Queixas

Data de publicación: Apr 16, 2012 10:1:58 PM

Edito: Seica as medidas non se van aplicar en Galiza con intensidade "total". Non sei se iso terá que ver ou non con que as eleccións galegas están cerca (bon, si que o sei), mais o certo é a lei queda escrita e as palabras as leva o vento, e en calquera momento se pode empezar a aplicar a lei igual que noutros sitios. Ao mellor en canto pasen as eleccións, se son mal pensado.

O certo é que as xubilacións non se cubren e hai horas de asignaturas que terán que ser cubertas por profesorado non especialista, e que, se alguén colle unha baixa longa, os primeiros 15 días de ausencia non terán clase desa materia por falta de substituto.

Se iso non afecta á calidade da educación, non sei que o fará.

Xa parece claro que o curso que ven a ratio de alumnos será máis alta e o número de horas lectivas de cada profesor probablemente aumente. Isto quere dicir que imos estar moi apretados, tanto no taller coma na aula de informática, e que os recursos dos que dispoñemos (ferramentas, ordenadores, espazo físico...) se van facer moi escasos. Farei todo o posible porque a parte práctica da nosa asignatura non se resinta, xa que a considero esencial na tecnoloxía e na informática, pero sen dúbida vai ser difícil.

Seguramente, a todo isto haxa que engadir que o profesorado estaremos máis horas a dar clase, e moi seguramente impartindo asignaturas das que non somos especialistas.

Non me queixo por traballar máis, espero que todo o traballo botado nesta páxina demostre que a miña ilusión pola docencia non funciona somentes en horario lectivo, mais esta actividade, nunca remunerada nin recoñecida pola administración, terá que pasar a un segundo plano cando a cantidade e variedade de clases a preparar, exames por correxir e traballos que avaliar cada día aumente. Diría que o traballo dun profesor fóra da clase é tan importante como o de dentro, algo que non parece entender igual o ministerio de educación.

O aumento da ratio e das horas lectivas é unha medida de aforro, non o poño en dúbida, pero, por favor, teñan en conta que a educación dos cativos que un día serán os homes e mulleres que deben sacar este país isto adiante vaise resentir. Non haberá outro xeito de aforrar?