Python04: Strings (cadeas)

Até o de agora traballamos sobre todo con números, en Python chamamos aos números enteiros integers e aos decimais floating point numbers. Ten en conta que Python diferencia entre, por exemplo, 5 e 5.0, considerando ao primeiro un enteiro (integer) e ao segundo un decimal (floating point number).

Agora imos traballar con outro tipo de dato, como son as cadeas ou strings. Chamámoslle strings a calquera pedazo de texto, que pode incluír calquera caracter, e os definimos encerrándoos entre aspas simples ( ' ).

>>> 'tucho'

'tucho'

Tamén podemos almacenar cadeas en variables, proba a facelo:

>>> nome='tucho'

>>> nome

'tucho'

Podes poñer calquera caracter dentro da cadea, o único problemático é incluír o apóstrofe ('), e xa que non se usa moito en galego nin en español non imos entrar moito no procedemento.

Tamén se poden facer operacións con cadeas (repara nos espazos):

>>> 'tucho'+'mendez'

'tuchomendez'

>>> 'tucho '+'mendez'

'tucho mendez'

IMPORTANTE:

O editor IDLE:

Ate agora estiveches a escribir directamente na shell, que interpreta cada instrucción en canto ti premes o Enter, e precisamos outro xeito de interactuar que permita teclear varias instruccións e gardalas para non ter que escribir de cada vez o noso programa. Para iso tes que ir ao menú File da shell e seleccionar New Window, Así vaise abrir unha xanela que é o editor de arquivos ou file editor.

Ola Mundo!

Todos os programadores, até os que deseñaron Facebook ou Tuenti, empezaron facendo un programa que fixese aparecer "Ola Mundo!" ou "Hello World!" na pantalla. Imos facelo nós tamén. Escribe o texto do recadro no file editor. NON POÑAS OS NÚMEROS DE LIÑA, SON NADA MÁIS PARA ORIENTARSE!

1. #Este programa di ola e preguntache polo nome.

2. print ('Ola Mundo!')

3. print ('Como te chamas?')

4. meuNome= input()

5. print ('encantado de coñecerte, '+meuNome)

En canto teñas introducido o código, dalle a File-Save As e ponlle o nome olaMundo.py. Para voltar a abrilo en outra ocasión deberás ir a File-Open, e buscar no cartafol correspondente.

Unha vez gardado, probablemente queiras ver se funciona ou se só che fixen facer isto para amolar, nese caso deberás ir ao menú Run-Run Module ou premer F5. Se che pregunta o nome, non sexas tímido/a e contesta.

Como funciona o programa "olaMundo"

O ordenador entende cada liña que escribimos como un paso dunha receta, e irá paso por paso executando todas as nosas ordes até chegar ao final. A orde na que o programa segue as instruccións chámase fluxo de execución.

Imos ver as ordes unha por unha.

Comentarios

1. #Este programa di ola e preguntache polo nome.

Esta liña é un comentario. Calquera texto despóis do símbolo "#" (agradecería que alguén me dixera como se di en galego en galego pódese chamar cancelo) é un comentario e o ordenador non os le, só están aí para axudar a entender o programa. Pensa que moitos programas están feitos entre moitas persoas, ou que pode ser que queiras un día voltar a ver un programa que fixeches hai meses, neses casos é importante deixar todas as notas aclaratorias precisas para que se poida entender ben o que se fixo.

A función print()

2. print ('Ola Mundo!')

3. print ('Como te chamas?')

Estas dúas liñas son chamadas á función print. En Python, as funcións levan parénteses despois do nome da función, e cando escrebemos unha función dicimos que a estamos a chamar. O que fai a función print() é facer que apareza en pantalla aquelo que puxemos entre os parénteses.

A función input()

4. meuNome= input()

O que facemos nesta liña é asignar unha variable, meuNome, a unha chamada a unha función, input(). O resultado é que o ordenador esperará que o usuario introduza unha cadea, e fará que esa cadea quede almacenada na variable meuNome. Despois, a liña 5 fará que apareza en pantalla a cadea 'Encantado de coñecerte, ' seguida do nome que se introduciu (meuNome).

5. print ('encantado de coñecerte, '+meuNome)

Nomes de variables:

Fíxate no xeito que temos de escribir as variables, empezando sempre por minúscula, sen espazos entre as distintas palabras e empregando a maiúscula na primeira letra de cada palabra. Isto é unha convención para que sexa un pouco máis doado ler as variables longas, do xeito de numeroVecesTuchoBerraClaseCuarto, moito máis lexible que numerovecestuchoberraclasecuarto.

Python é Case Sensitive, o que quere dicir que diferencia entre maiúsculas e minúsculas, non é o mesmo Tucho, que tucho, que TUCHO ou que TuCho, se te confundes ao escreber o nome dunha variable o programa darache un erro.

É tamén moi importante que, en adiante, escollas ben os nomes das variables. Nos primeiros programas non ten moita importancia porque traballamos con moi poucas, pero logo vaise facendo máis complicado. Busca nomes explicativos pero non demasiado extensos, por exemplo habitantesMeiras será mellor que habMei, hM ou que numeroDePersoasQueVivenEnMeiras.

Fluxograma:

Un fluxograma ou diagrama de fluxo é unha representación gráfica do funcionamento dun programa. Non é preciso coñecer código para facelos, xa que se centra máis na orde dos acontecementos que nas ordes concretas que temos que executar para conseguir o obxectivo que nos propoñemos. Para un programiña tan sinxelo coma este, que non ten ningunha opción de escolla, sería algo tan sinxelo como isto:

Exercicio:

- Practica na Autoavaliación: Cadeas .

- Co que tes aprendido, se cadra xa podes tentar mellorar o programa anterior. Propóñoche que engadas unha pregunta máis á do nome, por exemplo "en que parroquia vives?", e que o programa che devolva unha contestación como "Encantado de coñecerche, Tucho de Fingoi".

- Ocórreseche algún outro programa baseado neste?