As mochilas viaxeiras: a biblioteca que chega a casa
Un curso máis, puxemos en marcha a actividade das mochilas viaxeiras, co obxectivo de achegar ás familias unha selección de lecturas e materiais pensados para motivar, entreter, sorprender e compartir momentos arredor dos libros.
O propósito segue sendo o mesmo: levar un pedaciño da nosa biblioteca escolar a cada fogar, reforzando o vínculo entre escola, lectura e familia.
Este curso, dende o equipo de biblioteca preparáronse 13 mochilas (unha por cada grupo-aula, máis dúas adicionais para aulas máis numerosas e unha para profesorado), co seguinte contido adaptado a cada nivel:
Un conto axeitado á idade.
Unha novidade de narrativa (en Primaria).
Un exemplar da revista Pantera.
Un xogo de cartas creativo.
Unha guía orientativa para familias.
Un caderno de viaxe para deixar constancia da experiencia.
Como vén sendo habitual, cada quince días realizouse un sorteo pola megafonía da escola, no que se anunciaban os nomes das persoas gañadoras de cada aula, coincidindo coa hora de lectura. As mochilas foron recollidas na biblioteca, onde comezaba unha nova aventura lectora en familia.
Ao final de curso, todo o alumnado tivo a oportunidade de levar á casa unha mochila viaxeira, facendo realidade o noso desexo de que a lectura sexa tamén unha experiencia compartida fóra da escola.