As fotos que vai aportando o noso alumnado gárdanse neste enlace: Fotos dos alumnos e alumnas de 6º
Preto de nós, ao noso redor, medran moitas plantas ás que os nosos antepasados facían moito máis caso que nós.
Se eran agricultores ou gandeiros, catalogábanas como herbas ou plantas boas ou malas. Ademais, algunhas persoas sabían dos usos que podían facer delas: se eran boas para as infeccións, para a febre ou as dores de barriga.
Nesta subpáxina imos coñecer algunhas das nosas compañeiras de litoral: as plantas de cantil que temos no Paseo Marítimo, dende o colexio, polo Monte de S. Pedro ata o Portiño.
CARACTERÍSTICAS FÍSICAS DO ECOSISTEMA
Aquí temos tres imaxes do noso contorno, que é o campo dos nosos estudos: o litoral que está entre o Portiño e a Torre de Hércules.
O anaco de costa que rodea o colexio e que imos estudar, ten características moi diferentes. Por unha banda está o cantil, que é perigoso para as persoas, e por iso mesmo, é un lugar privilexiado para a flora e a fauna salvaxe. Por outra banda, está o Paseo Marítimo, unha parte moi coidada e humanizada da nosa cidade. Tamén temos as praias de Riazor e Orzán, nas que podemos atopar vexetación e fauna salvaxe que trae o mar.
Simulacro de evacuación no cantil levada a cabo polos servizos de salvamento da nosa cidade.
Foto feita no Monte de S.Pedro.
O Monte de S. Pedro é un pequeno monte formado por rochas graníticas que forma un cantil, agora interrompido polo Paseo Marítimo. Este monte estaba pechado ata hai poucos anos porque no seu cumio había un cuartel de artillería do exército, substituído agora polo Parque do Monte de S.Pedro, e preto del está o barrio de "Los Rosales".
Na súa saia, curtada pola estrada que continúa o Paseo Marítimo ata O Portiño, hai unhas formacións xeolóxicas moi curiosas: trátase da Duna fósil de S. Pedro, e máis unha praia fósil de 400.000 anos de antigüidade (que chamaron "Praia de Penaboa"). Estas formacións, moi aprezadas polos xeólogos, corresponden a unha época na que o nivel do mar estaba moito máis alto. Para poder aprezar a duna fósil, o Concello puxo unhas cristaleiras polas que se pode mirar a duna e uns carteis con toda a información. Agora, as cristaleiras enchéronse de plantas, pero aínda pódense ver os sedimentos que quedan da duna.
Ventanais que enmarcan a duna (agora chea de plantas herbáceas), e alumnas das Esclavas tomando nota da información sobre a duna.
Ao pé do monte de S. Pedro e fronte á praia fósil, podemos ver as Illas de S. Pedro.
Alí hai unha reserva de aves moi abundante en gaivotas, cormoráns, lavandeiras e tornapedras. O Concello pediu a declaración de Espazo Natural para elas.
PLANTAS
É moi curioso observar as plantas dos cantís. Como a vida na Terra orixinouse no mar e foron as plantas as primeiras en colonizar os litorais, cando estudamos as plantas dos cantís parece que recreamos ou recapitulamos os primeiros momentos da vida terrestre.
Neses intres, no periodo Cámbrico hai uns 500 millóns de anos, as algas e outras plantas vivían no mar competindo moitísimo polo espazo, pola luz e polos nutrintes. Unha solución era saír fóra da auga, xa que o espazo dispoñible era moito maior, pero non podían vivir fóra dela, xa que non tiñan un sistema vascular (vasos condutores de líquidos como os zumes bruto e elaborado). Así que atoparon un socio para entre os dous poder saír ao aire libre: un fungo case indestrutible, pero con moi poucas posibilidades de nutrirse no mar. E xuntáronse nun novo organismo que chamamos lique. Así que, a pesar de que nas rochas pegadas ao mar hai poucos nutrintes e moito sal, puideron vivir nelas en forma de liques.
Os liques son unha unión simbiótica (axúdanse entre eles aportando cada un deles un beneficio) entre algas e fungos: os fungos aportan a resistencia ante a sequedade e as algas a función clorofílica, o sexa, o alimento. Agora, cando vemos líques nas rochas, quere dicir que non hai moita contaminación, pois a pesar da súa dureza son moi sensibles a determinadas substancias.
