GIMP VIII: O exercicio definitivo

Despois de todas estas semanas de clase, toca facer o exercicio final e recopilatorio de todo o aprendido (bon, ou case todo...). Como proposta, facer unha portada dun libro, que ten que ter as seguintes características:

  • Debe incluir unha ilustración, o título do libro, o ano de edición e o nome da editorial (todo inventado)

  • O formato de entrega será un arquivo .jpg de 1754x1240 px e o proxecto en .xcf.

  • No cartafol da entrega deben estar tamén os orixinais das imaxes empregadas.

  • O traballo debe ter, alo menos, 6 capas:

    • Un fondo.

    • Dúas capas con imaxes

    • Unha capa con algún debuxo feito co GIMP (vale un rectángulo ou calquera forma sinxela).

    • Dúas capas con texto

  • Como mínimo hai que tratar a cor dunha imaxe, alterando a súa cor orixinal.

  • Como mínimo, unha das imaxes ten que estar escalada, rotada ou modificada en perspectiva.

  • Como mínimo, hai que aplicar un filtro.

Todo o material empregado, imaxes orixinais e resultado, terán que estar gardadas nun cartafol compartido comigo do Google Drive.

Como exemplo, déixovos un (non tan) pequeno titorial sobre como fixen eu a miña portada, grazas a Juanjo Rodríguez por prestarnos a súa imaxe.

Titorial exercicio final GIMP:

(Pincha nas imaxes se queres velas máis grandes)

1 - Para empezar, doume unha volta por Deviantart, para buscar unha textura de fondo que me convenza e a descargo.

2 - Creo un arquivo novo das medidas esixidas (Arquivo > Novo).

3 - Abro a textura escollida ( Archivo> Abrir como Capas) como fondo, elimino a capa de fondo orixinal e escalo (Capas > Escalar Capa) a capa da textura ao tamaño da imaxe (1754x1240 px).

4 - Abro o arquivo deadJuanjo.jpg, e selecciono coa ferramenta que mellor me pareza, neste caso as tesoiras intelixentes, a parte da fotografía que me interesa. Neste caso a cara de Juanjo, a copio e a pego nunha capa nova que vou chamar "umbral".

5 - Coa capa "umbral" seleccionada, aplico Cores > Umbral e manexo os triángulos para conseguir un aspecto que me convenza. Despois, roto e movo a imaxe para poñela na posición que elixo e, coa ferramenta de selección por cores, selecciono e elimino o branco da imaxe.

6 - Agora vou traballar a imaxe "gun" para conseguir o aspecto desexado. Aínda que é unha imaxe pequena e de pouca calidade, e a teremos que aumentar moito, non é un problema porque a imos retocar abondo. Abro o arquivo, selecciono o fondo coa variña máxica e invirto a selección. Pego a pistola nunha nova capa "pistola" dentro de "portada" e a escalo e coloco como me guste. Posterizo (Cores > posterizar) a imaxe a dous niveis.

7 - Unha vez teño a pistola e a cara de Juanjo, vou poñer unhas flores. Vounas recortar desta imaxe, e pegalas en varias capas (flowers01-05), en diferentes tamaños e posicións. Ordeno as capas ( a xeito para que as flores queden nunha disposición agradable, todas por baixo da capa "umbral" e por riba da capa "pistola". En cada unha das capas aplicarei un tratamento de cor (Cores > colorear), logo posterizareinas (Cores > posterizar) a 10 niveis.

8 - Imos poñer o texto principal, para iso seleccionamos a ferramenta "texto" e escribimos o título do libro cos saltos de liña oportunos. Vou empregar a fonte "aachen bt", que me parece acaída para o estilo da portada, en color ocre e tamaño de fonte de 263 px. Unha vez escrito e colocado no seu sitio, pasareille un filtro de bisel (Filtros >Decorativos > Engadir bisel) cun valor para o grosor de 16 px. Ao pasarlle o filtro, débese desmarcar a casilla "trabajar en copia".

9 - Para o texto "Un libro de Adalberto Meléndez" escollemos a mesma fonte, mais imos darlle un efecto de profundidade empregando outro método. Crearemos o texto en cor amarela, logo duplicaremos esa capa, cambiaremos a cor da capa duplicada a verde moi escura, escalaremos aumentando aproximadamente un 5% o seu tamaño e a colocaremos por baixo do texto amarelo. Con iso conseguiremos un efecto de sombra.

10 - Para o texto "Edicións Tuchales 1974" escollemos unha fonte diferente, para resaltar que estamos a dar unha información accesoria ao libro. Despois teremos que rotar o texto e ir facendo probas, facendo e desfacendo, escalando e movendo até conseguir unha disposición axeitada. OLLO: GIMP non nos deixará modificar o texto como tal unha vez rotado, haberá que traballar con el como se fose unha imaxe calquera.

11- Xa estamos cerca do final, imos crear dúas capas para dous recadros que serán o fondo dos textos. Para iso, imos empregar a ferramenta pincel e a ferramenta cubo, como xa está explicado no exercicio "vacas". Esta vez, a única diferenza será que a cor do recadro e a do seu recheo serán a mesma. Colocaremos a capa do recadro vermello por encima da capa "pistola", e a do recadro branco por baixo do texto "Edicións...".

12 - A portada podería estar rematada cos pasos que demos até o de agora, mais hai dúas cousas que penso que lle quedarán ben. A primeira é eliminar os cachos de flores que se ven dentro da cara de Juanjo, e a segunda é xogar coa opacidade das capas para conseguir un efecto máis suave na composición. Vou borrar as partes das flores capa por capa, empregando a goma, e a transparencia a irei modificando tamén capa por capa, até atopar o resultado que me convenza. Se vexo que preciso facer algún retoque de posicións ou tamaños, aproveito tamén para facelo.

E se acabou! xa teño a miña portada. Deixo a imaxe en resolución completa, e tamén o proxecto en .xcf por se queredes verlle as tripas a todo o traballo.