Menos tecnoloxía

Data de publicación: Sep 14, 2012 8:40:27 AM

No artigo sobre o borrador do proxecto de lei da reforma educativa que hoxe podemos ler en El País, parece clara a intención do ministerio de reducir as horas de tecnoloxía, facendo que desapareza, de momento, dos itinerarios conducentes ao bacharelato (parágrafo:Ciencias aplicadas). No itinerario conducente a FP a tecnoloxía queda reducida ao eido da información e a comunicación.

Falta por ver que é o que pretenden facer no resto dos cursos, mais, desde logo, non parece que a educación tecnolóxica teña moita importancia para Wert, e todo apunta a que veremos como se reduce a carga horaria de esta e outras asignaturas.

Desde logo, a min paréceme de esencial importancia no desenvolvemento dunha rapaza ou dun rapaz as competencias relacionadas coa música, a plástica ou a educación física, que son, xunto coa miña, as asignaturas que fan cola na guillotina do ministro, pero como é da tecnoloxía da que mellor podo falar, é do que falo.

Nesta páxina podedes acceder ás programacións e resumos da asignatura para facervos unha idea do que tento que aprenda o meu alumnado, así que non me vou estender. Se queredes botádelle un ollo e logo me dicides se credes que cousas como a robótica, a electrónica, a programación informática, os medios de comunicación, a linguaxe audiovisual, o traballo en equipo ou a seguridade no posto de traballo son coñecementos dos que os cidadáns e cidadanas do futuro poden prescindir sen máis.