.
Estudo dos planisferios físico e político
Vistos os problemas de moitos alumnos de quinto no primeiro exercicio do Control de Unidade 2, imos estudar con máis tempo os mapas físicos e políticos do Mundo.
Para facelo, utilizaremos o tempo de vacacións. Un bo regalo para este Nadal sería unha “esfera do Mundo” na que localizar os continentes, océanos e mares máis importantes; onde estean as nacións máis coñecidas, cordilleiras máis salientables, ríos máis longos e caudalosos, illas, penínsulas, etc.
Compra varios planisferios físicos e políticos mudos (sen información) e despois de estudar, practica.
O primeiro é o planisferio físico. Nel debes saber localizar: os continentes, mares, océanos, zonas tropicais, zonas polares. Cordilleiras do Himalaia, Alpes, Andes, Montañas Rochosas. Todo o que podas aprender é pouco: formará parte da túa cultura.
Despois, hai que estudar o planisferio político. Localiza países e sitúalos nos seus continentes, lembra as súas capitais. Algúns países son indispensables: España, Portugal, Estados Unidos, Rusia, China, Alemaña, Reino Unido, Italia...
Os continentes son tan coñecidos que nos mapas non aparece o seu nome: lembra o que falamos na clase.
Non esquezas que todos os nomes de continentes, mares, países, cordilleiras, etc., son con maiúscula.
Non sempre o planeta Terra foi coñecido polos humanos. O tempo no que os aventureiros exploraban os recunchos descoñecidos do mundo non está moi afastado do noso. Aínda quedan moitos lugares descoñecidos na Esfera Terrestre onde é máis difícil chegar que mesmo a Marte: as profundidades dos océanos, por exemplo, están por descubrir. Outros puntos da xeografía terrestre son tan salvaxes que non admiten a presenza humana. Mira este vídeo sobre os primeiros que chegaron ao Polo Sur e tamén os que morreron no intento: La conquista del Sur
Lembramos do tema anterior (preciosas as vosas maquetas, por certo) que a esfera terrestre está formada de varias capas, unha delas está composta de gases: chámase atmosfera.
A atmosfera está formada, a súa vez, por diferentes capas que consiguen que a temperatura terrestre sexa moderada e permita a vida: impiden que a Terra teña temperaturas xélidas polas noites e de que, durante o día, a calor chegue directamente ao chan. O Sol quenta antes o aire, e este circula desde as zonas cálidas ata as frías grazas aos ventos, repartindo a calor do Sol por todo o planeta. Por certo, rapaces e rapazas, o vento fórmase precisamente porque a masa de gases ten diferentes temperaturas por un lado e por outro: por eso se move o aire.
As capas da atmosfera son as seguintes:
-A troposfera é a capa inferior da atmosfera e ten contacto directo coa superficie do noso planeta. Exténdese desde o solo terrestre (nivel do mar) ata os 12 quilómetros de altitude. Nesta capa é onde se producen a meirande parte dos fenómenos meteorolóxicos. A temperatura dentro da troposfera cae (é máis baixa) a medida que aumenta a altura. Esta é a única capa onde hai a cantidade de osíxeno necesaria para que poidamos respirar.
-A estratosfera é a capa seguinte. Chega ata os 50 quilómetros sobre a superficie terrestre. Nesta capa é onde se atopa o gas denominado ozono. Este gas protexe á Terra fronte ás radiacións ultravioletas, que son prexudiciais para a vida na Terra.
1: Fai un esquema coas capas da atmosfera.
CLIMA E TEMPO ATMOSFÉRICO
A nosa clase está diferenciando clima de tempo atmosférico. Tempo atmosférico son as variacións de temperatura, precipitación, presión atmosférica, etc., que se produce nun día determinado. O clima é o conxunto de variacións típicas que se producen no tempo atmosférico ao longo dos anos.
2- Cal é a diferencia entre clima e tempo atmosférico?
