Divindades menores

Introdución

As divinidades menores, malia non pertenceren ao panteón olímpico, tiveron certa relevancia e presenza tanto na tradición oral como na escrita. Parte destes deuses gardan dunha forma ou otra relación co culto e as lendas de moitos dos deuses olímpicos. Algunhas destas divindades menores foron introducidas en Grecia incluso antes ca os deuses olímpicos. Ao teren estes un papel preponderante na mitoloxía oficial, ou ben foron relegadas a un segundo plano como divindades de rango inferior ou marxinal, ou ben quedaron supeditadas á figura dos deuses maiores.

Divindades campestres

Propias da vida do monte e do campo agreste. A arte representounas dende moi cedo como metade home, metade macho cabrío, relacionándoas cos animais que poboaban as montañas da antiga Grecia, ao coidado dos pastores. Podemos citar ás seguintes:

Pan (Πάν)

Imaxe de Wikimedia Commons. Aquí observamos un mosaico (ca.138-192) no que se representa ao deus Pan.

Deus dos rabaños e pastores, pertencía ao cortexo de Dioniso. O seu nome foi obxecto de múltiples interpretacións. Tamén participou en numerosas lendas.

As ninfas (Νύμφαι)

Imaxe obtida de Wikimedia Commons. Estamos ante unha obra de W.A. Bouguereau (1873) titulada Ninfas e sátiro, onde observamos a ditas divinidades.

As ninfas dos campos acostuman ser as compañeiras destes deuses. Forman un grupo moi numeroso e reciben o nome de Oréades (Ὀρειάδες) se son ninfas das montañas, Dríades (Δρυάδες) se o son das árbores, Naiades (Ναϊάδες) se pertencen ao medio mariño (ver clasificación completa na wikipedia).

Os sátiros (Σάτυροι)

Protectores dos bosques. forman o cortexo de Dioniso. Destes os máis famosos foron Sileno e Marsias.

Ramón Andrés descríbenos aos sátiros da seguinte maneira:

“Estos seres festivos y alegres, custodios de los bosques, embriagados por el vino y no menos por la sensualidad del mundo, tenían un aspecto rudo y bestial, mitad hombre y mitad macho cabrío en su parte inferior; otras veces sus piernas y cintura correspondían a un caballo, o bien a un asno. Siempre provistos de una larga cola, sus representaciones coincidían en mostrarlos chatos y calvos, desnudos e itifálicos, con los ojos saltones”.

Marsias

Imaxe obtida da Wikipedia. Enfrontamento de Marsias con Apolo.

Este sátiro desafiou a Apolo nun concurso musical. Marsias perdeu, e fou degollado vivo nunha cova por desafiar a un deus. Apolo clavou a pel de Marsias nunha árbore, e o seu sangue formou o río Marsias (afluente do Meandro).

O castigo de Marsias, de Tiziano, ca. 1570-1576. Fonte | Wikipedia

Sileno

Imaxe obtida da Wikipedia. Estatua que representa ao deus Sileno.

Dise que Sileno era o pai adoptivo de Dioniso e o seu compañeiro. Adoita considerarse como fillo de Hermes. É coñecido polos seus excesos co alcohol. Atribúeselle, xunto con Marsias, a invención da flauta e dunha danza particular que leva o seu nome.

Sileno ebrio. Cesare Fracanzano, 1630-1635.

Divindades mariñas

A súa facultade máis destacada é que cambian de forma física e o escoitan todo, en relación coa fecundidade do mar e o murmurio das ondas.

Os máis destacados son Océano e Nereo, deuses do mar primitivos aos que foi desprazando nas súas atribucións o deus Poseidón.

Océano ( Ὠκεανός)

Imaxe obtida de Wikipedia. Aquí observamos unha estatua do deus Océano. (Fonte de Trevi, Roma).

Era o deus río que circundaba a Terra chá nas primeiras concepcións helénicas do mundo. Dise del que se uniu a Tetis, coa que enxedrou as ninfas Oceánides.

Nereo (Νηρεύς)

Imaxe de Wikipedia. É unha estatua do deus Nereo (Museo Arqueolóxico de Carmona, Sevilla). Autor da fotografía: Rafael Ximénez.

Nereo é coñecido como o "ancián do mar" (o nome en grego, Νηρεύς, significa "mollado"). É fillo de Ponto e Xea. Vive nas profundidades do mar, rodeado das súas fillas, as ninfas Nereidas, moi arraigadas nas crenzas populares gregas.

Divindades domésticas

Eran propias da vida cotiá. Acostumaban presidir as vodas ou simbolizar a riqueza:

Himeneo (Ὑμέναιος)

Imaxe obtida de Wikipedia. A obra titúlase Cupido reavivando o facho de Himeneo.Autor: George Rennie (s. XIX). Victoria and Albert Museum, Londres.

