Un grupo de familias, de forma voluntaria, organizou na escola a segunda edición dunha festa para a comunidade educativa que levou por título "Queremos festa 2". A través da venda de rifas, camisetas e venda no propio día de comida e augas, patrocinan a súa propia celebración.
Durante este curso, a festa tivo lugar o domingo 12 de maio desde as 11 ata as 19:30 coas seguintes actividades:
Andaina musical: unha ruta circular dende a escola ata o banco do amor, acompañada de pequenas intervencións musicais en diferentes puntos.
Romería e xantar popular. Preparación de mesas e sillas (cedidas polo Concello) na escola para xantar en comunidade. Este xantar foi acompañado de diferentes actuacións musicais (a maioría de exalumnos e familias membros da Banda Unión Musical de Meaño) .
Contacontos no novo auditorio natural da charca, a cargo de Olalla González e Marc Taeger (con ilustracións realizadas no momento).
Sesión DJ.
Unha nai e un pai da escola, músicos profesionais, ofrecéronse voluntariamente a preparar cada venres á última hora a cantiga do mes. Ensináronlles ás demais familias a tocar diversos instrumentos de percusión e a cantar. En colaboración co mestre de música, que tamén prepara as cantigas co alumnado da escola, o último venres de cada mes reunímonos en comunidade para cantar. Todas as cantigas son populares de Galicia, e grazas á recopilación dos últimos anos, xa contamos cun bo cantigueiro.