Acotación

Que é?

Os planos e croquis deben ir acotados, isto quere dicir que levan indicados o valor das súas dimensións, de xeito que a persoa que queira reproducir na realidade aquilo que está deseñado poida facelo con exactitude. É importante subliñar que a medida que poñemos no croquis ou plano é a medida real, non o que mide no debuxo.

A acotación de pezas, como moitos outros aspectos da expresión gráfica, está normalizada, isto quere dicir que sigue unhas regras para que haxa unha certa homoxeneidade na representación, e non cambie a forma de acotar dun país a outro, dunha profesión a outra, ou mesmo dunha persoa a outra.

Acótanse as lonxitudes e ángulos, e normalmente non se pon a súa unidade porque se entende que están en milímetros e en graos sexaxesimais. Se empregamos unidades distintas, podemos poñelo en cada cota ou ben indicalo claramente no plano que estexamos a dibuxar.

Para acotar unha lonxitude, debemos trazar primeiro unhas liñas de referencia, que son dúas liñas finas perpendiculares ao tramo que queira acotar. Despois trazo a liña de cota, que é unha liña fina paralela á liña que estou a acotar, nos seu estremos debo poñer unhas pequenas puntas de seta (flecha) ou ben facer uns pequenos trazos diagonais onde se corta coas liñas de referencia. Sobre a liña de cota escribo a cota, que é o número que indica a dimensión.

Normas:

Nós non imos aplicar todas as normas da acotación nin imos ser demasiado estrictos, malia iso, si que debemos respectar unhas cantas indicacións:

1 - Debuxamos as liñas de cota fóra das figuras e a unha pequena distancia.

(Preme na imaxe se queres vela máis grande)

2 - As liñas de cota dibúxanse paralelas ao contorno da figura.

3 - As liñas de cota non poden coincidir con outras liñas do debuxo.

4 - As circunferencias e arcos de circunferencia acótanse cunha liña que vai desde o seu centro, marcado cunha cruz, até o seu contorno, levando punta de seta só nun estremo.

5 - As liñas de referencia teñen que ser perpendiculares aos elementos que acotan.

6 - Hai que evitar que as liñas de cota e referencia se corten con outras liñas do debuxo.

7 - As cotas sitúanse por riba da liña de cota, centradas e aliñadas con ela.

8 - Debemos evitar poñer cotas que non sexan precisas.

9 - A máis importante: sempre debemos tentar que a nosa acotación axude a entender o debuxo, e non a interferir nel.

Actividades:

1 - Descarga o exercicio de acotación para Inkscape e corrixe os erros dacordo co explicado.

2 - Acota as pezas que dibuxamos no taller a escala.