O proceso de elaboración dos proxectos, o mellor camiño.
Este curso, cada grupo de Primaria embarcouse nunha viaxe única a través do noso proxecto documental integrado “Cruzamos”, explorando distintas culturas e territorios do continente americano. Así, 1º de Primaria viaxou ata Costa Rica, 2º descubriu os segredos de Perú, 3º aventurouse pola Patagonia, 4º mergullouse nos misterios da Illa de Pascua, 5º percorreu Brasil e 6º investigou EEUU.
En todos os casos, o máis valioso non foi o destino, senón o camiño: o proceso de investigación e aprendizaxe vivido en cada titoría. Os proxectos convertéronse en espazos onde a curiosidade guiou o saber. A partir de preguntas formuladas polo propio alumnado, iniciouse a busca de información, a lectura e selección das ideas principais, a organización dos contidos e a elaboración dos materiais.
Ademais de investigar, aprendemos facendo: elaboramos maquetas, preparáronse pratos típicos, creáronse podcast, graváronse vídeos, fixéronse entrevistas, deseñáronse carteis e ata anuncios. Cada grupo viviu o seu proxecto como unha experiencia completa, creativa e conectada coa realidade.
Todo este traballo culminará na gran exposición final do 4 de xuño, onde compartiremos con toda a comunidade educativa o resultado deste proceso tan enriquecedor.