Escoller unha idea

Data de publicación: Feb 09, 2011 3:42:5 PM

Iso é o que me trae tolo.

Quero facer algo que sexa útil, algo que vaia ser usado nas aulas polo profesorado e que o alumnado o vexa/use con interés e proveito, así que eses son os dous obxectivos.

As posibilidades técnicas son moitísimas, incluso pensando en innovar, pero... estou algo canso de innovación! Xa levo vistas unhas cantas cousas, ferramentas, materiais, contidos... e a maioría delas morre despois da novidade inicial. Precísase que o material sexa consistente no tempo, e iso non depende de empregar o último cachivache ou a linguaxe de programación máis "last", depende da calidade do produto, de que sexa bon desde o guión até o final.

E hai que ter en conta unha cousa, existe unha tecnoloxía competidora de enorme potencia, capaz de adaptarse a diversos estilos de aprendizaxe e enormemente versátil á hora de amosar contidos audiovisuais, os profesores e profesoras. O material non pode máis que aspirar a complementar os escasos ocos onde os docentes poden mellorar o seu labor con recursos TIC.

Agora andiven preguntando a uns poucos compañeiros e compañeiras como empregaban eles os recursos TIC e que recursos lles parecen interesantes. O resultado, como era de esperar, é que ningún coincide en nada. Outra cousa a ter en conta.