OpenScad

figuras openscad

Nesta unidade imos aprender a deseñar pezas en 3D que logo poderían ser construídas por unha impresora 3D. Se es profesor/a, aquí tes unha xustificación para isto.

No recadro, as cousas que deberiamos acabar sabendo facer.

Obxectivos e contidos.

Obxectivos:

    • Comprender os conceptos básicos de deseño 3D e impresión 3D.

    • Acostumarse ao traballo en eixos de coordenadas.

    • Deseñar pezas sinxelas para impresión 3D.

    • Mellorar a nosa visión espacial.

    • Mellorar a nosa capacidade de expresión de ideas de xeito gráfico.

  • Programar un pouquiño.

Contidos:

    • Funcións primitivas básicas: cube, cylinder.

    • Funcións básicas: translate, rotate, scale

    • Operacións booleanas: Union, difference, intersection

    • Parametrización e modularización.

    • Medidas con calibre e reproducción de obxectos reais en 3D.

Materiais:

Para esta unidade, é altamente recomendable que tentes instalar no teu equipo persoal o OpensCad. Ao ser un programa libre e gratuito, non tes nada que piratear nin pagar, e a mellor fonte de descarga é a páxina oficial.

A túa BIBLIA para esta unidade son estes titoriais de @Obijuan_cube, neles vén explicado todo o que imos facer, tanto desde o video coma desde o resumo do feito que aparece en texto. Recoméndoche encarecidamente que lles vaias botando un ollo e facendo pola túa conta, non che levará máis dun par de horas e sairás con todo o necesario para desenvolverte con OpenScad.

Na clase, imos traballar a partir de obxectos impresos que terás que reproducir e tamén de imaxes de obxectos, os que vaiamos facendo os podes atopar neste documento:

Lembra que vas ter que traballar moito pola túa conta e avanzar ao teu ritmo. Tenta axudar aos compañeiros, porque ensinando se aprende apréndese* moito, e non deas por suposto que sabes facer algo até que o fas tres veces seguidas sen fallar.

Avaliación:

Ademais do traballo diario en clase, tamén faremos unha proba para que amoses as habilidades adquiridas nesta unidade. Na proba poderás levar os teus apuntes, mesmo consultar por internet, eu dareiche unha peza impresa ou un debuxo dela e ti terás que conseguir deseñala en 3D. É moi importante que durante esta unidade teñas en conta que o que se che pide non é que memorices nada nin que sexas capaz de repetir un exercicio xa feito, senón que comprendas o procedemento de deseño en 3D e sexas capaz de aplicalo a unha peza que nunca viras antes, sendo capaz de deseñala con OpenScad. Ao final do documento anterior tes un exemplo de exame, tenta facelo pola túa conta antes de mirar a solución.

* Corrección proporcionada pola excelente alumna Antía Varela.