Animar unha pelota

Neste titorial imos ver como crear un gif animado empregando o Inkscape e o GIMP.

Neste exemplo, imos facer o bote dunha pelota seguindo este esquema en 12 fotogramas:

Facemos o noso escenario

Empezamos abrindo o Inkscape:

1 - Dibuxa un círculo de, aproximadamente, 160 px de diámetro.

2 - Crea un rectángulo de 800 x 600 pixeles, nunha cor que contraste coa pelota e sen trazo. Duplícao (ctrl+D) e reduce a súa altura para ter outro rectángulo do mesmo ancho e á mesma altura que simulará o chan.

3 - Coa ferramenta Bezier e o editor de nodos , fai un trazo curvo que describa a traxectoria dun bote da pelota.

4 - Duplica (CTRL+D) o rectángulo co trazo 12 veces, cada un destes recadros será un fotograma da animación.

5 - Agora, teremos que ir movendo a pelota ao longo dese traxecto, para iso a imos colocando, duplicándoa e situándoa no seguinte recadro nunha posición máis avanzada. Presta atención ao esquema que che poño ao principio do titorial. É importante deformar a pelota cando toca o chan, e ter en conta que o desplazamento natural non é homoxéneo, é dicir, entre un e outro cadro, a pelota non sempre se despraza unha distancia igual.

7 - Cando teñamos completada a animación, podemos "ocultar" os trazos facendo que teñan a mesma cor que o fondo.

Exportamos os fotogramas

Unha vez temos construída a nosa animación en Inkscape, temos que ir sacando cada fotograma para despois montar a animación. Basicamente, trátase de ir tirando unha "foto" de cada cadro e nomealas con números sucesivos, para despois poder montalas no GIMP. Este é un proceso sinxelo, pero un pouco laborioso. Pode ser feito de diferentes maneiras, mais nós imos seguir o seguinte "fluxo de traballo".

    1. Selecciona o primeiro recadro de fondo. Asegúrate de que colles somentes ese recadro, que nos marca os límites do escenario, incluíndo o chan. Vaite a Ficheiro>Exportar...

    2. Selecciona a ruta (botón Export as, Examinar ou algo parecido) onde queres que se exporten as imaxes e o nome que queres que teña o primeiro cadro, rematando cun número do tipo: fotograma01.png

    3. Preme o botón de exportar.

    4. Repite o proceso con todas as imaxes, aumentando en cada unha o número de orde (fotograma02.png, fotograma03.png...)

(Clica na imaxe para aumentar)

O resultado final debera ser que no teu cartafol tiveses 12 imaxes, de exactamente as mesmas dimensións, co mesmo nome pero distinto número de orde.

Dámoslle vida!

    1. Abrimos o GIMP e seleccionamos "Arquivo > abrir como capas" e na xanela que se nos abre collemos os 12 cadros (mantén premida a tecla shift para clicar na primeira e logo na última e así seleccionalas todas).

    2. Dámoslle a "Arquivo>Exportar", dámoslle un nome e a extensión .gif. Abrirase unha xanela que nos preguntará se o queremos gardar como animación, marcamos esa opción, axustamos se queremos os milisegundos de retardo entre unha imaxe e outra, e lle damos a gardar.

Xa temos o noso .gif animado!