Aquí poño os materiais que imos usar para a sesión de tratamento de imaxe dentro dos cursos de Competencia Dixital de nivel básico do CFR de Ferrol para o curso 2012/2013.
Para comezar, imos facer un cuestionario rapidiño para ver como andamos de postos no tema e até onde imos chegar. Non conta para nota!
Logo vou explicar rapidisimamente uns poucos conceptos básicos, empregando esta presentación:
E logo imos comezar coas actividades prácticas:
Descarga algunha imaxe desde Google Images, empregando as opcións de tamaño de imaxe. Tenta descargar algunha imaxe en formato .jpg, algunha en .png e algunha en .gif.
Lembra que descargar as imaxes desde as miniaturas darache imaxes moi pequenas.
Lembrade tamén ir sempre até a imaxe orixinal para descargar o arquivo:
Descarga algunha imaxe de outra fonte de imaxes como as destas ligazóns.
DeviantArt: http://www.deviantart.com/
Flickr: http://www.flickr.com/
OpenClipArt: http://openclipart.org/
Intef: http://recursostic.educacion.es/bancoimagenes/web/
Clker: http://www.clker.com/
Abre algunha das imaxes que descargaches antes e achégate (roda do rato ou o deslizador da lupa) até poder ver os píxeis.
Igual xa te decataches, pero repara nas distintas propiedades das imaxes en cada formato. Seguro que notaches que os jpg son, na súa maioría, imaxes reais. En png e en gif aparecen nos resultados de busca máis debuxos e cores máis planas. Isto é así porque o jpg manexa mellor imaxe de estilo real mellor que os outros dous (os arquivos adoitan ter mellor relación calidade/peso), pero para cores máis planas é ao revés. Seguro que algún dos gif que baixaches se movía, é o único formato dos que falamos que soporta animación. Repara tamén nos png, se escolliches algún dos que semella non ter fondo, poderías ver que, cando o abres cun visor, aparecen uns cadradiños grises. Isto quere dicir que a imaxe é transparente nesas partes, cousa que o jpg non pode facer, sempre ocuparán un recadro completo.
.jpg
.png
.gif
Neste curso de tratamento de imaxe, imos empregar un programa que se chama GIMP. Podédelo descargar para Windows aquí, en Linux instálase moi doadamente desde o Xestor de paquetes.
Descarga esta imaxe da bela cidade de Lugo e ábrea co GIMP (botón dereito>editar con GIMP) . Vai ao menú Imaxe>Escalar Imaxe, como se che indica na figura:
Váiseche abrir unha fiestra como esta:
Nela podes escoller diferentes opcións de escalado, de momento tes que facer o seguinte:
- Escalar proporcionalmente ao 50% do seu tamaño e garda como lugo escalado50.jpg, no mesmo cartafol que a imaxe orixinal.
Váiseche abrir unha fiestra como esta:
Selecciona a calidade que che sae por defecto (debera ser 85%) e dalle a gardar. Cerra a imaxe en GIMP.
- Colle outra vez a imaxe lugo.jpg e escálaa proporcionalmente a 200 px de ancho. Gardaa con calidade por defecto como lugo escalado200.jpg . Cerra a imaxe en GIMP.
- Colle outra vez a imaxe lugo.jpg escálaa non proporcionalmente a 200 px de ancho. Gardaa con calidade por defecto como lugo deformado.jpg. Cerra a imaxe en GIMP.
- Colle outra vez a imaxe lugo.jpg, e dalle a gardar como , selecciona calidade 100% e nomeaa lugo calidade100.jpg. Cerra a imaxe en GIMP. Repite o proceso con calidade 50 e calidade 10, gardando como lugo calidade50.jpg e lugo calidade 10.jpg. Cerra todas as imaxes con GIMP.
Abre as imaxes co visor (directamente doble clic) e compáraas... notas algunha diferenza? Repara nas propiedades de peso e tamaño das imaxes... son distintas?
Colle a imaxe lugo escalado200.jpg que tes de antes, ábrea co GIMP e gárdaa co mesmo nome pero con extensión de arquivo .png e logo con extensión .gif. Repara nas opcións que che aparecen pero selecciona todo por defecto, según saia. Repara nas propiedades de cada imaxe e compara.
Lembras como fixemos antes para escalar a un tamaño inferior do orixinal? Imos ver que pasa cando facemos o contrario. Descarga esta imaxe dun botón:
Ábrea co GIMP e escala ao 1000%. Na fiestra que che aparece, no menú Calidade: Interpolación , selecciona Ningunha.
Garda como boton escalado1000.jpg e repara no resultado. Dalle a Editar>Desfacer e volta a escalar, esta vez coa opción de Interpolación en Cúbica. Repara no resultado esta vez tamén. Decataríaste que a imaxe perde moita calidade, máis aínda se non empregamos Interpolación. Lembra que as imaxes sempre perden calidade cando as escalamos a un tamaño maior do orixinal, algo que non acontece cando facemos o contrario. Ten isto moi en conta, sempre é mellor partir de imaxes de tamaño grande e reducilas segundo as nosas necesidades.
Agora que tes unha serie de imaxes feitas e sabes como traballar con elas, tenta insertar algunha nun documento de texto, nunha presentación, achegar unha imaxe por correo...
Se chegamos ben até aquí, parabéns, xa podemos lanzarnos a facer exercicios máis complexos.