Obradoiro artístico de entroido: cruzando culturas en comunidade.
Este curso, no marco do noso Proxecto Documental Integrado Cruzamos? (a América), desenvolveuse un obradoiro artístico de Entroido que contou cunha excelente acollida e participación por parte das familias. A actividade foi conducida por un pai e unha nai do centro, Amaia González e José Vidal, ambos con formación e experiencia no ámbito das artes plásticas, e estruturouse en dúas sesións de tarde abertas a toda a comunidade educativa.
Durante o obradoiro, creamos máscaras e tótems inspirados en diferentes culturas americanas, combinando expresión artística, aprendizaxe intercultural e celebración festiva. Nenos, nenas, pais e nais compartiron espazo e materiais, experimentaron con técnicas plásticas e contribuíron co seu talento e creatividade a dar forma a unha proposta colectiva chea de cor, simbolismo e identidade.
Esta actividade converteuse nun verdadeiro exemplo de colaboración e aprendizaxe en comunidade fóra do horario lectivo, fortalecendo os vínculos escola-familia e poñendo en valor o potencial creativo presente no noso contorno.