Curso Imaxe Básico CFR 12/13
Aquí poño os materiais que imos usar para a sesión de tratamento de imaxe dentro dos cursos de Competencia Dixital de nivel básico do CFR de Ferrol para o curso 2012/2013.
Para comezar, imos facer un cuestionario rapidiño para ver como andamos de postos no tema e até onde imos chegar. Non conta para nota!
Logo vou explicar rapidisimamente uns poucos conceptos básicos, empregando esta presentación:
E logo imos comezar coas actividades prácticas:
Obtendo imaxes da web:
Descarga algunha imaxe desde Google Images, empregando as opcións de tamaño de imaxe. Tenta descargar algunha imaxe en formato .jpg, algunha en .png e algunha en .gif.
Lembra que descargar as imaxes desde as miniaturas darache imaxes moi pequenas.
Lembrade tamén ir sempre até a imaxe orixinal para descargar o arquivo:
Descarga algunha imaxe de outra fonte de imaxes como as destas ligazóns.
DeviantArt: http://www.deviantart.com/
Flickr: http://www.flickr.com/
OpenClipArt: http://openclipart.org/
Intef: http://recursostic.educacion.es/bancoimagenes/web/
Clker: http://www.clker.com/
Vendo os píxeis:
Abre algunha das imaxes que descargaches antes e achégate (roda do rato ou o deslizador da lupa) até poder ver os píxeis.
As propiedades dos formatos:
Igual xa te decataches, pero repara nas distintas propiedades das imaxes en cada formato. Seguro que notaches que os jpg son, na súa maioría, imaxes reais. En png e en gif aparecen nos resultados de busca máis debuxos e cores máis planas. Isto é así porque o jpg manexa mellor imaxe de estilo real mellor que os outros dous (os arquivos adoitan ter mellor relación calidade/peso), pero para cores máis planas é ao revés. Seguro que algún dos gif que baixaches se movía, é o único formato dos que falamos que soporta animación. Repara tamén nos png, se escolliches algún dos que semella non ter fondo, poderías ver que, cando o abres cun visor, aparecen uns cadradiños grises. Isto quere dicir que a imaxe é transparente nesas partes, cousa que o jpg non pode facer, sempre ocuparán un recadro completo.
.jpg
.png
.gif
Escalando con GIMP:
Neste curso de tratamento de imaxe, imos empregar un programa que se chama GIMP. Podédelo descargar para Windows aquí, en Linux instálase moi doadamente desde o Xestor de paquetes.
Descarga esta imaxe da bela cidade de Lugo e ábrea co GIMP (botón dereito>editar con GIMP) . Vai ao menú Imaxe>Escalar Imaxe, como se che indica na figura:
Váiseche abrir unha fiestra como esta:
Nela podes escoller diferentes opcións de escalado, de momento tes que facer o seguinte:
- Escalar proporcionalmente ao 50% do seu tamaño e garda como lugo escalado50.jpg, no mesmo cartafol que a imaxe orixinal.
Váiseche abrir unha fiestra como esta:
Selecciona a calidade que che sae por defecto (debera ser 85%) e dalle a gardar. Cerra a imaxe en GIMP.
- Colle outra vez a imaxe lugo.jpg e escálaa proporcionalmente a 200 px de ancho. Gardaa con calidade por defecto como lugo escalado200.jpg . Cerra a imaxe en GIMP.
- Colle outra vez a imaxe lugo.jpg escálaa non proporcionalmente a 200 px de ancho. Gardaa con calidade por defecto como lugo deformado.jpg. Cerra a imaxe en GIMP.
- Colle outra vez a imaxe lugo.jpg, e dalle a gardar como , selecciona calidade 100% e nomeaa lugo calidade100.jpg. Cerra a imaxe en GIMP. Repite o proceso con calidade 50 e calidade 10, gardando como lugo calidade50.jpg e lugo calidade 10.jpg. Cerra todas as imaxes con GIMP.
Abre as imaxes co visor (directamente doble clic) e compáraas... notas algunha diferenza? Repara nas propiedades de peso e tamaño das imaxes... son distintas?
Cambiando formatos:
Colle a imaxe lugo escalado200.jpg que tes de antes, ábrea co GIMP e gárdaa co mesmo nome pero con extensión de arquivo .png e logo con extensión .gif. Repara nas opcións que che aparecen pero selecciona todo por defecto, según saia. Repara nas propiedades de cada imaxe e compara.
Escalar para agrandar:
Lembras como fixemos antes para escalar a un tamaño inferior do orixinal? Imos ver que pasa cando facemos o contrario. Descarga esta imaxe dun botón:
Ábrea co GIMP e escala ao 1000%. Na fiestra que che aparece, no menú Calidade: Interpolación , selecciona Ningunha.
Garda como boton escalado1000.jpg e repara no resultado. Dalle a Editar>Desfacer e volta a escalar, esta vez coa opción de Interpolación en Cúbica. Repara no resultado esta vez tamén. Decataríaste que a imaxe perde moita calidade, máis aínda se non empregamos Interpolación. Lembra que as imaxes sempre perden calidade cando as escalamos a un tamaño maior do orixinal, algo que non acontece cando facemos o contrario. Ten isto moi en conta, sempre é mellor partir de imaxes de tamaño grande e reducilas segundo as nosas necesidades.
Recortar imaxes:
Ás veces pódenos interesar só unha parte da imaxe que temos, para iso temos a ferramenta de recorte do GIMP. Unha vez máis, vaite á imaxe orixinal lugo.jpg , ábrea co GIMP. Na caixa de ferramentas tes unha especie de cúter, se queres recortar un trozo dunha imaxe non tes máis que picar nese botón, e facer unha fiestra sobre a parte que che interese da imaxe. Se non acertas á primeira, podes agarrar a fiestra polas esquinas e modificala. Unha vez estexas satisfeita co resultado, pica na parte iluminada da imaxe e xa tes recortada esa parte. Gardaa como lugo recortado.jpg, e xa sabes, compara o tamaño e peso, bla, bla, bla...
Colocar as imaxes:
Agora que tes unha serie de imaxes feitas e sabes como traballar con elas, tenta insertar algunha nun documento de texto, nunha presentación, achegar unha imaxe por correo...
Exercicios avanzados:
Se chegamos ben até aquí, parabéns, xa podemos lanzarnos a facer exercicios máis complexos.