Python 01: Introducción

A programación, que é?:

Un programa non é máis (nin menos) que unha serie de instruccións que o ordenador executa de determinada maneira, conseguindo un resultado. Este resultado pode ser un sinxelo exercicio como os que nós imos facer, ou complicarse moitísimo para chegar a ser unha base de datos interactiva, unha páxina web ou, mesmo, un videoxogo.

Algo así, máis ou menos...

Programar é, por tanto, aprender a comunicarlle ao ordenador as instruccións que queremos que execute dunha forma en que el as poida "entender", e as distintas formas en que os humanos podemos comunicarnos co ordenador se chaman linguaxes de programación e hai unha chea deles. A linguaxe de programación que nós imos aprender chámase Python.

Hoxe en día saber programar é unha competencia que che pode axudar a entender moitas cousas, saber facer outras e, ademáis, é un campo laboral de moita demanda, así que, se estás disposta/o a tentalo... comezamos!

Comezando a programar:

Antes de empezar, debemos ter instalado un intérprete de Python, que é un programa que entende as instruccións que lle damos en Python e as "traduce" para que tamén as entenda o teu ordenador. A meirande parte das distribucións de Linux traen, por defecto, instalado un intérprete de Python. A partir de agora, referirémonos ao intérprete como Python. Se queres instalar Python para Windows desde a casa, podes facelo desde a páxina oficial.

Ademais do intérprete, imos empregar un entorno de desenvolvemento, é dicir, unha aplicación que nos vai permitir escribir o código e ver o seu resultado ao executarse. No noso caso imos empregar o IDLE (Integrated Development and Learning Environment). En Ubuntu pódese instalar desde os repositorios oficiais ou desde o xestor de paquetes. O IDLE ten dúas fiestras principais, un editor de texto para escribir o código e unha consola ou shell, na que se executará o código.

O primeiro que verás ao abrir Python é unha pantalla tan sinxela coma isto:

Desde esta fiestreciña tan sinxela imos interactuar con Python, esta é a shell ou consola da que che falamos antes. (vaite afacendo ao inglés).

Basicamente, a unidade vai consistir en escribir instruccións na shell e ver que fai o ordenador con elas, as instruccións van escritas do seguinte modo:

>>> #isto e unha instruccion para imprimir"tucho"

>>> print ('tucho')

Sempre que escribas instruccións tes que ter en conta algunhas cousas:

- Os ordenadores admiten pouca retranca. Iso quere dicir que nunca van intuír o que queres dicir. Tes que tentar escribir todas as palabras, números e signos tal cal se che indica, unha pequena variación pode dar lugar a un erro.

- Python es pitón, pero en inglés. Tenta non empregar na programación caracteres típicos do galego ou do español, tales como eñes, acentos, diéreses... estes non existen en inglés, que é a lingua na que se desenvolveu Python (e case todo o que ten que ver coa informática) e, xa que logo, poden dar problemas. Isto non quere dicir que non poidamos facer programas en galego ou castelán, xa veremos como.

- As maiúsculas non son minúsculas. Se algo aparece escrito desta maneira: "mazasVerdes" non é o mesmo que "mazasverdes", "MAZASVERDES" ou "MazasVerdes", Python non o recoñecerá igual e dará erros.

- Copiar e pegar é moi rápido. Demasiado. Todas as instruccións e programas que aparecen nesta unidade as poderías copiar e pegar e funcionarán igual, o único problema é que así non aprenderás a gramática nin a sintaxe de Python, que se asimila a base de meter a pata e ir así decatándose de como se escriben as instruccións. Lembra que haberá unha proba final na que non vas poder copiar nin pegar.

Se chegaches até aquí e xa tes a shell aberta, podes pasar ao seguinte apartado.

Se queres saber un pouco máis de Python, preme aquí.