Outras plantas non vasculares e moi sinxelas acompañarían tempo despois aos liques ocupando espazos sempre húmidos: os brións. Moito tempo despois apareceron as primeiras plantas vasculares que podían levar auga e nutrintes desde o solo cara arriba: e así foron medrando.
Na medida que imos alonxándonos do mar, atopamos primeiro grietas con area e excrementos de aves que permiten a vida de plantas vasculares que precisan nitróxeno e resisten ben a salinidade.
Máis elevadas aparecen xa, nun solo máis rico, moita diversidade de plantas que nos chaman a atención polas súas flores na primavera, aínda que non é difícil atopar outras sen elas, coma os fentos e os brións. Todas teñen a súa importancia no ecosistema do cantil.
Empecemos polas plantas criptógamas:
Carrizas, mofos, musgos, brións...
Destas catro formas chámase en galego a un ser moi sinxelo. Recoñécelo? Está sobre as rochas ou as árbores nos lugares máis húmidos. Son os musgos (Bryophyta sensu stricto).
O musgo é unha planta moi sinxela e antiga. Non ten verdadeiro talo nin raíces propiamente ditas. Medra nas rochas preto dos ríos, paredes molladas, muros con humidade ou mesmo nas árbores húmidas. No Paseo, podemos atopalo debaixo dos bancos e sobre algunhas rochas.
Aquí temos os nosos brións sobre un carballo nun bosque de Galicia.
Algas
Viven no mar e fan a fotosíntese. As veces, a costa aparece con moita espuma que ten que ver coas algas. Pódense reproducir por esporas ou de forma sexual. Esta é unha leituga de mar (Ulva lactuca).
As algas autóctonas (como a cinta) son moi importantes para o ecosistema mariño, pois moitos animais dependen delas. Nas nosas rías, a variedade enorme de peixe e marisco depende das algas, que son o primeiro elo da cadea alimentaria. As algas invasoras (traídas moitas veces polos barcos, pegadas aos seus cascos) son moi perigosas porque desprazan ás autóctonas e acaban coa vida no litoral.
As algas forman verdadeiras praderías nas que viven os peixes e outros animais. Aquí vemos, ao lado do colexio, e debaixo da gaivota pescando, unha alga chamada cinta (Himanthalia elongata) que é comestible (se tés moita fame, claro).
Os fentos
Recoñécelos verdade? O seu nome científico é Pteridium aquilinum. Hai verdadeiras praderías formadas por fentos preto do cole. E que bonitos se poñen en outono, cos seus tonos vermellos e marróns!
Os fentos son plantas con raíz, talo (chamado rizoma) e follas, pero non teñen flores nin foitos. Reprodúcense por esporas e, en parte, tamén sexualmente. Como, ata hai moi pouco tempo, non se sabía ben como se reproducían exactamente, forman parte das "criptógamas" (de cripto, oculto, e "gamas": as que se reproducen de forma segreda).
Apareceron no mundo hai 400 millóns de anos. Na Era Secundaria (hai 100 millóns de anos) os fentos eran xigantes e tiñan talos leñosos. Se miras unha pradería de fentos achegándote a eles, podes imaxinar como eran (imaxina entre eles algún dinosaurio tamén).
Na foto vemos como medran os fentos e outras herbáceas a carón dunha rocha chea de brións. Este fento chámase Pteridum aquilinum.
Á dereita podemos observar como os fentos poden medrar mesmo nos troncos das palmeiras., chamados estípites.
Este fento chámase Polypodium vulgare.
FANERÓGAMAS HERBÁCEAS
Comezamos polas plantas herbáceas. As plantas que rodean ao noso cole (Esclavas de A Coruña) son as propias do cantil. Son plantas que os agricultores chaman "malas herbas" cando medran nos seus cultivos. Quéimanas ou trátanas con herbicidas, cando son importantísimas para a biodiverdidade.
As plantas herbáceas, xunto coas algas, son as máis abundantes no noso planeta. A maioría do osíxeno que respiramos procede das praderías que medran en cada recuncho do solo, na terra ou no mar. Non despreciemos a súa importancia.
