Comezamos coa Pataca Prusadora!

Data de publicación: Oct 14, 2013 6:56:33 AM

Xa estamos en marcha co proxecto da impresora 3D do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco!

Os alumnos e alumnas de tecnoloxía de 4º da ESO imos facer, como proxecto de curso, unha impresora 3D (@PatacaPrusadora). Non temos diñeiro abondo no departamento para abordar este proxecto, así que temos que solicitar a colaboración de todas as persoas que nos queiran axudar a conseguir a nosa meta. Para iso, comezamos por sortear unha magnífica tableta Nexus 7, a tableta de 7 pulgadas con Android de Google, o producto máis avanzado na súa categoría.

Se estás lendo isto, probablemente xa teñas comprado unha rifa, así que moitas grazas! Esperamos que o día 7 de decembro sexas ti o/a afortunado/a!

E falando da nosa Pataca, o modelo que imos construír é unha Prusa i3, como a que ves arriba, e poderás seguir todos os progresos no noso twitter. Deixámosche un video de Imprusiño, a impresora 3D do CPI de Atios en Valdoviño, facendo o seu traballo. Ela foi a primeira impresora montada por alumnos da ESO en Galicia, e a que imprimiu algunha das pezas que, axiña, formarán parte da Pataca Prusadora.