Escrita creativa: dar voz ao que queremos contar.
Na nosa escola entendemos que lectura e escritura van sempre da man, e que a biblioteca debe ser un espazo vivo, cheo de posibilidades para crear, investigar e expresarse.
Durante este curso, continuamos co traballo arredor da escrita creativa desde as titorías, compartindo ideas e recursos entre ciclos e facendo da escrita unha práctica habitual, motivadora e con sentido. A biblioteca conta cun andel específico con materiais, libros e propostas que poden servir de apoio e inspiración nas diferentes aulas, sempre desde unha visión compartida de escola.
A acollida por parte do alumnado está a ser moi boa: gústalles escribir, mellora a súa expresión escrita e senten que teñen algo que contar.
Unha das novidades deste curso foi a introdución do texto libre, unha proposta que permite ao alumnado escribir o que quere, como quere e cando sente que ten algo que contar. A acollida foi espectacular: sentíronse donos das súas palabras, creativos, libres e moi implicados co que escribían.
Este curso tamén se estrearon novos buzóns no edificio de 3º a 6º, dando continuidade á zona de correos que xa existía para 1º e 2º. Foi unha proposta do Consello Escolar da Infancia que levamos a cabo entre todas e todos. Nestes espazos, o alumnado pode cartearse entre si, coas mestras ou con Coviña, fomentando así a escrita espontánea, o gusto por comunicarse e, por suposto, a lectura de todo o recibido.
Porque cando escribir nace da emoción e da intención, ler convértese nun acto de descubrimento.