Curriculum Vitae: O debe e o haber

Aquí tedes un pouco do que fago, por se a alguén lle interesa.

- Construímos unha impresora 3D en 4º da ESO:

O curso 2013-2014 fixemos un proxecto moi especial do que creo que podemos presumir, construímos a primeira impresora 3D Open Source elaborada por alumnos de secundaria de Galicia (se cadra tamén de España). Chamámoslle Imprusiño, e o paseamos por todos os sitios posibles (Día da Ciencia na Rúa de Coruña, Xornadas de Apetega, II Congreso de Software Libre en Educación, Xornadas de innovación educativa...). É unha Prusa i2, costounos traballo abondo, pero conseguimos que imprimise cunha calidade máis que decente, e foi unha experiencia preciosa de convivencia e aprendizaxe. Moitas Grazas a todo o equipo Imprusiño (Lydia, María, Iván, Pablo, Kevin, Cris e Rita), que foron os verdadeiros artífices do invento!

Podedes informarvos máis do proxecto en twitter @equipoimprusino , no blog ou ver o noso álbum de fotos.

No curso 2014-2015 estamos tamén coa @patacaprusadora , pero teredes que agardar a Xuño a ver en que remata a cousa!

- Formación de docentes:

Téñenme chamado para facer formación de docentes, aquí tedes algúns dos materiais empregados:

- Arduino e meteoroloxía.

- Edición de imaxe dixital.

- PLE's e contornas de aprendizaxe.

- EDI de baixo custe con Wii

- Animación en Flash: A meteoroloxía e os climas do mundo (4º Premio a Contidos Educativos Abalar 2011):

Isto o fixemos Juan Martínez e eu como proxecto fin de carreira, unha serie de videos e actividades animados en Flash para explicar contidos de Xeografía e Historia.

Tamén fixemos outra unidade para Ciencias Naturais, pero por esa non nos deron premio (inxustamente, claro está, o material é fantástico):

- O móbil como ferramenta educativa: Visita ao Castelo de San Felipe (2º Premio á Innovación Educativa 2010):

Isto fixémolo Carmen Cuesta (do IES Canido) e eu, un proxecto do que estou moi contento polo ben que o pasei facéndoo e porque nos deron o premio, que está moi ben. O proxecto consiste nunhas audioguías coas que o alumnado se ten que ir guiando polo castelo de San Felipe, coa axuda dun plano, e ten que ir tirando fotos co seu móbil ou cámara para logo facer actividades e traballos. Ademáis, nos publicaron e nos levaron a un congreso.

- Emprego de páxinas web na aula: Esta páxina.

Empeceina hai xa un tempo, e este curso 2011/2012 a engordei abondo, despóis do meu paso pola universidade, grazas a unha das desaparecidas licenzas por estudos. No seguinte apartado explico os contidos que vos podedes atopar por aquí, pero paréceme importante sinalar as tres ferramentas fundamentais que a fan posible e que, na miña opinión, fan que sexa un recurso eficaz. (Aviso: aínda que o pareza, non cobro comisión de Google)

- Google Sites:

Como veredes, está realizada na tecnoloxía de Google Sites. No meu centro a incorporación ao programa de páxinas dinámicas da Consellería aínda se fixo durante este curso, así que cando a creei considerei que era a mellor opción para poñer o meu traballo online. Teñen máis posibilidades que un blog para estructurar os contidos, son moi sinxelas de facer e se integran perfectamente con todos os produtos de Google (presentacións de diapositivas, documentos, videos...), que eu emprego moito no traballo de clase. É certo que se aparta un pouco do estándar que marca a Consellería, pero son unha opción que se axusta mellor á miña situación particular, e seguro que tamén sería útil para moita outra xente.

- Google Docs (agora Drive):

O potencial dos documentos online é enorme, e actualmente a opción de Google creo que non ten competencia. Emprégoos tanto para os meus documentos administrativos e docentes, como para o traballo cos rapaces, realización de probas, avaliación do proceso, realización de traballos colaborativos, elaboración de presentacións, rexistro e información do traballo de clase... Realmente, non sei como faría sen eles!!