Tempo atmosférico
O tempo atmosférico depende da temperatura, das precipitacións (en forma de chuvia, sarabia ou neve), da forza e a dirección do vento, da presión atmosférica, da humidade do aire e das horas de sol. Se produce nun día. Non podemos preguntar: "Que clima vai hoxe?", senón: "Que tempo vai hoxe?".
Para medir estas variables (chámanse así porque varían) dispoñemos das estacións meteorolóxicas que están dotadas dos aparellos que as miden:
-A exosfera atópase tras a termosfera e esténdese ata o espazo exterior.
-A mesosfera é a capa que vai desde 50 a 80 quilómetros de altitude. É a capa máis fría da atmosfera.
-A termosfera é a capa que vai á continuación: dende 80 a uns 500 quilómetros de altitude. Ten as temperaturas máis altas da atmosfera, grazas aos raios solares sen filtrar.
Unha estación meteorolóxica é unha instalación con diferentes aparatos que serven para medir as variables meteorolóxicas.
3. Copia o esquema anterior na túa libreta.
4. Que é unha estación meteorolóxica? Para que a necesitamos?
5. Escribe o nome dun oficio que necesite unha previsión moi exacta do tempo. Por que?
Variables do tempo atmosférico
Chámanse "variables do tempo atmosférico" a cada un dos factores que varían nun día, e que entre todos nos din como son as características do tempo meteorolóxico nun momento determinado. As variables son: temperatura, precipitacións (cantidade e en que forma), vento (de onde vén e con que forza), humidade, nubosidade (ou horas de sol) e presión atmosférica.
Temperatura: cantidade de calor do aire medido en graos. Para a súa medición utilizamos o termómetro.
A estación meteorolóxica máis achegada ao noso colexio está na Ronda de Nelle; alí, por medio dunha pantalla, comunícanse todos os datos meteorolóxicos ao público.
Meteogalicia ten outra estación na Torre de Hércules tamén moi preto do noso cole.
Mira este vídeo para saber máis dos termómetros e as súas escalas:
6. Escribe o nome de tres científicos que estudiaron a forma de medir a temperatura.
7. De que forma se inventou a escala centígrada?
Presión atmosférica: peso da columna de aire sobre nós medido en milibares. A presión normal a nivel do mar é de 1013 milibares; se hai máis presión, dicimos que hai altas presións, e se hai menois que hai baixas presións. Canto máis alto sexa o lugar, menos presión haberá nel.
Para a medición da presión atmosférica utilizamos o barómetro.
8. Describe un experimento dos anteriores sobre a presión.
Humidade: Se tes un deshumidificador na casa, saberás que cando o conectas vai sacando auga do aire. O aire sempre ten unha cantidade de vapor de auga disolta nel. A humidade é a cantidade de vapor de auga presente no aire. Nós utilizamos o concepto de humidade relativa: a cantidade máxima que podería ter disolta de auga é un 100 por cento, polo tanto como só hai (por exemplo) a metade, dicimos que hai un 50% de humidade relativa. Para a súa medición utilizamos o higrómetro. Mira este vídeo para saber o que é a humidade relativa:
9. Que é a humidade?
10. Investiga como pode afectarnos a humidade.
Para saber máis sobre a presión, mira este experimento:
Vento: o aire en movemento. Mídese a súa velocidade (en km por hora co anemómetro) ou a súa dirección (co cataventos).
Precipitacións: (de precipitarse: caerse). Chuvia, neve, sarabia... Para a súa medición utilizamos o pluviómetro (pluvium en latín significa chuvia).
Cataventos (veleta).
11.Relaciona as palabras: "nube, humidade, evaporación, precipitacións e chuvia", nun pequeno texto explicativo.
