Sesión 1
Le e comenta na clase.
Na miña casa non se fala de outra cousa: que si Cataluña por aquí, que Cataluña por alá...
-Pois se se van de España -di o meu pai- que non conten coa Unión Europea. Van ter aranceles para os seus produtos. É a súa ruína.
-Aínda que no Parlamento de Cataluña teñan maioría independentista -contesta a miña nai- terán que acatar a Constitución. Todos os partidos, os de dereitas e os de esquerdas, e tamén os nacionalistas, teñen que acatala...
-A min pareceríame ben un referéndum -intervén a miña irmá.
Eu penso que teño que aprender moito para poder participar dunha conversa coma esta.
-Papá, mamá... que significan: Unión Europea, aranceles, Parlamento, independentista, Constitución, partidos, dereitas, esquerdas, nacionalistas, referéndum ...?
Puf!
Examina os documentos 1 e 2 do anexo. Anexo
Sesión 2
Documento 3 do anexo.
1. Por que é bo para nós un sistema democrático. Fai unha listaxe de ventaxes.
2. Quen inventou a democracia? Investiga de onde provén o termo. Cales foron os motivos do seu invento?
3. Que é un escrutinio?
4. Que é o proceso de investidura? Como se produce?
Sesión 3
España é un país democrático, e como en todos os países democráticos, existen tres poderes que se atopan separados para controlárense os uns aos outros. Os poderes son: o poder lexislativo, o executivo e o xudicial:
O poder lexislativo. (Das leis). Está en mans do Parlamento ou tamén chamadas Cortes Xerais formadas polos diputados e senadores. A súa función é elaborar as leis.
O poder executivo (de executar que significa facer ou facer cumprir). Está en mans do Goberno, un órgano que se encarga de gobernar o país e que se apliquen as leis. O Goberno debe ser elixido por toda a cidadanía mediante o voto a un partido político nunhas eleccións libres. É o que se coñece como soberanía nacional (goberno do pobo), mediante un sufraxio universal (dereito de voto de todos os cidadáns e cidadás maiores de 18 anos).
O poder xudicial. O seu labor é xulgar aos que incumpren as leis. Deste quefacer ocúpanse os Tribunais de Xustiza.
1. Le e responde no teu caderno: como é a organización política dos poderes en España
España é un país democrático, cunha monarquía parlamentaria. Isto quere dicir que o seu xefe de Estado é un rei, cuxo cargo é meramente representativo porque o verdadeiro poder recae no Parlamento. O monarca, entre outras funcións, exerce de representante de España noutros países e de mando supremo das Forzas Armadas.
O rei ou monarca hereda o poder do seu pai, ben sexa por que este decide deixar en vida o trono (proceso que se coñece co nome de abdicación), ou ben pola súa morte. Se un rei ten varios fillos, o poder recíbeo o fillo varón antes que calquera filla. Se non existen fillos varóns, como sucede na actualidade en España (o rei só ten fillas, de momento), a infanta de maior idade sería raíña, de ser o caso.
O actual monarca español é Felipe VI. O 19 de xuño de 2014 recibiu o cargo de mans do seu pai Xoán Carlos I.
Nota:
Parlamento= Congreso (Cámara Baixa) + Senado (Cámara Alta).
Parlamentarismo: sistema no que o poder está controlado por un Parlamento elexido democráticamente.
Funcións do rei en España
O estado do benestar
Unha das características dun goberno democrático é que garante a liberdade e a igualdade de todas as persoas e persigue o benestar dos cidadáns.
Desde que España recuperou a democracia, foise desenvolvendo un estado de benestar. O estado de benestar é aquel que garante aos seus cidadáns a resposta ás necesidades sociais fundamentais. Para iso, asegura a existencia dos servizos sociais, como a sanidade ou a educación, e as prestacións sociais para determinadas circunstancias como a falta de traballo, a vellez ou a enfermidade.
O estado de benestar enfróntase ao reto da sustentabilidade (se podemos ou non pagalo). Necesita equilibrar os recursos dos que dispón e as necesidades que se propón cubrir. (Se temos un presuposto, necesitamos diñeiro para pagar).
Os recursos dispoñibles: en función dos ingresos de que dispoña o Estado, basicamente por impostos. En tempos de crise económica, os ingresos diminúen.
A necesidade de servizos: en momentos de dificultades económicas as necesidades sociais aumentan.
2. Que é monarquía?
3. Sistema político parlamentario, en que consiste?
4. Que significa o Estado do Benestar?
Sesión 4
A Constitución Española.
España é un país democrático, pero non sempre foi así. Despois da dictadura do Xeneral Franco, o Rei Xoán Carlos encargou a o seu presidente, Adolfo Suárez, que modernizarse as estruturas o estado. Este axudouse por un grupo de xuristas expertos e con moita ilusión redactaron a nosa Constitución, unha lei de leis, un marco dende o que se gobernase democráticamente a nosa nación.
