Búscase xestor de contidos web

Copio e pego aquí o texto da oferta de traballo que fixeron desde a navalla suiza en abril do 2012, porque paréceme moi interesante para traballar con ela:

Buscamos xestor de contidos web a media xornada

Na Navalla suíza estamos buscando unha persoa que nos axude a sacar para adiante traballo de contido para webs, de testaxe e a facer tarefas de apoio na xestión. Terías que incorporarte de forma inmediata (maio) e, en principio, requiriría que traballases no noso HQ do Milladoiro (Ames).

Que precisamos?

    • Sobre todo, unha persoa que teña experiencia de traballar con web dende a perspectiva dos contidos ou da xestión de proxectos.

    • Debería saber redactar dunha maneira razoable, ser áxil e estar preparado/a para adaptarse a traballos lixeiramente cambiantes. Os xornalistas teñen moito avanzado, pero non é imprescindible.

Que valoramos?

    • Molaría que a experiencia fose diversa: interésanos máis alguén que fixese catro tipos distintos de traballo web nun ano, ca alguén que botase 10 anos cubrindo formularios.

    • Gustaríanos que foses adaptable ás circunstancias e que estiveses cómodo/a en contornos de traballo de límites difusos.

    • Gustaríanos que lle botases un ollo ás webs que fixemos.

    • E que controlases algo de inglés.

Ata cando dura esta oferta?

Ata o luns 30 de abril, ao mediodía (12am).

Cales son as condicións?

    • Xornada de 4 horas diarias, en principio durante 3 meses. O resto do día terías o teu posto de traballo dispoñíbel para proxectos persoais ou para o que queiras.

    • Esa xornada sería cun horario de mañá, pero habería algo de marxe para buscar solucións puntuais en función do traballo dos demais membros do equipo.

    • Soldo: Ao redor de 800€ netos mensuais, dependendo da retención que escollas.

    • Vai incluído todo o café, té e froita que precises. Tamén temos neveira e microondas.

    • Nota: Na oficina hai unha cadela que se chama Lula, co cal é positivo que non teñas alerxia aos cans.

Que nos tes que enviar?

Non queremos currículos.

Insistimos: non queremos currículos. Mándanos 1 ou 2 parágrafos explicando quen es e o que sabes facer. Indícanos tamén un par de proxectos web nos que traballaras, qué aspectos deses proxectos supuxeron un reto para ti, e como resolviches.

Tamén che pedimos que identifiques os que, ao teu parecer, son os 7 principais problemas desta web (http://www.specificplumbingandheating.com/), e explica por que son problemas ou como os amañarías.

Deberías sinalar, polo menos,

  • 1 problema que teña que ver co deseño e cos elementos gráficos

  • 1 de usabilidade

  • 1 de organización de contidos

  • 1 de texto (non de ortografía, habisamos)

Envíanos todo aquí, e evita na medida do posible os documentos anexos. A brevidade, a orixinalidade e o humor serán tidos en conta.

Se sabes de alguén a quen lle poida interesar esta oferta non dubides en enviarlla. Tamén podes tuiteala :)

Contesta ás seguintes preguntas sobre a oferta de traballo:

1 - Que cres que fai un xestor de contidos web?

2 - Que cres que queren dicir con que lles molaría unha experiencia variada? e con adaptarse a contornas de traballo con límites difusos?

3 - Bótalle un ollo aos traballos de a navalla suíza, escolle o que máis che guste e sinala tres cousas que che parecen interesantes nel.

4 - Redacta, como eles piden, un ou dous parágrafos explicando quen es e o que sabes facer. Evidentemente, non saberás moito de xestión de contidos web, pero seguro que tes moitas cualidades (contar bos chistes vale) e fas outras cousas ben (si, xogar ao futbol tamén vale). Imaxina que a oferta é dun traballo que se axeita ás túas características, e tenta explicar por que serías un bon candidato ou candidata ao posto de traballo.

5 - O traballo libre que estás a facer en informática ten que ser un reto para ti, así que cando acabe terás que ser capaz de redactar un parágrafo indicando como o superaches, como piden na oferta de traballo.

6 - Colle a páxina que che indican e sinala os problemas que lle ves, non os 7 que piden senón un de cada tipo que sinalan como mínimo.

Para contestar, envíame un correo. Terei en conta os mesmos valores que terán en conta na oferta.