Robots de telepresenza

Data de publicación: Sep 30, 2012 6:20:42 PM

O outro día en clase de 4º viamos un documental do 2006 sobre o teléfono, no que aparecía un robot de "telepresenza" chamado Sparky. O cacharro, visto hoxe, parece antediluviano, aparatoso, grande, e nada ben acabado.

Daquela presentábase coma un sorprendente adianto do futuro, e eu comentei que, seguramente, hoxe calquera geek da robótica podería facer algo semellante cun teléfono android, algunha controladora barata, e un par de motores. Despois dun pouco de busca, non atopei exactamente o que quería, pero si un par de cousas interesantes.

A primeira é un robot construido por Johnny Chung Lee, xa coñecido polos seus hacks co mando da Wii, que consigue o obxectivo cun netbook común e un irobot:

A segunda é un proxecto que está na plataforma de crowdsourcing Kickstarter, e se chama Botiful. Non é o que eu quería exactamente, unha receita caseira para inventar o robot de telepresenza cun móbil calquera, pero é unha versión comercial de pequeno tamaño que planean sacar ao mercado por... 300$ !!

Por último, aínda que xa sabedes que son anti-iPad e anti Apple en xeral, tamén hai unha versión que empregará a tableta da mazá para poder comunicarse na distancia, pero esta xa costa unhas 10 veces máis que o Botiful.

Por último, e para que o pensedes dúas veces antes de decidirvos a comprar un destes, vede as consecuencias negativas que isto pode ter se cae en mans, por exemplo, do Dr. Sheldon Cooper.

Alguén atopa algún exemplo máis?