A estas persoa chamámoslles os "pais" da Constitución.
Para construír unha nova estrutura institucional democrática, o Goberno de Adolfo Suárez promoveu unha política de consenso, que significa acordo. Desta forma pactáronse as reformas coas diferentes forzas políticas, chegando a acordos nos que cada un tiña que ceder unha parte das súas esixencias para que os outros aceptasen as máis importantes.
Así puido xurdir a Constitución.
A Constitución de 1978 definiu os grandes principios sobre os que se asenta o noso marco de convivencia. O proxecto foi redactado por representantes das principais forzas políticas: os pais da constitución.
O seu proxecto serviu de base para os traballos de discusión no Parlamento. Finalmente, a Constitución foi aprobada polas Cortes e ratificada pola maioría dos cidadáns no referendo do 6 de decembro de 1978.
España constitúese nun Estado social e democrático de dereito*, que propugna como valores superiores do seu ordenamento xurídico a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político*.
A soberanía nacional reside no pobo español, do que emanan os poderes do Estado.
A forma política do Estado español é a monarquía parlamentaria.
*Estado de dereito: un estado que obedece as leis, para acadar a xustiza e a liberdade individual dos cidadáns e cidadás.
*Pluralismo político: existencia de varias opcións políticas que se poden elexir, como partidos políticos, coalicións (grupos que se presentan xuntos), etc.
Sesións 5, 6, 7 e 8
Ir a: programas políticos rtve http://www.rtve.es/noticias/elecciones/generales/comparador-programas-electorales/
Partidos políticos: formamos en grupos partidos políticos e facemos propostas para defender diferentes tems: slogan, programa electoral, defensa de temas.
Na sesión 8 presentan o seu proxecto e o defenden ante o grupo.
Sesións 9
A DESCENTRALIZACIÓN DO ESTADO
Durante a Transición expúxose a conveniencia de que o Estado adoptase unha estrutura descentralizada en comunidades autónomas. Así se recolle na Constitución de 1978.
Había unanimidade en que as nacionalidades históricas (Cataluña, País Vasco e Galicia) se convertesen en comunidades autónomas. Pero non estaba claro que o sistema autonómico se tivese que estender a todo o territorio.As manifestacións populares en favor da autononomía levaron ás forzas políticas a xeneralizar a creación das comunidades autónomas.
A Constitución recoñece o dereito á autonomía.
Art 2. A Constitución fundaméntase na indisoluble unidade da Nación española, patria común e indivisible de todos os españois, e recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que a integran e a solidariedade entre todas elas.
Sesión 10
O Goberno encárgase de dirixir o Estado. Está constituído por un presidente (elixido polo Congreso dos deputados e nomeado polo monarca) e os ministros e ministras(propostos polo presidente e tamén nomeados polo monarca). Cada ministro xestiona unha área esencial para o país: sanidade, educación, economía ou facenda, entre outras.
A cidadanía é a encargada de elixir os membros do Goberno a través das eleccións que se celebran cada catro anos. Cada español e española vota un determinado partido político, segundo a súa ideoloxía, para que acceda ao poder e desenvolva o seu programa político.
Algún dos principais partidos políticos españois son o Partido Popular (PP), o Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), Podemos, Cidadáns ou os partidos autonómicos como o Bloque Nacionalista Galego (BNG) ou o PDCAT entre moitos outros.
As Cortes Xerais son as encargadas de elaborar as leis e de controlar o Goberno. Están formadas por dúas cámaras:
O Congreso dos Deputados, do que forman parte 350 deputados e deputadas.
O Senado, composto por 259 senadores e senadoras.
Autoría: Pool Moncloa
España, subdivisións territoriais e diversidade cultural
España organízase, territorialmente, en tres entidades territoriais básicas: as comunidades autónomas, as provincias e os municipios.
As comunidades autónomas son entidades territoriais e políticas formadas por provincias limítrofes, territorios insulares ou provincias con entidade histórica de rexión.
España componse de 17 comunidades autónomas e dúas cidades independentes situadas no Norte de África: Ceuta e Melilla.
As provinciasAs provincias son entidades territoriais e políticas formadas pola agrupación de varios municipios. A súa función é fomentar os intereses provinciais, coordinar os servizos dos municipios e cooperar con eles.
En España existe un total de cincuenta provincias.
O goberno e a administración de cada provincia corresponde ás deputacións, organismos integrados polo presidente e polos deputados. Os deputados escóllense entre os concelleiros e concelleiras elixidos, e son estes os encargados de elixir o presidente. Isto funciona así en toda España, menos nas illas.