No cantil, as plantas herbáceas teñen tamén o papel de agarrar ben a terra coas súas raíces para que non quede exposta a desprendementos na época de choivas fortes. Ademais dan acubillo e alimento a unha variedade enorme de animais que tamén coñeceremos na Unidade 2.
Nós ímolas observar desde o noso colexio á beira do mar, ao carón da praia e do cantil, e imos aprender todo sobre elas. Debemos estar namorados delas, e a mellor maneira de amar ás plantas é coñecelas polo seu nome e miralas con agarimo. Aquí presentámosche algunha delas.
*Hai posibilidade de que as fotos correspondan á biznaga ou viznaga (Ammi visnaga) xa que é parecida. Hai moitas flores da familia das umbelíferas (con forma de paraugas) que son moi semellantes.
Debaixo destas flores están as cenorias, as súas raíces. Non son como as que coñecemos, pero teñen bos efectos para a saúde tomadas en infusión.
As cenorias silvestres que podemos atopar preto do noso cole non son de cor laranxa e son moi finiñas, pero saben e cheiran a cenoria. Non se comen, para iso están as cultivadas, pero con elas os nosos antepasados facían infusións curativas.
A historia das cenorias comeza na Idade Media, na que se empezaron seleccionar as cenorias máis grandes e plantar só esas variedades. Algunhas delas eran de cor laranxa, outras amarelas, outras violetas e a maioría branquiñas. Polo ano 1610, en Holanda, seleccionáronse as cenorias laranxas, e sementáronas para facer un agarimo á Casa de Orange, que mandaba por alí. A cor da Casa de Orange era... o laranxa. Desde entón, as nosas cenorias europeas son todas laranxas. Que cousas!
Cando camiñamos cara o Portiño no verán, atopamos moitísimas plantiñas, coma espigas. Trátase de avena silvestre.
A avena é un cereal que se utiliza para facer pan, galletas, cereais de almorzo, bebidas, etc.
Rubus ulmifolius. Xa temos o menú completo: cenorias, avena e agora amoras de postre. Son zarzas con pinchos, pero que boas están as amoras, eh?
Son moi galegas. Di Rosalía, a nosa poeta máis importante:
"Amoriñas das silveiras
que eu lle daba ao meu amor..."
Hinojo en castelán. O seu nome en latín é Foeniculum vulgare. Utilízase para cocer as castañas e para dar sabor ás comidas, xa que ten un sabor moi agradable a anís.
Cando florece, o seu talo chega aos 250 cm. É unha das plantas máis abundantes no litoral.
Foto que saquei preto do Milenio. A madreselva é unha planta cunha flor moi bonita. Ten un néctar azucrado moi saboroso que os rapaces e rapazas chuchaban antigamente, por iso o de "chuchamel". O seu nome científico é "Lonicera", e hai moitas especies moi parecidas, así que non me atrevo a dicir cal é.
Aquí tedes a flor da madreselva e o seu froito, xuntos. Cando pasedes polo Paseo Marítimo no verán, non esquezades mirar!
Crithmum maritimum, chamado tamén pirixel do mar, fiuncho do mar ou fiuncho dos mariñeiros. É unha planta comestible (cando teñas moita fame).
Perexil do mar no Paseo Marítimo (Praia do Orzán).
O perexil do mar medra entre as rochas e nos recunchos máis abraiantes.
Os mariñeiros antigos comían as súas follas máis carnosas en ensalada para previr o escorbuto (unha enfermidade moi frecuente daquela entre os mariñeiros).
Medrando polo tronco (estípite) dunha palmeira, atopamos estas herbas con esta forma característica de embigo.
Umbiliculum rupestris. Traducindo: "O embigo das rochas". Nas paredes, valos e nos cantís podemos atopar esta plantiña con follas que lembran un embigo.
Chámase en latín Erica cinerea ou ciliaris -se ten peliños-. Está por todo o cantil. As súas flores rosadas, chamadas en Galicia queirugas, abren nos meses de verán para ledicia das abellas e bolboretas. É toda unha festa!
Por certo, como curiosidade, os nomes de persoa Erica e Breixo significan o mesmo (esta plantiña), Breixo en galego e Erica en grego.