12. Debuxa no teu caderno un anemómetro e un cataventos. Explica a diferencia entre eles.
13. Por que se chaman "variables" á temperatura, precipitacións, etc.
14. Que pode querer dicir a frase: " Nestes días teremos unha temperatura estable e un vento regular do noroeste".
O CLIMA: Factores climáticos
O clima é o tempo atmosférico esperado nun lugar ao longo do ano. Son as temperaturas, precipitacióins, vento, presión e humidade típicas dun lugar determinado. Para saber cal é o clima dunha zona utilizamos observaciones acumuladas das variables atmosféricas de moitos anos e facemos medias cos valores medidos. Deste xeito, sabemos que en Galicia chove moito ao longo do ano: Galicia ten un clima chuvioso.
Se queremos comprender por que o clima varía dunha zona a outra ou por que hai diferentes tipos de clima, temos que analizar e comprender os factores que inflúen nel. Os factores climáticos son: a latitude, a altitude, a distancia ao mar e o relevo.
15.Define a palabra "clima".
16. Cales son os factores climáticos?
A latitude
A distancia que hai desde calquera punto do planeta ao ecuador denomínase latitude. Se un lugar está afastado do ecuador, os raios do sol chegarán inclinados e quentarán menos. Polo contrario, se un lugar está próximo ao ecuador o seu clima será máis cálido, xa que os raios solares chegan máis perpendiculares.
As principias zonas climáticas son:Zona cálida, que se atopa entre o Ecuador e os Trópicos (liñas a 23º N e S). O Trópico de Cáncer está ao Norte, e o de Capricornio está ao sur. O clima cálido pode ser ecuatorial, tropical ou desértico. Estas zonas teñen só dúas estacións: a seca e a húmida.
Zona temperada, que se atopa entre os Trópicos e os Círculos Polares. Estas zonas teñen catro estacións.
Zona fría: Nos círculos polares.
17.Onde se atopa a zona cálida da Terra?
18. Que son as liñas dos trópicos? Como se chaman?
19. Por que nos Polos a temperatura é máis fría que no Ecuador?
A altitude é a altura que hai entre un punto do planeta e o nivel do mar. A maior altitude, a temperatura diminúe.
A medida que vamos subindo, a temperatura comeza descender, cada 150 m, un grao; por iso, no cumio dunha montaña vai máis frío que ao nivel do mar.
20. Define "altitude".
21. Cal é a relación entre altitude e temperatura?
O mar quécese e arrefríase máis lentamente que a Terra. Isto provoca que as temperaturas da costa sexan máis suaves e estables que as do interior.
A forma que ten o terreo é importante: nas chairas, a temperatura é máis alta que nas cumes e as precipitacións, menores. As zonas de montaña son máis frías porque a temperatura diminúe coa altura, e máis chuviosas debido a que as masas de aire húmido chocan contra as montañas, elévanse, condénsanse e provocan a chuvia.
Existen zonas no mundo nas que, pola súa latitude, hai semellanzas nos seus climas. Son estas:
Zona de clima cálido: está situada entre os trópicos, o de Cáncer e o de Capricornio. Nesta zona climática, as temperaturas son moi cálidas debido a que os raios solares son perpendiculares á Terra. Dentro desta zona climática diferenciamos os climas ecuatorial, tropical e desértico.
Zona de clima temperado: situada entre os círculos polares e trópicos, é dicir, atópase nos dous hemisferios. Nesta zona existen grandes contrastes de temperaturas ao longo do ano, distinguíndose claramente unha estación cálida, outra fría e dúas de transición. Canto máis nos afastamos dos trópicos e máis nos achegamos aos círculos polares, as temperaturas descenden e os climas son máis frescos. Nesta zona, os principais tipos de clima son o oceánico (atlántico) e o continental. Na nosa zona dase unha variedade que chamamos clima mediterráneo.
Zona de clima frío: situada tamén nos dous hemisferios, no norte e no sur. Comprende as franxas que van desde os círculos polares ata os polos. Nestas zonas, as temperaturas son moi baixas e apenas existe verán. O clima destas zonas chámase polar. Un clima tamén frío pero a consecuencia non da latitude, senón da altitude, é o clima de montaña.