Cada unha das Illas Canarias está gobernada polo cabido insular, e as illas Baleares por un consello insular.
Repasamos o nome das Comunidades Autónomas e das provincias, que xa estudiamos na Unidade 2.
Os municipios
O municipio está dirixido por un alcalde ou alcaldesa e un equipo de goberno formado polos concelleiros e concelleiras. A súa función é a de garantirlles aos veciños unha serie de servizos necesarios: recollida de lixo, actividades culturais e educativas etc. Este goberno é elixido por todos os veciños e veciñas do municipio, que están inscritos nun rexistro chamado censo electoral.O municipio é a organización política e territorial básica do Estado español. Municipios cercanos a nós son: A Coruña, Betanzos, Arteixo, Abegondo... España conta con máis de 8.000 municipios, dos cales 314 pertencen a Galicia.
En Galicia, os municipios están constituídos por parroquias.
Mapa interactivo dos concellos de Galicia Mapa interactivo dos concellosMapa interactivo dos concellos de Galicia
España ten catro linguas oficiais: castelán, galego, catalán e vasco.
A lingua oficial de todo o territorio é o castelán, pero o resto de linguas conviven con ela, xa que son as linguas oficiais propias da comunidade a que pertencen: Galicia, Cataluña e País Vasco.
O noso país está formado por territorios con características diferenciadas entre si. É o que se coñece como «diversidade cultural» e pode observarse nos seguintes aspectos:
Diversidade nas tradicións e costumes. É dicir, festas populares características, comidas típicas, bailes tradicionais propios, celebracións importantes (santos, patróns...).
Diversidade nos estilos e xeitos de vida. Non en todos os territorios se cultiva e labra a terra da mesma forma, nin se plantan as hortalizas e verduras na mesma época. Existen, tamén, diferenzas na artesanía e hai lugares que resaltan pola súa actividade económica, pola súa agricultura ou gandaría.
Diversidade do patrimonio arquitectónico. Torres e faros importantes, muros e murallas, catedrais, pazos e palacios; estilos románico, gótico...
O Estatuto de autonomía é a lei suprema da Comunidade autónoma.
Recolle datos como o territorio que ocupa, cal é a súa capital, os símbolos que a representan, a lingua oficial da comunidade, as institucións do seu goberno e os dereitos e deberes dos cidadáns e cidadás que forman parte dela.
O Estatuto de autonomía de Galicia foi aprobado o 21 de decembro de 1980, e entrou en vigor en abril de 1981. Porén, como xa mencionamos anteriormente, o Estatuto de Autonomía ten unha longa historia que parte da II República. En 1936 estivo a piques de aprobarse de mans de Castelao, mais o estalido da guerra non o permitiu.
Os principais organismos de goberno en Galicia son:
A Xunta de Galicia: é o órgano de goberno autonómico da comunidade; ten a súa sé en Santiago de Compostela. Está formada polo presidente de Galicia e polo conxunto de conselleiros, reunidos no Consello de Galicia, que o presidente escolle. Cada conselleiro é o responsable dunha área de Goberno: sanidade, educación, infraestruturas... O presidente é escollido polos deputados e deputadas do Parlamento e nomeado polo monarca.
O Parlamento de Galicia: é a institución que representa ao pobo. Está formado polos deputados, elixidos pola cidadanía nas eleccións autonómicas que teñen lugar cada catro anos. Representa o poder lexislativo, que aproba e aplica as leis. Tamén se encarga de controlar a política do goberno.
Tribunal Superior de Xustiza: ten a súa sé na Coruña e é o encargado de exercer o poder xudicial na c
Sesión 11
España e a Unión europea.
Países de Europa e capitais ( didactalia) https://mapasinteractivos.didactalia.net/comunidad/mapasflashinteractivos/recurso/paises-de-la-union-europea/816562a3-1da9-4b7f-a32a-82d47a41c51a
A Unión Europea
Europa é un continente pequeno, aínda que cunha historia longa e unha gran diversidade cultural e lingüística. Como habitantes deste territorio, debemos coñecer as súas fronteiras, así como valorar a importancia da Unión Europea como unha entidade da que formamos parte como cidadáns.
Europa componse de cincuenta países ou estados, dos cales 28 forman parte da Unión Europea (UE). Todos os estados comparten as mesmas características:
Posúen un territorio delimitado que se foi transformando co tempo, medrando ou disminuíndo cos avatares da historia.
Teñen unha poboación propia: a indíxena ou nativo (autóctono) e a que se foi asentando co tempo debido á migración.
Dispoñen dun aparello de goberno elixido pola súa cidadanía, para exercer o poder e tomar as decisións. É necesario ter un réxime democrático para pertencer á Unión.
Contan cun conxunto de normas dirixidas a regular as relacións entre territorio, poboación e Goberno. Este conxunto de normas recibe o nome de Constitución.
