Por que programar na escola?

Data de publicación: Jun 03, 2014 5:41:2 PM

Xa que ando polo twitter dando a paliza coa programación na escola, e os 140 caracteres se quedan moi curtos, escribo este artigo para ver se son capaz de explicar mellor que é do que eu falo.

Levo traballando a programación na aula desde hai 4 ou 5 anos, sempre en 3º ou 4º da ESO (alumnado de 14-16 anos), empregando distintas linguaxes e ferramentas, como Python, Scratch, Arduino, openScad ou html.

Ultimamente estase a escoitar moito o mantra de que a nosa rapazada ten que aprender a programar. Bon, escóitase moito isto ao tempo que quen fai as leis educativas españolas decide cousas como que vai eliminar os contidos de informática da tecnoloxía, únicos específicos de informática que un rapaz ou rapaza tiña obrigatoriamente que recibir, pero é innegable que existe unha tendenza internacional a valorar a implantación da programación nos sistemas escolares.

Quero deixar aquí un par de impresións moi persoais sobre o asunto:

- Nativos Dixitais?

Nas miñas clases de deseño web, sempre comezo por algo moi sinxelo. Entrar nunha páxina calquera e darlle a "ver código fonte". Para o 90% do meu alumnado é unha tremenda sorpresa ver que, detrás das aplicacións que empregan a diario, o que hai é un tremendo chorro de letras e signos incomprensíbeis para eles. Os miudos de hoxe en día son, na maioría, grandes consumidores de tecnoloxía, pero descoñecen en grande medida como esta funciona e isto é un lastre para que poidan abordar as súas propias creacións tecnolóxicas.

- O importante non é aprender a programar.

Non son o autor do eslogan "programar para aprender, non aprender a programar" , pero estou abondo dacordo con el. Que o alumnado aprenda a programar estará moi ben e seguramente sexa útil, pero o cerne do asunto é que, na miña opinión pouco fundada, programar implica empregar procesos cognitivos (sobre todo análise de problemas) que me parecen moi importantes no desenvolvemento da rapazada.

- O importante non é o mercado de traballo.

Eu creo que a escola se ten que ocupar de formar cidadás e cidadáns, críticos e conscientes, con certa aptitude para manexar as súas vidas e con certa capacidade para procurarse o seu benestar. Evidentemente, a dimensión laboral é moi importante na vida de calquera persoa, e a escola non debe ignorala, pero tampouco debemos estar a bailar ao son das demandas de traballo máis populares. Dito isto, creo que a programación pode facer que a nosa xuventude estea mellor preparada para desenvolverse nun mundo mediado pola computación, o que non quere dicir que todos teñan que ser programadores/as.

- A programación non é unha panacea.

No tempo que levo impartíndoa, a programación ten apaixoado a algúns alumnos, deixado indiferentes a outros e aborrecido a uns poucos. Aproximadamente, algo parecido ao que pasa con todos os contidos que traballo. A programación, se algún día se chega a establecer como contido ou asignatura, será o que os mestres fagamos con ela, podemos convertila nun tostón infumable ou en algo que cambie a vida dos nosos alumnos e alumnas. Xa levamos facendo isto moito tempo con outros campos.

- A programación non pode excluír outros saberes.

A programación será un verdadeiro cambio se serve para romper as grosas paredes que separan os campos do coñecemento nas nosas escolas. Por exemplo, se facemos un programa que sirva para mellorar a nosa comunidade, analizando os datos ambientais, empregando competencias matemáticas no proceso, documentando nunha linguaxe (humana) correcta, sendo capaces de buscar información en distintos idiomas... a programación terá servido para integrar os coñecementos do noso alumnado no canto de disgregalos, e iso será un tremendo avance. Se non, a programación será unha asignatura máis. A inquedanza que teño a respecto disto é que xa existen outras maneiras de fomentar esta interdisciplinariedade e, agás contados casos, nos centros se segue a traballar de xeito individual e isolado.

- En fin...

Con todos os matices e reservas, eu espero que, dalgún xeito, se dea cabida a contidos sobre programación no sistema educativo galego e/ou español. Espero que as administracións lles dean o apoio e a orientación correcta, espero que o profesorado sexamos capaces de asumir o reto, que os pais comprendan que existe outra metodoloxía educativa, e que o noso alumnado resposte positivamente a este cambio.

Xa sei que espero moito... por que non?