Era o deus dos cortexos nupciais. Na vodas, ofrecíanlle viño, leite ou pasteis e, co tempo, apareceron numerosos mitos que intentaban explicar a súa orixe, sempre relacionada co costume popular do canto nas cerimonias do matrimonio. Himeneo é xeralmente representado na arte como un rapaz xove levando unha grinalda de flores e sostendo un facho acendido nunha man. Debido á súa extraordinaria beleza, varios deuses namoraron del, como Apolo ou Cupido, entre outros.

Pluto (Πλοῦτος)

Imaxe obtida de Wikipedia. Nela observamos unha estatua do deus Pluto. Trátase dunha copia dun orixinal de bronce erixido na Ágora no ano ca. 370 a.C.

Era o deus que na Grecia clásica personificaba a riqueza (como a propia palabra grega πλοῦτος significa). Normalmente era representado como cego e en posesión do corno da abundancia. A súa cegueira estaría relacionada coa experiencia vital que nos permite comprobar que os malvados tamén poden ser moi ricos.

Divindades alegóricas

Son divindades como a Fortuna (Τύχη), a Victoria ou Nike (Νίκη) ou a Vinganza ou Némesis (Νέμεσις), que, ás veces, só constitúen meras potencias simbólicas ou representativas de forzas superiores á condición humana.

Nike

Imaxe obtida da Wikipedia. Miniatura de bronce que representa a deusa Nike.

Nike é a deusa da victoria. É conocida a historia das Guerras Médicas, na Batalla de Maratón, cando o soldado que correu 42 quilómetros dende Maratón ata Atenas berrou: «¡Niké!» («¡Victoria!»), e despois desplomouse no chan. Dise que era filla do titán Palas e de Estigia.

Na imaxe da dereita:

En grego, Némesis é a deusa da xustiza retributiva, da solidariedade e da vinganza. Castigaba ás persoas que non obedecían aos seus superiores, e sobre todo, aos fillos que non obedecían aos pais. Dise que Némesis pode ser a filla de Océano ou de Zeus.

Imaxe obtida da Wikipedia. Estatua de mármore atopada en Exipto.

Némesis

Outras divindades

As Musas (Μοῦσαι)

Divinidades femininas, fillas de Zeus e Memosine (a 'Memoria'), ás que se lles atribuía a protección da poesía e as artes. Son 9 en total, e os seus nomes son:

  1. Calíope: (Καλλιόπη, "a da fermosa voz"); musa da elocuencia, beleza e poesía épica (canción narrativa).

  2. Clío: (Κλειώ, "a que ofrece gloria"); musa da Historia.

  3. Erato: (Ἐρατώ, ‘a amorosa’); musa da poesía lírica-amorosa.

  4. Euterpe: (Ευτέρπη, ‘a moi placenteira’); musa da música, especialmente da arte de tocar a flauta.

  5. Melpómene: (Μελπομένη, ‘a melodiosa’); musa da traxedia.

  6. Polimnia: (Πολυμνία, ‘a do moitos himnos’); musa dos cantos sagrados e a poesía sacra (himnos).

  7. Talía: (Θάλεια o Θαλία, ‘la festiva’); musa da comedia e da poesía bucólica.

  8. Terpsícore: (Τερψιχόρη, ‘a que deleita coa danza’); musa da danza e poesía coral.

  9. Urania: (Ουρανία, ‘a celestial’); musa da astronomía, poesía didáctica e as ciencias exactas.

Imaxe obtida de Wikipedia. Estamos perante a obra Atenea xunto ás musas, de Frans Floris (c. 1560). Nela vemos á deusa Atenea (á esquerda, de pé) xunto coas nove musas.
Relevo das musas. Por orde de esquerda a dereita: Clío (historia), Euterpe (música), Talía (comedia), Melpómene (traxedia), Terpsícore (danza), Polimnia (poesía sacra e cantos sagrados), Erató (poesía lírca-amorosa), Urania (astronomía), Calíope (poesía épica), Fonte | Flickr.com

As Moiras (Μοῖραι)

Eran divinidades que presidían o Destino humano, sobre todo, o nacemento, o matrimonio e a morte. O seu nome en grego significa "repartidoras". Nun principio dicíase que eran fillas de Nix ou Caos, pero alguns mitógrafos posteriores afirmaron que eran fillas de Zeus e Ananké. Os seus atributos eran o fío e as tesoiras coas que cortaban o fío da vida e os seus nomes aludían a esta actividade:

  • Cloto (Κλωθώ, "a que fía"),

  • Láquesis (Λάχεσις, "a que bota a sortes", é a que asigna os lotes de sorte que lle toca a cada un)

  • Átropo (Ἄτροπος, "que non xira" é dicir, a que non deixa que o destino volva cara atrás").

A tradición popular deu orixe ao coñecido tópico das fiandeiras ou o da vida pendendo dun fío, motivos clásicos profusamente plasmados por artistas e pintores.