Como todos sabedes, Europa foi un continente permanentemente en guerra desde sempre. As últimas guerras que asolaron Europa, a Primeira Guerra Mundial e a Segunda Guerra Mundial, destruírona completamente. A Unión Europea naceu da necesidade de garantir unha paz duradeira. Por outra banda, era preciso reconstruír economicamente os países de todas as perdas que os enfrontamentos bélicos produciran.
En 1950 asinouse o Tratado de París, polo que se creaba a Comunidade Económica do Carbón e o Aceiro, formada por Alemaña, Bélxica, Francia, Italia, Luxemburgo e os Países Baixos, este foi o primeiro paso: un acordo asinado polos antigos enimigos que os convertía en novos aliados.
Estes mesmos países asinaron en 1957 o Tratado de Roma, polo que se creou a Comunidade Económica Europea (CEE). O seu obxectivo era, como o seu propio título indica, económico; nomeadamente, trataba de organizar un mercado común europeo.
España quixo ingresar no mercado Común Europeo, pero a súa candidatura sempre foi rexeitada debido a que o noso país non era democrático daquela: tiñamos unha dictadura. Máis adiante, coa chegada da democracia a España en 1978, o noso país fixo un novo intento para ser aceptado en Europa. Finalmente entrou a formar parte da Comunidade Económica Europea (CEE) en 1986, coa sinatura dos Tratados de Adhesión.
En 1992 asinouse o Tratado de Maastricht e con el aparece a Unión Europea tal e como a coñecemos hoxe.
O seu obxectivo era fortalecer a economía e crear unha unión política. Neste momento eran doce os estados que a compoñían: os seis iniciais e, a maiores, Reino Unido, Irlanda, Dinamarca, Grecia, España e Portugal.
Uns países aos que, co paso dos anos, se foron unindo outros ata conformar os 28 estados actuais.
A Unión Europea persegue obxectivos políticos e económicos:
Os obxectivos políticos baséanse en cuestións como a defensa da liberdade, a paz, a democracia e o respecto polos dereitos humanos. Concretamente, procúrase que todos os habitantes dos países membros teñan os mesmos dereitos e deberes.
Os obxectivos económicos tentan facilitar o intercambio económico e, con isto, fomentar a riqueza e o progreso dos estados membros. A principais medidas ao respecto foron a creación dun espazo sen aranceis nas fronteiras e dunha moeda única que comezou a circular no 2002: o euro. O territorio que adoptou esta moeda recibiu o nome de zona euro.
Para poder acadar os obxectivos propostos, a UE conta coas seguintes institucións:
O Consello europeo. É o órgano político por excelencia da UE. Está formado polos Xefes do Estado ou Goberno dos países membros, polo presidente da Comisión Europea e por un presidente elixido por dous anos que só pode ser reelixido unha vez.
O Consello da Unión Europea é o encargado da representación dos estados membro, por iso está composto por un ministro de cada un dos estados que vai variando segundo o tema obxecto de discusión.
O Parlamento Europeo. Está formado polos representantes elixidos polos cidadáns de cada un dos países membros. A súa tarefa é aprobar leis e controlar o resto das institucións da UE.
A Comisión Europea. Está integrada por comisarios elixidos polos gobernos dos países que compoñen a UE, mais polo Parlamento.
O Tribunal de Xustiza. Está constituído por un xuíz ou xuíza de cada un dos estados membros.
Existen outras institucións como o Tribunal de Contas e o Banco Central Europeo, que se ocupan de cuestións económicas.
Preguntas que nos axudan para facer o examen.
1.Quen é o xefe de estado en España?
2.Cales son os poderes do Estado?
O goberno ten o poder_________
O Parlamento ten o poder __________
Os xuices/zas teñen o poder____________
3. Que é unha Monarquía Parlamentaria?
4. Que significa "estado do benestar"?
5. Que é a Constitución Española? De que ano é?
6. Que significa Estado de Dereito?
7. Que é pluralismo político?
8. Transición significa "paso de un sitio ou estado a outro". Na Transición, en España pasamos da ___________ á ___________.
9. Que significa consenso? Para que houbo consenso na Transición Española?
10. O Estado Español está descentralizado. Que significa esto?
11. Que son as "autonomías"? Cantas hai en España?
12. Cales son as catro linguas oficiais de España?
13. Que son os municipios? Quen manda neles?
14. Que é o Estatuto de Autonomía de Galicia? Segundo dito Estatuto, quen manda en Galicia?
15. A Unión Europea é unha alianza de _________ países. Naceu da necesidade de ____________________ e para reconstruír _______________ aos países das perdas das dúas grandes guerras. España entrou na Unión en __________, coa sinatura do ________________.
O tratado máis importante que se asinou foi o ___________________.