Xustificación

Por que deseño en 3D para impresión?

Entendemos que co deseño en 3D poderemos traballar unhas cantas cousas importantes, entre outras:

    • Mellorar a visión espacial.

    • Acostumarse ao traballo en eixos de coordenadas.

    • Aprender a deseñar obxectos reais, coa complexidade que isto ten.

    • Melloramos a nosa capacidade de expresión de ideas de xeito gráfico.

Por que OpenScad?

Existen varios programas libres para deseñar en 3D que son moi interesantes e potentes, entre os que destacaríamos Freecad e Blender, pero nós escollemos OpenScad por diversos motivos:

Programación:

En OpenScad que construímos os nosos deseños 3D a partir de código escrito. Grazas a isto, ao tempo que aprendemos a deseñar en 3D nos iniciamos no mundo da programación. Consideramos que programar para deseñar en 3D é moi interesante, xa que fai que o alumnado consiga un resultado do seu código moi inmediato e visual que lles motiva abondo.

Deseño:

O alcance desta unidade non é moi profundo, nada máis pretendemos que se deseñen pezas técnicas moi sinxelas. Para isto, os programas que citamos antes son moi bos, pero requiren unha certa preparación ou configuración previa que, no OpenScad, non existe.

Fealdade:

Certo é que o entorno de OpenScad é moi feo, non ten botonciño ningún, autocorrección, nin cores... acostumados as interfaces actuais, parece que esta está totalmente "espida". Como produto comercial pode que isto sexa unha desventaxa, pero para educación a min paréceme unha vantaxe. Desde o punto de vista do docente de tecnoloxía, esta concepción espartana no deseño fai que o alumnado se achegue a un nivel máis baixo a como funciona un programa, que vexa que é o que hai detrás de todas as capas de "usabilidade" que, sen dúbida, fan máis sinxelo o traballo cotiá coas computadoras, pero que nos afastan da esencia da construcción dos obxectos dixitais.

Dificultade:

Crear obxectos tridimensionais a partir de código escrito require un nivel de abstracción importante que non é doado de facer. Este é un esforzo que queremos que o noso alumnado faga, porque repercutirá no seu saber de xeito moi positivo. Ademais, o editor de código de OpenScad é incríbelmente austero, non nos axuda apenas nada, así que será o alumnado o que teña que traballar a súa atención, concentración e capacidade de análise para conseguir deseñar con éxito.