisio, xa que, mentres este se atopaba en Lárisa (Tesalia) presenciando uns xogos, resultou que curiosamente Perseo participaba neles, e, debido a un erro no seu lanzamento de disco, Acrisio resultou ferido de morte na cabeza.

Superheroes

Un superheroe é un personaxe de ficción, pois as súas características superan ao do heroe clásico, xeralmente con poderes sobrehumanos entroncados na ciencia ficción.

Estes personaxes comparten unha serie de características cos heroes ou semideuses clásicos:

Superhéroe de un comic-book de 1945. | Wikipedia