Recreos na biblio: un espazo aberto, vivo e cheo de vida.
Durante este curso, a biblioteca escolar mantívose aberta todos os días durante o recreo, converténdose nun espazo de lecer alternativo e moi valorado polo alumnado de Infantil e Primaria. Cada nena e neno escolle libremente onde pasar este tempo, igual ca en calquera outro espazo do patio, e son moitos os que deciden vivilo entre libros, xogos e compañía na nosa biblio.
Este tempo de recreo na biblioteca é, cada día, unha oportunidade para compartir momentos máxicos: convivencias entre diferentes idades, novas amizades que nacen arredor dun conto ou dun xogo de mesa, lectura individual ou compartida, intercambio de libros para levar a casa, manualidades, obradoiros espontáneos ou organizados, prácticas de origami… E todo isto nun ambiente inclusivo, acolledor e respectuoso co ritmo e as necesidades de cada persoa.
Un dos aspectos máis enriquecedores é a implicación do noso equipo de covilaboradoras e covilaboradores, que durante os recreos axudan activamente na xestión de préstamos, fan recomendacións lectoras, explican normas e dinámicas dos xogos, lembran recoller e deixar todo no seu sitio… A súa participación fai que a biblioteca funcione como un espazo colectivo e coidado por todas e todos.
O que máis nos gusta é que a biblioteca se escolle libremente, e escóllese con ilusión. Porque é un refuxio, un lugar tranquilo, un espazo que acolle e que ofrece múltiples posibilidades para vivir o recreo doutro xeito: lendo, creando, xogando ou simplemente sendo.