23. Por que vai calor nas zonas cálidas?
24. Que tres tipos de clima hai nas zonas temperadas?
25. Onde se sitúan as zonas frías do planeta?
26. Debuxa no teu caderno unha esfera que represente ao planeta Terra. Sinala nela as liñas máis importantes para recoñecer o clima de cada franxa da Terra, e pon o seu nome.
Ecuatorial: caracterízase por ter temperaturas cálidas durante todo o ano (a media anual é superior a 27 ºC) e precipitacións abundantes. Podemos atopar este tipo de clima na selva amazónica e en África central.
Tropical: ten temperaturas medias superiores aos 18 ºC, o que significa que non hai estacións propiamente ditas. No relativo ás precipitacións, ten unha estación seca e outra chuviosa.
Desértico: caracterízase por temperaturas extremas, moi frías pola noite e moi altas durante o día. As precipitacións son escasas. Localízase ao norte e ao sur dos trópicos. Un bo exemplo son os desertos do Sahara, de Arabia, do Gobi e do Kalahari.
Mediterráneo: é característico das zonas bañadas polo mar Mediterráneo. Ten invernos suaves e veráns cálidos e secos. As precipitacións non son moi abundantes e concéntranse nas estacións da primavera e do outono.
Oceánico ou atlántico: este subtipo de clima é propio das zonas oceánicas de latitudes medias. En Europa podémolo atopar na fachada atlántica de Portugal, España e Francia, entre outros países do mundo. Os veráns son suaves e os invernos non moi fríos. As precipitacións son abundantes todo o ano. Este é o clima característico de Galicia.
Continental: é un subtipo de clima propio do interior dos continentes en latitudes medias. Son zonas pouco húmidas e con temperaturas extremas: invernos fríos e veráns cálidos. As precipitacións son escasas é concéntranse en determinadas estacións.
Polar: caracterízase por ser propio dos círculos polares, cunha temperatura media anual inferior aos 0 ºC e con precipitacións escasas en forma de neve. É o clima característico da Antártida ou das montañas de Alaska.
Alta montaña: este clima podémolo atopar nas zonas elevadas das grandes cordilleiras do planeta. As temperaturas son frías e existe unha elevada humidade. En consecuencia, os invernos son moi fríos e longos, e os veráns frescos e curtos. As precipitacións adoitan ser en forma de neve e van desde o outono ata a primavera. É típico do norte de Europa.
28. Que diferencias atopas entre os climas...
A- Ecuatorial e tropical.
B- Oceánico e continental.
C- Mediterráneo e oceánico.
29. Busca as cidades que se atopen a unha maior altura no noso planeta. Como será o seu clima?
30. Tendo diante o mapa dos climas de antes e un mapa político, fai unha lista de países con clima ecuatorial.
Os climogramas
Son gráficos onde se anotan as temperaturas e precipitacións que se suceden nun lugar. Así, dunha ollada, pódense ver as diferencias destas variables.
Neles podemos atopar a cantidade de precipitacións mensuais medidas en milímetros ou en litros por metro cadrado (nas barras azuis e a escala azul da dereita), e tamén as temperaturas en graos (nos puntos vermellos e a escala vermella da esquerda).
Neste climograma podemos ver dunha ollada que se trata dun lugar frío e húmido, cunhas máximas de cero graos que se rexistran nos meses de decembro e xaneiro. Os seus meses máis fríos e máis secos son xunio e xullo, onde as súas máximas son de once graos baixo cero. O mes máis húmido, con precipitacións que supoñemos son de neve, é marzo, con case setenta mm.
Esperanza está no extremo da península menos ao sur da Antártida (só a 63ºS de latitude) e aínda que parece que ten un clima extremo, é un lugar moito máis habitable que outros puntos do continente xeado.
Para mates: Nun climograma póñense os datos matemáticos de media e rango (amplitude térmica).
Neste climograma observamos un clima moi diferente do anterior.
En que hemisferio estamos?
Cal é o mes máis cálido?
Cales son os meses máis húmidos?
Cales son os meses máis fríos?
1- Elixe unha destas catro táboas e elabora un climograma con ela.