Electrónica Dixital

A unidade comezará coa realización dun test previo de activación. Continuaremos seguindo o boletín impreso en papel, que o alumnado deberá ir cubrindo e constituirán os seus apuntes de clase. En cada sesión, faranse actividades de introdución e de evocación final, empregando para iso os seguintes recursos:

    • Retrieval: preguntas breves para contestar en papel ou mini encerado.

    • Portas e táboas: Exercicio de repaso e evocación para os conceptos básicos das portas lóxicas.

    • Atopa o bit: esquemas de portas lóxicas para contestar en mini encerado.

    • Repaso: formulario de repaso de conceptos chave para facer en ordenador.

A parte práctica farase en dúas quendas:

1 - montaxe de portas lóxicas con elementos discretos, empregando transistores 2n3902 e resistencias. Montaxe de todas as portas lóxicas a partir de portas NAND, empregando circuítos 74HC00. Estas prácticas faranse antes de comezar o bloque de lóxica combinacional.

2 - Construción de fechos e sumadores a a súa integración no ADCNand, que se fará ao rematar toda a teoría. O ADCNand faise por grupos de dúas ou tres persoas.

Realizaranse dúas probas de avaliación cualificables, unha antes de comezar lóxica combinacional e a proba final ao rematar toda a unidade.

Plantexamento

En 4º ESO imos dar por suposto que o alumnado trae de terceiro un certo dominio da electrónica analóxica, se non é así, recomendamos revisar a sección correspondente e o excelente material que ten María Loureiro na súa web.

Obxectivos

  • Coñecer a orixe, historia e fundamentos da electrónica dixital

  • Coñecer e diferenciar entre os conceptos de función lóxica e portas lóxicas

  • Coñecer as portas lóxicas, as súas táboas de verdade e comprender e aplicar o seu funcionamento.

  • Recoñecer as portas lóxicas construídas con transistores e resistencias e explicar o seu funcionamento.

  • Recoñecer as portas lóxicas construídas con portas NAND ou NOR e explicar o seu funcionamento.

  • Distinguir entre lóxica secuencial e lóxica combinacional e as súas aplicacións.

  • Ser capaces de reproducir o esquema dun half adder e explicar o seu funcionamento e aplicación.

  • Recoñecer un esquema de full adder e explicar o seu funcionamento e aplicación.

  • Recoñecer un esquema de full adder feito con portas NAND.

  • Representar un esquema de full adders encadeados para executar a suma de varios bits.

  • Representar un esquema de fecho OR e explicar o seu funcionamento.

  • Representar un esquema de fecho SR e explicar o seu funcionamento.

  • Recoñecer un equema de fecho D e explicar o seu funcionamento.

  • Recoñecer un esquema de fecho D con portas NAND.

  • Encadear esquemas de fecho D para gardar datos de varios bits.

  • Montar en breadboard todas as portas lóxicas menos a XOR e a XNOR con transistores e resistencias.

  • Simular un circuítos en tinkercad antes da montaxe.

  • Montar en breadboard as portas lóxicas con portas NAND (74HC00)

  • Montar un fecho D e un full adder con portas nand (74HC00)

  • Integrar os compoñentes anteriores nun ADCNand.