- Gmail:

Aínda que non podo enlazar os contidos traballados, o correo electrónico segue a ser a ferramenta imbatible de comunicación online, para min é un contido básico e imprescindible que o alumnado, tan afeito a estar en internet pero tamén tan pouco formado nas súas posibilidades, debe chegar a dominar e empregar con naturalidade. Hai anos que usamos o correo de Google, e para min é unha alegría sempre que algún ex-alumno volta polo centro e me conta que esa conta que abriu na miña clase e que pensou que era un rollo que non lle chegaba ao Tuenti á sóla dos zapatos, agora a mantén e a usa decote. Este ano tamén comezamos a usar o Google+, e veremos como ir integrándoo nos cursos que veñen.

- Contidos de informática e tecnoloxía:

Son todas as cousas que teño colgadas por aquí, nesta páxina. A día de hoxe (10-06-2012) hai unhas 220 subpáxinas, que espero que sigan a medrar, pero desgloso a continuación aquelas partes que me parecen máis importantes, orixinais, ou que teñen máis contido feito.

- Arduino:

Este curso comecei a dar contidos de Arduino de xeito regular na clase, e teño elaborados uns cantos exercicios que podedes consultar na ligazón do título.

- Edición de imaxe con GIMP:

Unha unidade onde se aprende a facer retoque de imaxe básico, conceptos importantes e procedementos como escalar imaxes, modificar a iluminación, cambiar cores, realizar montaxes... Ten algúns titoriais moi explicados, que me levaron moito traballo. Até o de agora, é a parte da asignatura de informática que os alumnos din que lles gustou máis, e algúns fixeron traballos moi bos.

- Programación en Python:

Python é unha linguaxe de programación moi de moda actualmente, tanto que é a escollida en centros como o MIT para desenvolver os seus cursos de "Ciencias da computación e programación".

Isto non entra demasiado no currículum de 4º, que aproveito para dicir que me parece moi desfasado no aspecto informático, mais pareceume moi interesante e decidín facelo. Sen dúbida, a programación é un campo moi importante na actualidade e, ademais, creo que desenvolve capacidades moi interesantes no alumnado, como din en Galicia Scratch.

Cubrimos conceptos básicos de programación, tales como variables, métodos, bucles... e os rapaces chegan a facer programiñas de certa complicación.

- Edición audiovisual (I):

En terceiro temos unha unidade sobre linguaxe fílmica e edición audiovisual coa que chegamos a facer fotonovelas como esta:

- Edición audiovisual (II):

En cuarto avanzamos un pouquiño máis, e empregamos o Movie Maker de Windows (a ver se axiña cambiamos a Software Libre) para facer montaxes de imaxes editadas con GIMP sobre poesías de Manuel Antonio. As poesías foron recitadas polo alumnado e o audio editouse con Audacity. Este video é unha mostra do resultado, pero tedes unha colección con todos eles en Youtube.

- Animación 2D:

Chegamos tamén a facer un pouquiño de animación en 2D empregando Inkscape e Pencil 2D, cousas moi sinxelas como facer botar unha pelota (premer na imaxe para ver a animación).

- Deseño Web:

Tamén damos un pouco de html para deseño web, a unidade que temos aquí está feita para aprender os rudimentos máis básicos e puros da linguaxe, pero tamén fixemos o traballo con Kompozer.

- Contidos de tecnoloxía:

E hai tamén un volume crecente de contidos que podedes ver navegando pola páxina, apuntes e presentacións de cousas como neumática, mecanismos, estruturas, tecnoloxías da comunicación, deseño vectorial...

- O Videotitorial como ferramenta educativa: Qcad e Inkscape:

Tres unidades didácticas para o traballo de Qcad e Inkscape, son varias coleccións de videotitoriais acompañados de exercicios que serven para practicar os conceptos explicados.

Orixinalmente estiveron nun blog, que abandonei ao abrir esta páxina, mais podedes ver os videos en Youtube e descargar os exercicios desde estas ligazóns:

Videos Qcad

Exercicios Qcad

Videos Inkscape

Exercicios Inkscape básico

- En fin:

Que espero que todo este traballo feito lles guste a vostedes como a min me gustou facelo, algunhas cousas saíron mellores e outras peores, mais en todas aprendimos algo os meus alumnos e/ou eu. Volten cando queiran e esperamos ter máis cousas que contarlles :-)