Coma nun congreso...

Data de publicación: Oct 15, 2016 7:36:19 PM

Estamos a traballar montaxes electrónicas en breadboard. Para isto, temos un boletín de montaxes que os rapaces teñen que ir montando ao seu ritmo, eu máis ou menos vou dando pistas e axudas puntuais pero tento que o asesoramento entre eles prime sobre a miña guía. Isto último, o consigo a medias, ás veces hai quen acaba antes e se queda esperando nunha esquina sen avanzar nin axudar, outros se esconden no grupo para non traballar... así que se me ocorreu o seguinte.

Comprei tarxetas identificadoras, das de congreso, unha por rapaz/a. Puxémoslle o cartón por dentro para que fixera de fondo, e cada alumno/a escribiu cun rotulador de pizarra branca o número correspondente ao circuito máis alto que era capaz de facer. Recalqueilles que a obriga de quen ve alguén con número máis baixo co seu era tentar axudalo, e aos que tiñan números baixos os estimulei a buscar alguén "máis alto" para que lle aprendese. Cando aprendían un novo circuito, borraban o seu número anterior e poñían este último.

Alumnos convintemente numerados :)

A verdade é que funcionou moi ben, aumentou moito a interacción entre o alumnado e a súa motivación por conseguir avanzar e, ademais, a min me facilitou moito avaliar de xeito rápido como era a marcha xeral do grupo e quen tiña máis facilidade e dificultade para seguir o traballo.

Fago un par de aclaracións necesarias:

- o meu grupo non era numeroso (20 persoas) e teñen unha disposición moi boa cara o traballo, non sei se isto podería funcionar ben nun grupo máis complicado.

- Para evitar que se convirta nunha actividade competitiva, aviseilles de que non avanzariamos ata que TODO o grupo acadase o nivel máximo.