Deseño Web 05: Imaxes

Para insertar imaxes no noso documento web, temos que lembrar o concepto da rutas relativas, xa que imos empregalas decote. Normalmente, as imaxes dun sitio web atópanse todas nun cartafol situado no mesmo lugar que o documento html co que estexamos a traballar.

Unha vez teño as imaxes gardadas, a etiqueta que debo introducir é:

<img src="imaxes/nomeImaxe.extensión">

Observarás que non ten etiqueta de peche, así que abonda con incluíla despois do parágrafo que queiras. É moi importante ESCRIBIR O NOME DA EXTENSIÓN da imaxe, se non o fas non a atopará e non che funcionará.

Se queres que a imaxe apareza escalada a un determinado número de píxeles de ancho e alto, deberás engadir os atributos seguintes:

<img src="imaxes/nomeImaxe.extensión" heigth=píxeles de altura width= pixeles de ancho>

Se queres que a imaxe insertada sexa unha imaxe aloxada nunha web, non tes máis que escreber a ligazón a esa imaxe dentro de src, deste xeito:

<img src="url da imaxe">

Por último, se o que queres é que a imaxe faga de hipervínculo, é dicir, que o clicar sobre ela te leve a outra páxina, o que tes que insertar é:

<a href="ligazón que queres que abra"> <img src="imaxes/nomeImaxe.extensión"> </a>

O que ven sendo insertar a imaxe na parte da etiqueta de ligazón na que normalmente poñeríamos o texto que faría de hipervínculo.

Exercicio:

Deseña unha web que fale sobre ti cunha estrutura de tres páxinas, unha principal (index) e dúas secundarias. Na principal deberás incluír, alo menos, dous títulos de diferente nivel e outros dous parágrafos. Dentro dos parágrafos debe haber algún salto de liña, dous hipervínculos, un para cada páxina secundaria. Nas páxinas secundarias debe haber tamén un título, un parágrafo cunha ligazón que nos leve a unha páxina externa e unha imaxe que faga de hipervínculo de retorno ao index. Tamén debe haber outra imaxe en cada unha, que debe estar escalada a un tamaño discreto.

Con isto rematamos os contidos que traballamos empregando o bloc de notas e a redacción en código html "a pelo". A partir de agora imos empregar o Kompozer, do que, se consigo sacar tempo e ganas despois do anuncio de que o ano que ven imos traballar moitas horas en clases masificadas, farei algunha outra unidade.