Toxo
O toxo (Ulex europaeus) é unha das plantas dominantes no noso cantil. É unha planta dura e pincha coas súas follas, así que se alguén te di: "Es un toxo" é que te chama antipático. Pero en verán todo cambia, chéase de flores amarelas, as chorimas, e é unha festa para os insectos que se alimentan do seu néctar. No caso das abellas, dan moita mel na súa presenza. O toxo é unha planta característica de Galicia e moi beneficiosa: dá acubillo e protección a moitos animais, nitroxena o solo, polo que fertiliza a terra; dá de comer ao gando, serve para facer camas para as vacas nas cortes e para alimentar o lume en inverno. Podémolo ver, coas súas flores tan fermosas, polo camiño ao Portiño.
Taraxacum officinale, dente de león ou achicoria amarga. É unha plantiña de todos coñecida. Nun principio é amarela, pero pasa a ser como de algodón que os nenos e nenas sopran para pedir desexos. As súas follas (das especies cultivadas) bótanse nas ensaladas.
Viboreira (Echium rosulatum). Esta flor moradiña é moi abondante na nosa costa.
Glandora prostrata. É unha herba que bota unha flor moi pequena e que forece a principios da primavera.
Armeria maritima. A esta herba que se utilizaba para facer feitizos, lle sae en primavera esta flor , que ten por nome "caravel das praias".
Malva Sylvestris. Moi presente entre as rochas e nas beirarrúas do Paseo Marítimo polo Monte de S. Pedro e O Portiño. A malva foi moi apreciada polos seus usos medicinais: coas follas se facía unha infusión contra a febre.
Angelica arcangelica. Estas flores verdes que saen de talos fortes e altos son frecuentes no Paseo. Son moi resistentes á salinidade e comparten cantil cos toxos e os breixos. Ten ese nome tan anxelical porque se dicía que era un agarimo do Arcánxel S. Gabriel debido ás súas propiedades medicinais. Chámase tamén Herbacdo Espíritu Santo. As súas raíces utilízanse para facer licores e tamén cómense nalgúns países, polo que se cultiva neles.
Carlina corymbosa.
Atopada fronte as Illas de S. Pedro.
Dipsacus fullonum, atopada ao lado do ascensor de S. Pedro.
Ulex minor. Toxo anano. Este tipo de toxo é unha especie endémica da costa atlántica galega e francesa.
Hedera helix que se coñece como hedra ou hiedra.
Urtica urens. Aínda que non aprendas a forma das outras, polo teu ben, fíxate moito nesta. Ten uns peliños urticantes (que quere dicir que provocan escozor) e só con rozalas coa pel prodúcenche unha dor insoportable. Ortigas hainas en todos os espazos verdes da cidade.
FANERÓGAMAS LEÑOSAS
Figueira (Ficus carica)
Dúas medran asilvestradas enfronte do ascensor de S. Pedro, rodeadas de fiuncho e outras plantas silvestres. Na súa época (setembro) dan figos.
Cantas hai no cole? Sabías que temos un patio que se chama "Patio das figueiras"?
Podes comer figos cando vaias de andaina polo Paseo Marítimo.
Son gratis!
Por certo, preto desta árbore atopei esta arañeira. Abraiante, verdade?
Co seu nome científico posto polo mesmo Carlos Linneo, Ulmus minor, é unha árbore que aínda se planta nas cidades. Esta árbore é autóctona e medra naturalmente nas beiras dos ríos e os lagos galegos.
Vémolo aquí a carón do Estadio de Riazor.
Ameixeira cerdeira
Pronus cerasifera, Ciruelo cerezo.
É orixinaria do centro e oeste de Europa. Esta árbore, chamada tamén ameixeira de xardín, ofrécenos as súas flores ao final do inverno, anticipando a primavera.
Este exemplar está no parque de Sta. Margarida, ao carón da Casa das Ciencias.
É unha árbore moi vistosa, verdade?
Acivro (Ilex aquifolium, acebo).
Acivro femia.
O acivro (Ilex aquifolium) é un arbustiño que se atopa naturalmente en Galicia. Acivros hainos machos e femias. Ambolosdous teñen flores, pero só ten froitos a femia, que dá de comer coas sua baias vermellas a diferentes especies de aves, coma a pita do monte (urogallo) ou a codorniz. Estivo a piques de se extinguir, pero recuperouse e daquela plántase en moitos lugares. Nalgúns xardíns de A Coruña se ten plantado acivros coma este, que fructificou así de ben no mes de outubro.
