Edición de audio e video

En teoría isto ía ser na primeira avaliación, pero como introducimos a parte de animación en 2D non nos deu tempo, así que vai empezar na segunda.

Que é o que imos facer? pois algo como isto:

Proposta:

Gravarse a un mesmo recitando unha poesía galega (eu escollín "A descoberta", de Manoel Antonio), para despois engadirlle a esta locución unha música, uns efectos de audio e unhas imaxes.

Requisitos:

    • Duración de entre 35 e 60 segundos.

    • Mínimo 15 imaxes a 768x576.

    • Música sen dereitos de autor.

    • Tres efectos de son.

Programas a empregar:

- Gravación da locución: eu empreguei a gravadora de voz do móbil, pero podedes empregar calquera dispositivo e programa que dea unha calidade un pouco decente.

- Conversión de arquivos: un dos problemas máis frecuentes e latosos é a incompatibilidade de formatos de audio e video, e necesitamos cambialos. Tedes solucións online para a conversión de arquivos, pero tede en conta que a conexión do colexio é extremadamente lenta, tentade facelo na casa.

- Descarga de audio: para escoller a música é necesario que esta teña dereitos libres, un par de opcións para atopar música sen copyright son Jamendo e FMA, escoitar o que anda por aí e baixarnos o que máis nos aquele. É altamente recomendable escoller un fragmento INSTRUMENTAL. Eu escollín "Mystic Cave". Para a descarga de sons complementarios funme a freesound, que require rexistro, mais ten moooooitos sons. Outra opción que usa moita xente é o banco de sons do ite. Tamén podedes gravar os vosos propios sons.

- Edición e montaxe de audio: aquí o Audacity será o programa escollido. Libre, gratuito e moi eficaz.

- Edición de imaxe: xa o coñecedes de outros traballos, o GIMP.

- Edición de audio e video: Empregaremos openshot, este non funciona en Windows, así que teredes que facer todo o traballo de montaxe na clase. Tede en conta que é un programa non profesional e dá fallos, así que GARDADE CONTINUAMENTE os vosos avances.

Podedes descargar o meu proxecto e todo o material empregado (menos os audios orixinais, que pesaban moito).