Imaxe obtida de Wikimedia Commons. Esta obra titúlase O triunfo da morte ou Os Tres Fados (tapizaría flamenca, ca. 1510).Aquí observamos ás Moiras con cadanseu nome situadas sobre unha muller falecida que representa a Castidade.

As tres Gracias (Χάριτες)

Pasan por ser fillas de Eurínome e Zeus e son deusas da gracia e da beleza, relacionadas coa arte e a beleza de espírito. Ás veces son confundidas coas Horas, coas que comparten o mundo da vexetación ou a fertilidade da terra. Son coñecidas cos nomes de:

  • Aglaie (Ἀγλαΐα, "a espléndida, a que resplandece")

  • Eufrósine (Εὐφροσύνη, "xúbilo", "alegría")

  • Talía (Θαλἴα, "a florecente") .

Soen aparecer nos mitos como compañeiras de Harmonía, para a que tecen o seu velo, ou bailando nos banquetes dos deuses.

Imaxe de Wikimedia Commons. É unha obra de van Loo (ca. 1763) titulada Les Trois Grâces. Nela están representadas as Tres Gracias.

As Horas (Ὧραι)

Son divindades que presidían as estacións do ano e velaban polas colleitas. Podemos distinguir dúas "xeracións" distintas en función da fonte da que procedan e dos elementos que se considere que simbolizan.

Na primeira "xeración", estas divindades, aínda que máis tarde pasan a simbolizar as horas do día, en Atenas estaban relacionabas co ciclo de fertilidade da terra, de onde tomaban os seus nomes: Talo (Θαλλώ, "florecer"), a Hora da primavera, Auxo (Αὐξώ, "crecer"), relacionada co crecemento das plantas, e Carpo (Καρπω, "froito"), a Hora do verán.

Imaxe obtida de Wikimedia Commons. É unha obra de Poynter (1894) titulada Horae Serenae na cal se representan algunhas das Horas danzando con ledicia. (BristolCity Museum Art Gallery).

A continuación, tamén podemos referirnos a unha segunda "xeración", a partir da cal estas deusas pasarán a ser consideradas como deusas da xustiza e da orde en xeral. Neste caso disnguimos, prinipalmente, a Irene (Εἰρήνη, "Paz"), Eunomía (Εὐνομία, "Orde") e Dice (Δίκη, "Xustiza"), nomes que destacaban a súa orixe como fillas de Zeus e Temis, a antiga deusa que chegou a a personificar a lei de orixe divina.

Posteriormente haberá listaxes que cheguen a alcanzar un total de doce Horas (a Hora do amencer, da ximnasia, do mediodía, etc.).

A arte representa a estas deusas como fermosas doncelas con túnicas recollidas na man executando unha especie de danza, o cal fai que ás veces se confundan coas Cárites ou Gracias.

As Erinias (Ἐρινύες)

Personifican o castigo. Νaceron das gotas de sangue que lle caeron a Urano cando o seu fillo Cronos lle cortou os testículos.

Son forzas primitivas anteriores aos Olímpicos, polo cal non recoñecen a autoridade destes.

Protexen o cosmos e a orde universal contra o caos. Castigan aos asasinos, porque unha mancha de tipo relixioso pode alterar a orde social. Tamén castigan a ὕβρις ou desmesura.

Ao final da súa evolución, convértense en divinidades que levan a cabo os castigos infernais, atormentando e torturando aos mortos.

Imaxe obtida de Wikipedia. Esta é unha obra de William-Adolphe Bouguereau titulada Orestes Pursued by the Furies (Orestes perseguido polas Furias ou Os remorsos de Orestes), do ano 1862. Aquí vemos ás Furias atormentando a Orestes tralo asasinato de Clitemnestra.

Son tres:

  • Alecto (Ἀληκτώ, "implacable"), sempre encolerizada;

  • Tisífone (Τισιφόνη, "a vingadora do asasinato"),

  • Megera (Μέγαιρα, "a celosa"), a Erinia dos ciumes e a máis terrible das Erinias, xa que é a encargada de castigar todos aqueles delitos que se cometen contra a institución do matrimonio, especialmente os da infidelidade.

Son chamadas σεμναί, "as venerables", ou Εὐμενίδες, "as bondadosas", pero dado o seu carácter violento estes son nomes que tan só están destinados a adulalas. Vingan especialmente os asasinatos cometidos contra a propia familia. Normalmente, o asasino é desterrado e vaga de cidade en cidade hostigado por elas, que acaban enloquecéndoo ata que atope alguén que o purifique dos seus crimes.

Aparecen con frecuencia nas lendas mitolóxicas: impulsan a Clitemnestra a matar ao seu home Agamenón, perseguen a Orestes polo asasinato da súa nai Clitemnestra, etc.