Os bosques autóctonos: as fragas
As fragas galegas son os poucos exemplos que nos quedan de como era orixinalmente o bosque (e bosque era case toda Galicia) antes de que o ser humano acabase coa natureza orixinal para xenerar a súa propia paisaxe humanizada.
En Galicia hai moita humidade e son frecuentes os ríos e arroios que aportan a auga necesaria para atopar bosques pechados, con moitas frondas formando ecosistemas de elevada biodiversidade, particularmente no que respecta á flora. Ademais, os seus ríos, con correntes de auga caudalosas, xunto a que ademais nas ribeiras sombrías e húmidas medren unha ampla colección de herbas, liques, fungos, brións, fentos...
A árbore máis abundante nestas fragas é o carballo común (Quercus robur).
Outras árbores que podemos atopar, dependendo da altura, a proximidade ao mar e os ventos, son o castiñeiro, a sobreira, o bidueiro, a aciñeira, o ameneiro e a faia. Tamén atopamos arbustos como o acivro, a pereira brava e a maceira brava.
A fraga máis importante do noso contorno está a poucos quilómetros, por Pontedeume, son as Fragas do Eume. É unha visita que non podedes deixar de facer.
Plantas alóctonas, naturalizadas e invasoras
Unha planta pode ser autóctona; é dicir, propia dun lugar, ou alóctona, que quere dicir "propia doutro sitio".
Unha planta autóctona pode ser endémica se só existe no lugar no que é autóctona. Por exemplo, hai un narciso (unha flor) que é endémica de Galicia: Narcissus cyclamineus. Só se pode atopar nas catro provincias galegas.
As plantas vistas ata aquí son todas autóctonas. É dicir, que son propias do noso litoral. Grazas a elas, o ecosistema pervive, xa que os animais poden alimentarse delas ou dos animais que se alimentan delas. Agora veremos algunhas plantas alóctonas.
Chámase Lagunaria patersonia en lembranza do botánico español Andrés Laguna e dun coronel chamado Paterson que levou as súas sementes a Inglaterra. É orixinaria de Australia e plántase aquí polo seu valor ornamental. Chámase pirámide pola forma piramidal da súa copa.
Témolo á beira do noso colexio.
Árbore das bruxas
Metrosideros excelsa do Paseo Marítimo. É unha árbore neozelandesa pero que medra moi ben na nosa cidade, unha das máis ao norte nas que se plantou. Todo o Paseo Marítimo está cheo delas. Aparenta ser unha carrasca, pero ten unhas flores moi vistosas, polo que os xardineiros plantaron unha chea delas polo Paseo Marítimo.
Hoxe en día, o metrosideros é a árbore máis característica de A Coruña.
Are you understanding?
O Metrosideros excelsa é unha árbore propia dos bosques da illa norte de Nova Zelanda. Os exemplares adultos desenvolven estas raíces aéreas para captar a auga do ambiente nas montañas da súa illa. Agora as podemos ver no Paseo Marítimo de A Coruña.
Palmeira
Esta palmeira é propia de Canarias (Phoenix canariensis), e adorna o Paseo na parte da Cetárea. O seu tronco, que aquí non vemos, está feito como de placas de madeira. Chámase estípite.
Tamarisco
Tamarix gallica. Ë unha árbore propia do Mediterráneo. Os romanos lle deron o seu nome grazas a que atopárona na beira do río Tamaris, preto de Tarraco (Tarragona).
Temos varios tamariscos no Paseo. Este está no xardín que hai fronte a Praia da Cetárea.
Gingko biloba
O Gingko é unha árbore do pasado, case extinta en China e Xapón ata que os xardineiros comezaron plantalas en moitos xardíns e rúas do Mundo. É un fósil vivinte con aparienza de anxiosperma; pero de cando non existían as anxiospermas. A pesares de que é unha árbore de folla ancha, considérase unha ximnosperma.
