Na biblioteca e nas aulas de Coviña entendemos a arte contemporánea non como algo estático que se mira de lonxe, senón como unha acción viva capaz de transformarnos. Baixo esta premisa, e integrados na rede PLANEA, durante todo o mes de maio o colexio converteuse no escenario de "Interruptor", unha proposta artística en colaboración co colectivo La Querencia deseñada para poñer un paréntese na rutina diaria do alumnado e abrir as súas mentes a novas linguaxes creativas.
En que consistiu este "Interruptor"? Pois en deixar que a arte asaltase o noso día a día sen previo aviso. Cada xornada de maio traía consigo unha acción artística efémera que interrompía as clases ou os movementos habituais, obrigándonos a mirar o colexio con ollos novos. Vivimos momentos de pura maxia e provocación conceptual con accións tan variadas como:
Corpo e movemento na contorna: Romper a clásica liña de andar polo corredor improvisando camiños e xestos por todo o colexio, ou xogar ás esculturas corporais habitando os espazos comúns dun xeito totalmente diferente.
Manifestacións silenciosas: Crear cartaces de protesta e saír en marchas sen voz, experimentando a forza da imaxe e do silencio como ferramentas de expresión cidadá.
Transformación de espazos e obxectos: Desafiar a física e a imaxinación construíndo unha Torre Eiffel xigante utilizando unicamente lapis e celo, ou apagar as luces e mudar o ambiente ata converter a propia aula nunha rechamante catedral gótica.
Accións para a alma e a convivencia: Parar as clases para brindar solemnemente polo noso colexio, ou compartir un momento doce tomando un chocolate quente mentres escribiamos e ceibabamos un desexo colectivo.
Estas interrupcións diarias foron unha sacudida necesaria para demostrar que a arte está nas nosas mans, nas nosas decisións e na forma na que decidimos habitar e transformar o mundo que nos rodea.
Para recoller, procesar e pór en valor o rastro de todas estas marabillosas accións vividas en maio, o vindeiro venres 19 de xuño inauguraremos na biblioteca unha exposición especial. Nela amosarase o testemuño gráfico e o fío condutor desta experiencia.