Mágoa que ao redor de nós non atopemos máis árbores autóctonas, na cidade podemos atopar algunha máis: algún acivro, carballo, castiñeiro, aciñeira, etc. Non hai moitas árbores autóctonas ao noso redor, e non só na nosa cidade. No campo, nos arredores de A Coruña, a maioría das árbores que atopamos son alóctonas, aínda que algunhas estean xa naturalizadas (isto significa que poden reproducirse xa nas nosas terras) e sexan invasivas; por exemplo os eucaliptos, que son un verdadeiro problema para a ecoloxía do noso país.
O espazo da cidade é todo menos natural. Os xardineiros das cidades elixen todas as plantas da cidade, e o fan desde un punto de vista ornamental. As veces teñen un gusto excelente e un bo presuposto para traer desde zonas moi afastadas do mundo aquelas árbores que máis abraien pola súa beleza. Tivemos, séculos atrás, algún "xardineiro" que máis que iso foi un noble botánico que trouxo verdadeiros tesouros de todas as partes do mundo á nosa cidade.
Por iso, a meirande parte das 12.400 árbores que hai na nosa cidade, son "plátanos", palmeiras, árbores de pirámide, árbores das bruxas, eucaliptos, tamariscos, magnolios, camelias, cedros do Líbano, moreiras, tileiros, etc. Ningunha destas árbores son propias de Galicia.
As árbores que hai mil anos atopariamos preto das Esclavas serían faias, bidueiros, carballos, sobreiras, aciñeiras, sanguiños, salgueiros, castiñeiros, olmos, freixos, castiñeiros...
Plantas cultivadas:
A maioría das plantas cultivadas que podemos atopar nas nosas hortas ou nos mercados son plantas alóctonas.
As leitugas, alcachofas, laranxas, alcaparras, azucre, algodón, arroz, berenxenas... foron traídos á Península polos musulmáns na Idade Media.
As patacas, tomates, pementos, millo, batatas, aguacates, yuca, etc. son orixinarios de América, e incorporados a Europa tralo descubrimento de América. Tratarémolas por separado na subpáxina adicada ás hortas.
As plantas alóctonas poden ser cultivadas en xardíns, xardíns botánicos, e ser curiosidades ou adornar os nosos parques e as nosas rúas. Preto do cole hai plantados uns "plátanos de sombra" (Platanus hispanicus). Son árbores moi bonitas, pero non proceden de Galicia.
As veces, dos xardíns, as plantas "saltan" aos prados achegados e prosperan neles. Entón son plantas alóctonas naturalizadas.
A maioría destas plantas alóctonas naturalizadas convértense nunha ameaza para as especies locais, porque as desprazan e as fan desaparecer. Entón chámanse plantas invasoras.
O seu xénero é Hydrangea para os científicos. Temos tantas e están tan ben connosco que cremos que son nosas. Pero non, proveñen do sueste asiático e de Xapón. Son as hortensias.
Están naturalizadas: non hai nada máis galego que as hortensias.
Exemplos de plantas invasoras: A flor de coitelo e o carrizo da Pampa
A herba de coitelo ou uña de gato (Carpobrotus edulis) plántase nos xardíns, xa que é unha planta bonita cunha flor moi colorida. Esta planta naturalizouse, e xa está en moitas partes do noso litoral. Fíxate como é capaz de colonizar as rochas, desplazando a outras trepadoras autóctonas.
Aquí tedes o Carpobrotus edulis (a herba de coitelo) invadindo o espazo das plantas autóctonas do cantil. Hai zonas nas que só vese esta planta invasora.
O carrizo da Pampa (Cortaderia selloana) chegou a nós polos anos 50 do século pasado, nos barcos cargueiros, mesturadas a súas sementes cos cargamentos de trigo que viñan de Arxentina. Prosperou cedo, e agora sustitúen ás plantas autóctonas e aos carrizos galegos (Phragmites australis) en toda Galicia. Os botánicos están de acordo na súa loita contra este carrizo moi perigoso fora de Arxentina.
Cos carrizos, os galegos tradicionais tiñan fabricados teitos para as casas e escobas para varrer. As súas follas daban de comer ao gando.
No monte de S Pedro e no Portiño hai moitos carrizos alóctonos (como vedes na imaxe). Polo contrario non podemos atopar carrizos autóctonos.
Outras plantas alóctonas
Yucca filamentosa. Ista planta ten a súa orixe en América. Plántase en xardíns e na entrada das casas pola súa beleza. Esta foto foi tomada na porta dunha casa preto do Portiño.
Salix babilonica. Orixinario de Asia, traído a Europa polos xardineiros franceses para plantalo en Versalles. Seleccionaron a planta que lles gustaba e sacaron esquexes para conseguir copias, que se plantaron por toda Europa, en parques e xardíns. Este está na Pza. de Salvador de Madariaga (polo Ventorrillo), pero seguro que é un clon de aquela árbore francesa. Et voilà!
Os salgueiros galegos son moi diferentes (Salix alba -salgueiro branco- ou Salix atrocenerea -salgueiro negro-), e medran naturalmente nas beiras dos ríos galegos.
Platanus hispanica. Significa "árbore de follas grandes española". Recoñécelo? En realidade non é española: é un híbrido entre dúas variedades procedentes, unha de Asia e outra de América. Estas árbores, de tronco descamado e follas grandes e con varias puntas, plántase moito nas cidades. Por que? Porque son resistentes á seca e a salinidade, non se lles caen as pólas, medran dereitos, dan moita sombra e viven moitos anos (uns 300 anos) Quen dá máis?
Por certo, non teñen nada que ver cos nosos plátanos de Canarias. Chámanse así porque "platos" en grego significa grande e plano: ten as follas grandes e planas, desde logo.
Hai varias especies de palmeira no P. Marítimo. Unha delas é a Washingtonia robusta da foto.
Washingtonia robusta. O nome científico en latín dunha planta componse dun substantivo para o xénero e un adxectivo para a especie. O substantivo dinos onde se atopou, como se chamaba o botánico que a descubriu, etc. O adxectivo, como é. Neste caso a Washingtonia debeu identificarse en Washington (un estado dos EE.UU) e robusta porque é grande en comparación con outras palmeiras. Pois así todas! O único malo é que tés que aprender latín... Mmm!
Pódela atopar no Paseo Marítimo por Riazor.
Recoñeces estes tocóns? Están preto do cole.
Hai uns anos tiñamos tres eucaliptos xusto diante do cole. Eran grandes e bonitos, pero algunhas das pólas caían co vento.
E tiveron que curtalos.
O eucalipto (Eucalyptus globulus) é unha árbore procedente de Australia. Primeiro plantouse en Galicia como especie ornamental (os nosos eucaliptos veíanse bonitos). Pero agora plántanse como especie de crecemento rápido para a fabricación de pasta de papel e de celulosa.
É unha árbore perigosa e invasora porque os seus froitos atacan ás bacterias do solo. Así, esta árbore se desfai dos seu competidores, e moitas plantas morren na súa presenza. Tamén é unha especie pirófila (que significa que se propaga cos incendios), xa que as súas sementes xerminan despois do incendio, e as árbores rebrotan con facilidade cando as outras especies morren. Así se libran da competencia (aínda que elas non provocan os incendios, os provocamos certos animais de dúas patas).
O seu nome científico é Morus alba. Provén de China onde dá de comer aos vermes de seda, que son tamén orixinarios de por alí. Cando se trouxo a seda, no principio da Idade Moderna, trouxéronse tamén estas árbores (que medran moi ben na nosa cidade, verdade?).
Aquí as temos ao carón do noso cole, subindo á Praza da Concordia (cara o parque infantil). Por certo, a de abaixo está ben acompañada por unha adelfa (Nerium oleander) preciosa, pero velenosa, e unhas hortensias moi típicas de por aquí.
Despois non digades que non sabedes onde conseguir follas de moreira para os vosos vermes!
Enigma:
Somos nove no colexio,
gústanos moito o recreo,
ás que estamos cos pequenos
curtáronos moito o pelo.
Ti venos todos os días
e se nos fixeses caso
daríanos moita alegría.
.
Solución: ____________________
Bibliografía utilizada:
Sanmartín, L.A. e Lago Canzobre, H. 1998: Guía da flora do litoral galego. Xerais.
Kremer, B.P. 1986: Árboles. Guías de la naturaleza Blume. Ed. Blume, Barcelona.
Apps de interese: Leaf Snap e PlantNet.